Novas por contido

Os expedientes son transportados por persoal de Tragsatec sen saber como son controlados, quen accede a eles ou que se fai cos datos.

A CIG vén de presentar denuncia contra a Dirección Xeral de Patrimonio, perante a Axencia de Protección de Datos, por externalizar a emisión de informes da Comisión de Patrimonio Histórico a través de encomendas de xestión con Tragsatec, traspasando a custodia e tramitación de expedientes sensibles a unha empresa externa sen ningún tipo de control, nin planificación de xestión dos datos contidos neses expedientes.

Entre outros datos, a central sindical sinala na súa denuncia planos de edificacións, contas bancarias, orzamentos de obra e todos os datos contidos en permisos de edificación e xestión urbanística. Datos que deben permanecer debidamente custodiados e tratados por persoal cualificado, polo que reclama a eliminación das encomendas de xestión e a creación das prazas necesarias para desenvolver os traballos de patrimonio cultural.

Encomenda a Tragsatec

Desde o ano 2018 a consellaría de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, está a externalizar o traballo técnico do persoal arqueólogo e arquitecto a través de varias encomendas coa empresa Tragsatec. Os expedientes abandonan as instalacións da consellaría de Cultura e son transportados por persoal da empresa Tragsatec ás súas instalacións onde nin se sabe por quen son controlados, nin quen accede ou que fai cos datos.

A falla de persoal da consellaría non pode ser solucionada coa externalización de traballos técnicos a empresas, senón coa consecuente creación de prazas de RPT e a súa cobertura urxente. O número de prazas necesario determinaríase co estudo de cargas de traballo e necesidades da dirección xeral de Patrimonio xa que o traballo externalizado non se trata dunha asistencia técnica puntual derivado dunha obra ou servizo extraordinaria senón que é un traballo habitual que debe ser desenvolvido por persoal público.

Incumprimento da Lei de Protección de Datos

As dúas encomendas asinadas até o de agora en xullo de 2018 e en marzo de 2019 incorren en varias irregularidades. Entre outras, a cesión da decisión técnica afecta a bens de dominio público, no caso da defensa do patrimonio arqueolóxico. Trátase dun traballo de carácter funcionarial que debe ser feito por persoal con suficiencia técnica, capacidade e independencia.

Xunto a isto hai un incumprimento da Lei de Protección de Datos, pola cesión de datos privados a unha empresa allea e a encomenda de traballos técnicos cando non conta nin cos medios, nin co persoal acaído para eses traballos.

A isto engadimos a fraude que supón para as persoas que se apuntan e pagan as taxas nas listas de agarda para a contratación de persoal propio da Xunta de Galiza, furtándolle as súas expectativas de traballo ao externalizalo sen escrúpulos cara empresas.

Incapacidade de Tragsatec

A CIG denuncia tamén a incapacidade manifesta de Tragsatec para realizar traballos en patrimonio xa que é unha empresa de servizos agrarios e non ten nos seus fins fundacionais traballos técnicos de contido cultural.

Por iso solicitamos, ao abeiro do artigo 8.5 da Lei 16/2010 de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galiza (LOFAXGA) copia das encomendas, ou ben a súa publicación íntegra na web institucional, tal e como contempla a lei.

Lembramos ademais que a actual encomenda remata no final do mes de xuño, por iso entendemos que non se debe renovar e débese acudir ao persoal público porque do contrario a nosa organización sindical continuará coas accións que correspondan para parar estas externalizacións e a retirada de expedientes de edificio público.

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...