Novas por contido

No edificio no que traballan 50 persoas non hai espazo para manter a distancia de seguridade pola covid

A CIG vén de presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Ourense contra o delegado territorial da Axencia Tributaria de Galiza (Atriga) por non tomar medidas preventivas para evitar contaxios entre o seu persoal e as persoas usuarias.

Este centro atópase nun entrechán do número 38 da rúa Progreso, nun inmoble con pouca altura e pouco espazo físico, o que dificulta que se poida manter a distancia de seguridade recomendada, xa que ademais do público que se atende traballan arredor de 50 persoas.

O que máis destaca deste centro de traballo da Xunta é que está situado nun edificio privado cunha grande dificultade para gardar as distancias tanto dentro como nos accesos, e aínda que se colocaron anteparos entre postos os espazos de circulación son cativos. Ao que hai que sumar que a ventilación actual non garante a renovación do aire para evitar contaxios por aerosois e o feito de que o delegado territorial segue sen proporcionar máscaras de protección ao seu persoal.

Cun escenario de confinamento por un nivel de positivos inasumíbel na cidade, que xa ten colapsado o sistema sanitario, non entendemos como a Xunta, e nomeadamente o delegado territorial de Atriga, aínda non aplicase as mínimas medidas de protección fronte ao virus.

Nin o persoal nin a representación sindical coñecen que haxa nin tan sequera unha simple avaliación de riscos laborais do centro ao risco biolóxico da covid. Non informan dos positivos se os hai, nin das medidas de prevención, nin se establecen medidas organizativas para evitar a coincidencia como o teletraballo e quendas de presencia; de feito, nin se autoriza o teletraballo ordinario nin hai quendas de entrada e saída; e tamén se descoñece o plan de limpeza.

Medidas insuficientes

Esta situación obriga o persoal a traer as súas propias máscaras e a ter que limpar o seu posto de traballo co seu propio xel hidroalcólico. A Xunta so se preocupou de establecer un sistema de cita previa e uns anteparos, como se o persoal se teletransportara até o seu posto e non respirara. Por iso consideramos insuficientes as medidas para un centro de traballo ubicado no entrechán dun edificio cun pequeno ascensor e escada de acceso, con tres salas para máis 50 persoas empregadas públicas e un bo número de atencións diarias, que hoxe mesmo superaron o centenar.

Para rematar, cando un delegado/a da CIG quere ir ver en que situación se atopan os traballadores/as deste centro o propio delegado territorial prohíbelles o acceso, polo que tamén denunciamos este feito na Inspección por vulnerar o dereito de representación do persoal.

Outras novas recentes

Mércores, 25 Novembro 2026

Abuso na esixencia de documentación a persoal de novo ingreso e concurso de traslados

Algúns departamentos de persoal están a esixir documentación innecesaria ás persoas que toman posesión de posto de concurso de traslados ou ás de novo ingreso. Documentación innecesaria porque ou xa foi presentada ante quen ten a competencia de verificar o cumprimento dos requisitos, ou por conter datos que non hai razón para entregalos. O primeiro, e máis grave, é a...
Martes, 24 Novembro 2026

Persoal de incendios clama nas rúas de Santiago por melloras laborais e organizativas

fcFn-kcRJ6M?is CIG convocou unha manifestación que percorreu as rúas de Compostela, para visibilizar as reivindicacións do persoal do servizo de incendios (SPIF), por unhas condicións laborais dignas e melloras salariais e organizativas que permitan adaptar o servizo á realidade actual, tanto de carestía da vida como da nova tipoloxía de lumes. A manifestación nacional,...
Martes, 24 Novembro 2026

A Administración actúa como polo sen cabeza coas tomas de posesión

Por fin rematou a toma de posesión convocada no DOG do 11 de novembro de 2026, a toma de posesión en escalas de persoal funcionario que ía ocupar maioritariamente postos en centros de destino das Consellerías de Educación, Política Social, Medio Rural e Medio Ambiente. Podíamos imaxinarnos que nada ía saír ben tendo como referencia a toma de posesión convocada en agosto,...