Novas por contido

Delegados e delegadas da CIG-Autonómica concentráronse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, tras celebrar unha asemblea no edificio Cersia, para demandar o cese do director xeral de Función Pública; denunciar os efectos da funcionarización; exixir o 1º e 2º grao de carreira profesional e a convocatoria do concurso de traslados xa.

Trece anos xa, estendendo o seu negro manto, leva enquistado este director xeral de Función Pública, na Administración da Xunta de Galiza. Trece anos de condea para as persoas empregadas públicas, que pagan polos "delictos" ideolóxicos que outra persoa cometeu. Trece anos do inicio da aplicación dos delirios neoliberais que pretenden reducir e minguar o papel das Administracións públicas e das súas persoas traballadoras.

O director xeral de Función Pública logo de 13 anos no posto é, para a CIG, sen ningunha dúbida, a persoa responsable do desastre na xestión do persoal da Xunta de Galiza. É directamente responsable da alta temporalidade, ou da destrución de postos de traballo para sustentar esa administración paralela coa entrada de empresas absorvendo emprego público.

É culpable de precarizar as condicións do persoal mantendo os recortes da crise do 2012, paralizando a mobilidade do persoal sen a convocatoria de concursos de traslados e con promocións internas ridículas. É responsábel do alto índice de temporalidade na Xunta, e xunto con CCOO e UGT da funcionarización obrigatoria e sen garantías, da exclusión do persoal temporal e interino da carreira profesional, da falta de proporcionalidade da mesma nos tramos e nas contías.Tan só a resposta da Xustiza ante a demanda da CIG pola carreira profesional discriminatoria bastaría para esixir a súa dimisión.

Así xa van 13 anos de desfeitas na Función Pública, 13 anos de destrución de emprego, 13 anos de abusos na contratación temporal, anos de loitas intensas no terreo da xustiza porque nin hai maneira de entenderse nos termos da negociación, anos perdendo masa salarial, anos de incertidume sen procesos de selección ou concursos de taslados.

Con Jose Maria Barreiro a función pública galega perde a oportunidade da modernización, a renovación e ampliación dos cadros de persoal que den frescura a unha Administración que quedou obsoleta, rancia, excesivamente burocratizada, onde a persoa usuaria do servizo público pérdese para poder entregar un documento ou acaba pagando a unha xestoría por un trámite que antes levaba 5 minutos.

Agora, cos efectos desta funcionarización chapuceira, a cachos, opaca e sin garantías deseñada pola Xunta, son devastadores. Como pode ser que nos teñamos que examinar antes de saber cal vai ser o salario e as condicions do traballo? En todo este proceso negáronse a trasladar as melloras do V Convenio Colectivo Único para a Lei do emprego público de Galiza e ao tempo aproveitar para recuperar aqueles dereitos suspendidos pola vaga de recortes do 2012, como o artigo 19 ou o Fondo de Acción Social.

Na CIG opoñémonos a un réxime xurídico único "á baixa". Os máis afectados son precisamente os traballadores e traballadoras dos centros residenciais, bombeiros, mar e medio ambiente... aqueles con maior especificidade no posto con xornadas a quendas, noites, penosidade, toxicidade..

Nestas condicións de incerteza para obrigar a funcionarizar ao persoal fixo, xogan dous elementos básicos: a carreira profesional e os concursos de traslados. Salario e mobilidade quedan cortadas si se opta por non se funcionarizar, unha chantaxe a que a maioría do persoal tivo que someterse para non quedar amarrado para sempre na súa praza. Co persoal temporal élles máis doado: ou aceptan a conversión a funcionario/a interino/a ou a rúa. Para máis, é moi posible que rexeitar funcionarizarse neste caso non dea dereito nin ao subsidio por desemprego nin moito menos á indemnización por despedimento.

Así mentres CCOO e UGT pactan coa Xunta e negocian chapuceiramente ás agachadas na Comisión de Seguimento do seu Acordo de Concertación para intentar arranxar a desfeita que provocaron, a CSIF busca facer caixa enfrontando ao persoal funcionario e laboral.

Pero na CIG temos claro de quen marca as reglas do xogo nesta desfeita é a Dirección Xeral da Funcion Pública que ten como fin último da funcionarización precarizar as condicións laborais do persoal e abaratar o despedimento de máis de 5000 temporais e indefinidos non fixos.

A temporalidade na Xunta acada valores insostibles/incribles: hoxe perto do 40% do persoal da Xunta de Galiza é temporal en prazas estruturais. Esta porcentaxe aumenta en sectores como incendios, educación, centros residenciais de política social ou en todo o Consorcio de Igualdade e Benestar. As taxas de reposición deben eliminarse para poder recuperar o emprego perdido e poder ter Ofertas de Emprego co maior número de prazas. Porén o mais importante é un verdadeiro Plan de choque contra a temporalidade con procesos de estabilización reais. Así, as bases destas convocatorias deben ser negociadas con criterios obxectivos e que favorezan o mantemento do emprego. Lonxe disto a Dirección Xeral de Función Pública sigue a ignorar este problema e os procesos de estabilizacion e consolidacion estan na práctica a ser procesos ordinarios de selección deixando ao abeiro da decisión de cada tribunal os criterios de corte na fase de oposición.

Onde está a carreira profesional? O director xeral de Función Pública agocha o segundo grao de carreira profesional e bloquea o acceso ao persoal temporal no sistema extraordinario. A Xunta, CCOO e UGT acordaron unha carreira profesional excluínte, limitada, a cachos e sen garantía orzamentaria. Para máis, obriga ao persoal laboral fixo a se funcionarizar ou terá que voltar a pasta. A CIG foi ao xulgado e gañou o primeiro grao extraordinario para todas e todos pero a Xunta recorreu en casación ante o Supremo co fin de alongar a agonía. Mentras, nada se sabe da Orde de solicitude do segundo grao extraordinario que está orzamentado e do ordinario para o persoal que xa cumpre os requisitos.

Que foi dos concursos de traslados? O 7 de maio publicouse a listaxe de persoas admitidas no concurso de traslados de corpos xerais que leva un ano e medio dende a convocatoria. Doutros concursos nada se sabe, como dalgunhas escalas e corpos especiais, e xa pasaron 9 anos dende a última convocatoria, e do concurso de traslados do persoal laboral 10. A culpa é dos dirixentes de Función Pública que deste xeito vulneran dereitos nas tomas de posesión, afectan a vida do persoal e interfiren na súa promoción profesional, promovendo o clientelismo coas comisións de servizo.

Todos estes motivos, constitúen os tachóns na folla de servizos deste director xeral e son un demérito que só mediante a súa dimisión pode limpar. Trece anos de demolición do carácter público e ben ordenado dunha administración que el mantén sumida no caos, na inmobilidade no mellor dos casos, ou no desastre organizativo e funcional na súa faciana máis agresiva.

Por decencia, por dignidade, por respecto aos dereitos das persoas empregadas públicas, pola urxente necesidade do País de contar cunha administración á altura da súa xente e das súas persoas traballadoras..  Sr. Barreiro dimisión, por inútil na xestión!!

Outras novas recentes

Venres, 15 Novembro 2024

A CIG-Autonómica dá por rematada a súa presenza en X-Twitter como rexeitamento á alianza fascista Trump-Musk

A decisión vén motivada polo apoio incondicional do dono desta rede social, o magnate Elon Musk, a TrumpA “victoria” de Donald Trump e o apoio millonario de Elon Musk á súa reelecciónDonald Trump vai tomar posesión como novo presidente dos Estados Unidos de América o 20 de xaneiro de 2025, despois de gañar de novo as eleccións á Casa Branca o martes 5 de novembro, cunha...
Xoves, 21 Novembro 2024

Rueda esnaquiza a GAIN, mentres Economía, Educación e Igape se reparten persoal, funcións e competencias

A reestruturación da Xunta de Galiza lévase por diante á GAIN e ao seu persoal O secretario xeral da Consellaría de Economía e Industria convócanos o luns 18 de novembro de 2024 aos sindicatos a unha xuntanza “informativa”, sen opción a negociar ningún aspecto, e a 12 días de  efectuar os traspasos de traballadoras e traballadores (1 de decembro de 2024). Nada máis...
Luns, 18 Novembro 2024

RPT de Política Social e Igualdade (proposta para 20/11/24)

A Consellería de Política Social e Igualdade convocounos a unha xuntanza para o día 20 de novembro, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar. Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG