Novas por contido

A CIG Autonómica ten solicitado en incontables ocasións xuntanzas e mesas de negociación coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade para aqueles asuntos de interese para o persoal non docente dos centros de ensino; pero con carácter xeral esta Consellería non quere entender que o ámbito de negociación lexítimo non é a Mesa Sectorial Docente cando o que se negocia afecta a unha parte do seu persoal que non é docente.

Que fixemos nos últimos meses?

  1. O Protocolo de adaptación ao contexto Covid para o curso pasado (2020-2021) tratouse no ámbito da Mesa Sectorial do Persoal Docente. Aínda así, e dada a excepcionalidade e importancia deste asunto, xa que afectaba as condicións de traballo do persoal non docente, por responsabilidade, dende a CIG Autonómica fixemos achegas a cada unha das versións deste protocolo que se foron publicando na páxina web, achegas que non foron respondidas por parte da Consellería.
  2. En abril deste mesmo ano, repítese esta maneira de proceder por parte da Consellería cando se leva á mesa sectorial a negociación da orde pola que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes, o que produce a queixa da CIG Autonómica en varias Mesas Xerais de Empregados Públicos e, que incluso, nos obrigou a presentarnos na xuntanza da mesa sectorial para esixir a súa negociación coa representación lexítima do persoal.
  3. En maio, a Xunta propón unha modificación da RPT desta Consellería. A última creación en RPT de postos de persoal laboral existentes foi no ano 2015, e dende aquela creáronse numerosos postos que están fóra da RPT (abondan exemplos de postos de auxiliar coidador, axudante de cociña, intérprete de linguaxe de signos...). Nunha xuntanza anterior pola RPT de educación en data 26/09/2019, responsábeis da consellería de Educación recoñeceron o problema e comprometéronse a “comezar a traballar na RPT do persoal laboral” co fin de regularizar a situación dos postos ficticios. Pero desta volta con esta nova modificación tampouco se inclúe a este persoal o que supón que 
    • Os postos que non meteron en RPT non puideron ser ofertados na recente elección de destino do proceso de camareira/limpadora (promoción interna e libre).
    •  As persoas que os ocupan non poden cobrar todos os pluses aos que si terían dereito de estar en RPT.
  4. O Protocolo de adaptación ao contexto Covid do vindeiro curso 2021-2022, que loxicamente afecta a persoal non docente, é novamente levado a consideración pola mesa sectorial o pasado 13 de xullo, sin que se nos faga partícipes.
  5. O persoal non docente itinerante atópase discriminado respecto do persoal docente itinerante, que dispón de un acordo das súas condicións de traballo dende o ano 2008 onde se recoñece, entre outras, a limitación de desprazamentos, a compensación económica destes desprazamentos, a protección da súa saúde nos desprazamentos e incluso a protección as docentes xestantes. O persoal non docente non ten recollido ningún destes dereitos e compre a súa urxente negociación para que se habiliten de cara o curso 2021-2022.
  6. Ratios de limpeza e comedores: Respecto de outro persoal non docente como pode ser o de limpeza ten establecida unha ratio dende o ano 1994 (sin ter en conta os cambios que se teñen producido nos centros de ensino dende aquela e moito menos o aumento das tarefas pola Covid); o único que fixo a Consellería foi facer contratos de acúmulos de tarefas (que xa remataron en xuño) pero soamente nalgúns centros, deixando a maioría deles sen ese reforzo, cousa que non se entende xa que a dispoñibilidade e as tarefas deste persoal incrementaron en todos os centros e non soamente nalgúns. Ou o persoal de cociña ó que se lle sigue a aplicar un decreto do ano 2013, que durante este pasado curso (e en vista do novo protocolo no vindeiro curso as cousas non mudan) tiveron que asumir as medidas establecidas pola Covid (varias quendas de comida, novos espazos empregados como comedores alternativos...) e neste caso sen ningún tipo de reforzo.

Por todo o anterior, a CIG Autonómica acaba de solicitar unha vez máis a negociación coa representación lexítima do persoal non docente por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a recuperación do dereito á negociación colectiva das súas condicións laborais e avisamos que na CIG Autonómica xa non estamos dispostas a seguir consentindo este desleixo polo que esiximos unha mesa de negociación urxente de cara a acordar para o curso 2021-2022 avances nos seguintes asuntos:

- Condicións do persoal itinerante
- Ratios do persoal de limpeza
- Ratios derivados do decreto de comedores
- Bases de actuación para a negociación previa de todos os asuntos que afectan ao persoal non docente coa consellería do mesmo xeito que se fai co persoal docente no seu ámbito específico.

De non obter resposta por parte da Consellería de Educación a CIG Autonómica agotará todas as vías posibles.

 

Outras novas recentes

Luns, 02 Febreiro 2026

Xuntanza do CSSL de Medio Ambiente (17/12/2025)

O 17 de decembro tivo lugar unha reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Medio Ambiente, na que se trataron diferentes cuestións relativas á seguridade e saúde laboral do persoal. Durante a xuntanza puxéronse á disposición dos membros do Comité as avaliacións de riscos da Caseta do Gardarríos de Xubia e do Distrito Ambiental XVIII (Gondomar). Así mesmo,...
Venres, 30 Xaneiro 2026

Convocatorias de concursos-oposicións: bombeira forestal xefa de brigada e bombeira forestal

No DOG do 30/01/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala técnica do...
Martes, 27 Xaneiro 2026

Oposicións SPIF. Concursos de traslados pendentes (CP 26/01/26)

Asistimos á Comisión de Persoal do luns 26 de xaneiro. Os puntos da orde do día eran uns procesos de SPIF (concurso-oposición e estabilización). Na rolda aberta de intervencións, a CIG pediu información do estado dos concursos de traslados e a previsión dos que están pendentes. PROCESO SELECTIVO DE XEFE/A DE BRIGADA-B E BOMBEIRO/A FORESTAL-C2 Son procesos de...