Novas por contido

Pola súa "manifesta incompetencia" na xestión dos concursos de traslados e dos procesos selectivos

As Xuntas de Persoal funcionario da administración galega acordaron solicitar a dimisión, ou alternativamente a destitución, do actual director xeral da Función Pública, José María Barreiro, pola súa "manifesta incompetencia na xestión dos concursos de traslados e dos procesos selectivos". Os órganos de representación remitiron escritos con esta demanda tanto á Dirección Xeral como á Consellaría de Facenda polo "prexuízo aos dereitos das persoas empregadas públicas que desenvolven o seu labor na Xunta de Galiza" que leva causado a actuación do actual responsábel de Función Pública.

As representación social cualifica de "nefasta" a actual xestión do persoal, tanto procesos selectivos como na adxudicación de postos por concursos de traslados. "A tramitación dos procesos selectivos, especialmente os de promoción interna, xa é máis unha carreira de obstáculos que un proceso de promoción dun persoal que xa conta con coñecementos e experiencia acreditada coa súa antigüidade", subliñan.

Denuncian que "a incompetencia do director xeral da Función Pública é clara desde que foi nomeado, e deixase ver nas súas actitudes nas mesas de negociación. Son 12 anos de incapacidade na xestión de persoal, cuns interminábeis concursos de traslados que ou levan décadas de atraso ou unha vez convocados se prolongan case permanentemente".

Como exemplo, expoñen o acontecido na semana pasada co concurso de traslados de corpos xerais, que vai cumprir dous anos desde a súa convocatoria, e ante a imposibilidade de concluílo, a Xunta publicou unha ampliación do prazo para resolver, amparándose nun artigo que fala da falta de persoal para resolver os procedementos e sen indicar o período durante o cal se fai a prórroga. "Todo isto despois de non dicir nada sobre esa prórroga nunha reunión negociadora celebrada uns días antes", critican.

Problemáticas que levan unha década sen resolverse

Xunto a isto, advirten do aumento dos asuntos sen resolver, ou mal resoltos, durante todo o período que Barreiro leva ocupando a Dirección Xeral de Función Pública: dende a consolidación prevista na disposición transitoria décima do V Convenio do Persoal laboral, aos concursos de traslados do persoal laboral e do persoal de corpos especiais, e de veterinaria, até a RPT do persoal do Consorcio do Benestar.

"Asuntos que van todos para cumprir unha década, ou máis, sen convocarse ou resolverse, sumados a outras decisións que foron rectificadas polos tribunais mostran claramente a incompetencia como xestor da Función Pública do señor Barreiro. Por todo isto, e coas queixas que nos fixeron chegar as compañeiras e compañeiros, as Xuntas de Persoal funcionario da Xunta de Galiza acordamos solicitar a súa dimisión, ou alternativamente a destitución, do actual director Xeral da Función Pública".

Falta de exames equilibrados

No relativo aos procesos selectivos, no comunciado conxunto, as xuntas de persoal salientan que o paradigma dos despropósitos foi o proceso de acceso ao grupo C2, tanto en promoción interna como en libre, no que en lugar de facerse un exame equilibrado dos coñecementos que deberían ter as persoas que optaban a eses postos "houbo unha competición sobre quen sabía máis exclusivamente sobre unha parte do temario: as follas de cálculo".

"No proceso de promoción interna deixáronse vacantes máis da metade das prazas convocadas e no libre foi a culminación do desatino", continúan. Neste senso, critican que o exame, composto de 40 preguntas sobre o paquete ofimático LibreOffice (folla de cálculo, procesador de texto, base de dados...), tivo 32 preguntas sobre folla de cálculo e só 8 sobre o resto. "Por enriba, as preguntas da folla de cálculo tiñan un enunciado excesivamente complexo para o grupo C2, con fórmulas con funcións ligadas cun nivel de dificultade moi superior ao traballo a desenvolver por ese grupo. Parece que só se buscasen candidatos/as especialistas en follas de cálculo. Algo semellante a isto aconteceu noutros procesos selectivos".

Prexuízos para o persoal e as persoas usuarias

Sobre as consecuencia da parálise do concurso de traslado, explican que prexudica economica e profesionalmente as persoas que solicitaron participar, mais tamén as persoas usuarias dos servizos públicos, xa que a interinidade a que este xeito de actuar condena o persoal (desde o que se encarga de materias tan sensibles como a valoración de discapacidade, dependencia ou menores até as xefaturas de servizo posto que nunca se convocou o concurso específico recollido na lei) incide nunha deficiente prestación dos servizos.

Así, subliñan que a esaxerada rotación do persoal impide que o traballo sexa xestionado coa necesaria perspectiva por parte do persoal asignado, ao que hai que sumar as amortizacións sistemáticas de prazas co conseguinte aumento da carga de traballo para os empregados e empregadas que quedan.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...