Novas por contido

A CIG denuncia que co remate dos reforzos covid quedarán 800 contratos menos que en 2011

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a escaseza de persoal nos centros que xestiona a Consellaría de Política Social colócaos á cabeza no número de accidentes laborais, até o punto de que só no primeiro semestre deste ano rexistráronse un total de 71 incidentes deste tipo.

Dende a CIG-Autonómica denunciamos tamén que estas instalacións quedan sen reforzos pola covid para 2022, ao tempo que tampouco se recuperan os contratacións que permitan os descansos recollidos no V Convenio Colectivo, “o que segue a sobrecargar o persoal, que xa acumula 71 accidentes laborais tan só no primeiro semestre de 2021”.

As traballadoras sufriron 71 accidentes laborais só no primeiro semestre deste ano

Ademais disto, a Consellería segue a discriminar as traballadoras/es dos centros de atención directa (residencias de maiores, centros de menores, centros de día, centros de persoas dependentes, etc) “facendo un paripé de negociación das carteleiras de traballo e incluíndo xornadas leoninas que imposibilitan a conciliación da vida laboral e familiar, coa sobrecarga de todo o persoal”.

Neste senso, nos últimos anos elimináronse “infinidade” de postos de traballo de atención directa, “até o punto de que durante a pandemia houbo que reforzar os cadros de persoal para poder seguir coa atención ás persoas que están ao noso cargo”. Como exemplo disto, o vindeiro 31 de decembro rematan os “escasos” reforzos covid “e atoparémonos con 800 contratos menos que en 2011”.

Lamentamos que a pesar desta situación a Consellería continúa negándose a aumentar os cadros de persoal, “todo a costa da saúde dos propios traballadores/as e do seu dereito ao descanso e á conciliación da vida laboral e familiar”. Porque tampouco se cobren “dilixentemente” as baixas nin se reforzan as adaptacións de postos por razón de saúde.

Lesións e problemas de saúde

Isto tradúcese nunha sobrecarga de traballo nos centros que está a provocar lesións e problemas de saúde entre o persoal por causa dos sobreesforzos. “Recordamos que o persoal desta Consellería é o que máis accidentes laborais sofre xunto cos bombeiros forestais, e levamos demasiado tempo mantendo o servizo a costa da saúde do persoal, algo indignante, máis aínda cando estes accidentes son evitábeis”.

Pero a Consellería segue a afondar na precariedade e a negar calquera compensación por traballar domingos e festivos; segue a negar calquera tipo de conciliación familiar; e mesmo nega a posibilidade de que traballadoras que teñen crianzas en corentena pola covid poidan quedar na casa coidándoas.

Por todo isto, dende a CIG-Autonómica esixímoslle á Consellaría a apertura dunha mesa de negociación na que se aborde a necesidade de adaptar os cadros de persoal á realidade actual coa creación de postos de traballo, “así como abordar, dunha vez por todas, a compensación por traballar os domingos e festivos e os dereitos laborais do V Convenio Colectivo Único arrebatados en 2012”. Co obxectivo de garantir unha atención e uns coidados de calidade nos servizos asistenciais públicos, “para o que é preciso tamén termos dereitos laborais que garantan a seguridade e a saúde das persoas traballadoras”.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...