Con cambios sobre o habitual, pero sen manter criterios uniformes, o mércores 15 de decembro foron aprobadas na Comisión de Persoal as convocatorias dos procesos selectivos das enxeñarías agronómica, montes, industrial (A1), agrícola, forestal, industrial (A2), arquitectura (A1), arquitectura técnica (A2), química (A1), informática (A1) e axentes de gardacostas (C1), correspondentes ás ofertas de emprego dos anos 2018 a 2021. É de agardar que as convocatorias estean publicadas no DOG en poucos días.
Todos estes procesos contaron co voto en contra de CIG e CSIF, e o apoio de CCOO e UGT (os sindicatos do SI, con ledicia).
Novamente a bandazos
Podemos discutir se nun proceso selectivo determinado pode haber máis ou menos exercicios, tipo de probas, se debe existir e como será a fase de concurso, etc. Pero o que non é comprensible é que sexan moi diferentes entre si procesos de características similares.
Cal foi a razón de que estas enxeñarías (A1 e A2) vaia en dúas convocatorias separando o acceso libre e o proceso de estabilización, mentres que en Axentes de Gardacostas (C1) unan nunha mesma convocatoria tanto o acceso libre como a oferta de estabilización? (todas aprobadas o mesmo día).
E por que a convocatoria de acceso libre das enxeñarías (que vai separada da convocatoria de estabilización) é un concurso/oposición mentres que a convocatoria de informática (que é acceso libre) é oposición sen fase de concurso? (todas A1, e todas aprobadas o mesmo día).
Se nos fixamos na puntuación da fase de concurso do baremos por experiencia profesional, as diferenzas son enormes no número de anos necesarios para obter o máximo de puntuación:
Convocatoria | Anos necesarios |
A1 e A2.Enxeñarías. Acceso libre e prom.interna | 6,25 |
C1. Axentes gardacostas. Acceso libre + Estabilización e prom.interna | 14,5 |
A1 e A2. Enxeñarías. Estabilización e prom.interna | 14,5 |
A1. Informática. Acceso libre | Non hai |
En canto ao número e tipo de exercicios sirva esta comparación de tres procesos selectivos negociados (e publicados) nestes anos, todos eles do corpo facultativo superior (A1), de acceso libre con promoción interna:
Convocatoria | Exercicios puntuables |
2020. Veterinarios (A1). Acceso libre e prom.interna | 1.Test 180 preguntas (en dúas partes) |
2021. Finanzas (A1). Acceso libre e prom.interna | 1.Test 150 preguntas 2.Suposto práctico escrito 3.Dúas probas: cuestionario escrito de 10 preguntas + 3 supostos prácticos escritos 4.Exposición oral de 4 temas |
2021. Enxeñarías (A1). Acceso libre e prom.interna. | 1.Test 180 preguntas (en dúas partes) 2.Desenvolvemento de 2 temas |
En resumo: esiximos ao director xeral de Función Pública (e por extensión ao conselleiro de Facenda), que se sente a negociar uns criterios xerais a aplicar aos procesos selectivos de xeito que os procesos con características equivalentes teñan condicións similares, adaptadas ás circunstancias que poidan existir, deixando de lado os bandazos que unha e outra vez estamos a dar.
Cambios normativos (estabilización/consolidación) e oferta de emprego extraordinaria-2021
Unha das cousas que está a alterar a negociación dos procesos selectivos é os cambios normativos derivados do abuso da temporalidade (causada por anos e anos de taxas de reposición por debaixo do 100% que impediron a oferta de todas as vacantes).
A Dirección Xeral de Función Pública retirou desta última negociación a convocatoria das prazas ofertadas como procesos de consolidación de emprego.
Os cambios normativos aínda non están pechados, e probablemente falte a súa transposición á normativa autonómica. Xa que logo, a CIG solicitou que a Administración realizase un estudo das escalas/categorías/prazas afectadas por tales modificacións, e a implicación que tería nos correspondentes procesos selectivos.
Finalmente, o que se nos entregou non é máis que un cadro que contén o número de prazas ofertadas, as vacantes sen ocupación existente, total de persoal interino e vacantes ocupadas interinamente antes e despois do 1/1/2016. Tal cadro non é, en ningún caso, un estudo das implicacións que os cambios normativos tería na situación das diferentes prazas.
En palabras do DXFP, o proxecto de lei estatal fala do que pasa coas prazas dos procesos convocados, e tamén dos non convocados que estean en OEP aprobadas con anterioridade á aprobación da Lei. Di que se establece de forma garantista e que non hai ningún problema en aprobar agora (antes de rematar o ano) un decreto de OEP extraordinaria que recolla prazas de ofertas anteriores. Asegura que o decreto de OEP contemplará que os procesos selectivos se adaptarán á normativa existente no momento en que sexan convocados. E con isto, asunto despachado.
Promoción interna
Advertimos que nas convocatorias de A2 (enxeñarías + arquitectura técnica), non se cumpre o mínimo legal de 25% de promoción interna (17% en acceso libre, 25% en estabilización, e 22% en conxunto sumando a promoción interna separada pendente de convocar. Pode ser que se nos escapase algún dato, pero van revisar.
En todos os casos permiten a promoción interna dende calquera escala do subgrupo inferior. Esperamos que este cambio de criterio, que apoiamos, sexa de aplicación con reciprocidade en todos os casos. O que non aceptan é a promoción horizontal, dende outras escalas do mesmo subgrupo, como si fixo a Consellería de Sanidade coa recente convocatoria de procesos selectivos a postos de persoal funcionario das escalas sanitarias.
Para o director de Función Pública, o máximo de antigüidade a valorar na fase de concurso da promoción interna debe obterse con 10 anos de servizos. É dicir, que nos cargamos este mérito, xa que a inmensa maioría do persoal funcionario vai ter a mesma puntuación. Somos conscientes de que este asunto xera controversia en función das circunstancias persoais de cada funcionario ou funcionaria, pero a CIG pensa que este mérito, como os demais, debe variar en función da antigüidade real, non igualar cortando dende o comezo.
Nota de corte incluída nas bases
Decidiron que o corte é de 4 aprobados por praza para o primeiro exercicio, coas persoas que superasen o 50% das preguntas. E que se non se chega a 4 por praza, pode rebaixarse ata o 40% das preguntas (isto último non está recollido nos borradores aprobados na Comisión de Persoal, pero si comprometido).
Estamos satisfeitos porque acepten regular a nota de corte nas bases da convocatoria. Parabéns. Pero 4 por praza para o primeiro exercicio cando queda un segundo, e non poñer corte para o segundo, non nos satisfai.
Exame de idiomas de informática (e de galego)
Non vamos a discutir se un funcionario da escala superior de informática debe ou non demostrar certo nivel de inglés. A tal efecto decidiron que as persoas aspirantes deben superar como aptas un test.
Curioso que ese mesmo método non se aplique á lingua propia de Galiza, xa que neste caso a proba consiste nunha tradución.
Por que non son iguais as dúas probas para os dous idiomas? A CIG defende que nos dous casos debe ser un test con contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua en léxico, sintáctica e gramática.
O resto da oferta pendente
Nos borradores iniciais das enxeñarías incluíron as prazas de enxeñaría de minas. Foron retiradas das convocatorias finais (din que por “problemas de interinos” e de temarios), e aseguran que as sacarán á maior brevidade (pero non neste ano).
Hai prazas da oferta do 2018 que xa non vai dar tempo a que convoquen (profesores de escolas nautico-pesqueiras, oferta para persoas con discapacidade intelectual), e veremos se hai maneira de que as repesquen ou por contra xa caducaron. Magnífica xestión.
E hai moito mais do 2019, 2020 e 2021 que sigue pendente pero que non lles ten tanta urxencia.
Concursos de traslados e destino provisional
Unha das cuestións que a CIG puxo enriba da mesa é que todas as persoas que superen estes procesos selectivos van ter no futuro un destino provisional, non definitivo.
A razón é dobre:
- Están pendentes outros procesos de promoción interna separada para estas mesmas escalas. Nin negociadas nin convocadas.
- Non hai expectativa do concurso de traslados de escalas/especial.
O ideal é non andar a mover innecesariamente á xente, e por pouco tempo. Así que se queremos ir a por un futuro destino definitivo, hai que resolver a promoción interna separada e o concurso de traslados.
O DXFP di que concurso de especial vai ser o seguinte. Veremos cando.
Estas son as convocatorias aprobadas
(textos aprobados na Comisión de Persoal, sen incluír o engadido a última hora na nota de corte)
- A1-Enxeñaría agronómica, montes, industrial; química; arquitectos. Acceso libre e estabilización
- A1-Escala de sistemas e tecnoloxía da información. Acceso libre
- A2-Enxeñaría técnica agrícola, técnica forestal, técnica industrial; arquitectos técnicos. Acceso libre e estabilización
- C1-Escala de axentes do servizo de gardacostas. Acceso libre e estabilización