Novas por contido

As bases dos procesos selectivos de concurso-oposición e de concurso de méritos están aínda en negociación con Función Pública mais xa se avanzaron cuestións básicas.

Ante a multitude de informacións que corren polas redes queremos aclarar qué hai de certo, de falso ou de media verdade coas condicións do persoal no Consorcio.

A CIG expuxo na mesa de negociación as premisas básicas para garantir no máximo posible que o persoal propio teña a posibilidade de acadar unha praza logo do proceso selectivo. Estas cuestións foron, na súa maior parte, aceptadas por Función Pública, que di que agora está traballando para solucionar por lei problemas pendentes de titulacións e escalas e que vai traer unha proposta para asegurar o maior valor do tempo traballado para quen ocupe unha praza da categoría/escala na administración convocante. Así a todo queda moito por avanzar na negociación e a CIG sempre está preparada para o conflito se a situación se estanca ou retrocede. A próxima reunión da mesa de negociación está prevista para o 4 de outubro.

COMO ESTAMOS HOXE


O Acordo de Integración e as condicións laborais

Logo de conflito co Consorcio e ir á folga masivamente, a loita contra a precariedade e polos dereitos laborais remata coa sinatura no 2016 do Acordo de Integración do Consorcio de Igualdade e Benestar na Xunta. Os dereitos laborais comezan a facerse efectivos daquela coa adhesión ao V Convenio Colectivo Único, ademais dos salariais cos trienios e o aumento do soldo para recortar a diferenza salarial co persoal da Xunta a razón dun 20% anual, ate chegar a equiparación, que se completou na primeira nómina de 2022.

Outras cuestións quedaron estancadas pola inutilidade de Función Pública para cumprir as ofertas de emprego. O Consorcio tampouco foi quen de elaborar a RPT (relación de postos de traballo) nin tampouco foi capaz de levar adiante o concurso de traslados do persoal fixo. Na CIG denunciamos este desastre na xestión en numerosas ocasións e chegamos a acudir aos tribunais en multitude de ocasións: pola carreira profesional, polos dereitos na conciliación ou recentemente de novo polas suspensións nos contratos no período vacacional.

 

A estabilización do persoal

No Consorcio temos un cadro de persoal de 19..., das que 192 son fixas e o resto temporais. Traballamos nas escolas, centros de día, residencias e centros de I+B, por exemplo, e tamén nos servizos centrais. A estabilización saen 162 prazas de concurso-oposición e 1207 de concurso de méritos. Consideramos que faltan prazas e, coa CIG, presentamos reclamacións (moitas foron aceptadas) e tamén presentamos demanda no xulgado para que as recoñezan e as sumen á OEP. Por outra parte quedan conflitos por resolver de titulacións tanto na oferta como na RPT e Función Pública manifestou a vontade de arranxar os conflitos de titulacións.


As bases das convocatorias

Coa oferta de estabilización do 2022 derivada da aplicación da Lei 20/2021, derrogáronse as ofertas anteriores e se recompilaron as prazas co novo sistema extraordinario para combater a temporalidade, a maioría das prazas do Consorcio van para o concurso de méritos pois o persoal temporal acumula moitos anos en fraude de lei. As bases están en negociación mais quedou claro que vai primar a experiencia sobre calquera outra.


O concurso de méritos

Trátase dun proceso extraordinario (por unha soa vez) que non ten fase de oposición. O mérito con maior peso, e que poden chegar a sen definitivos á hora de conseguir praza, son o tempo traballado na categoría/escala da administración convocante, e grazas a presión da CIG, todo apunta que só se valorarán os servizos prestados como temporal.

As prazas van ser todas de persoal funcionario de carreira; é potestade da administración que deseñou unha funcionarización masiva no 2018 tras o acordo de Concertación asinado con CCOO e UGT. As escalas están creadas e identificadas pola Lei de Emprego Público de Galiza e as equivalencias categoría-escala establécense por decreto.

A administración convocante no Consorcio vai ser Función Pública pois é un ente integrado na Administración Xeral. Con isto todo o tempo traballado nunha mesma categoría/escala vai ser valorado igual no Consorcio que na Xunta, tanto para as prazas do Consorcio como para as da Xunta.

A vantaxe en estar as prazas do Consorcio co resto das da Xunta reside en que se elimina a posibilidade de acaparamento de prazas por persoas de moita antigüidade (poderían presentarse a dous procesos, Xunta e Consorcio, e acadar dúas prazas) ademais de ter máis opcións ao ter máis prazas nas que participar.

Así, aínda que hai categorías do Consorcio que non teñen réplica noutras consellerías (singularizadas), no caso de estar nunha común dentro de toda a administración xeral, poderiamos presentarnos en igualdade de condicións que o resto do persoal.

No Consorcio non temos procesos selectivos dende o ano 2008, pero a maioría do persoal traballa de forma continuada mentres que as compañeiras da Xunta acumulan substitucións e tiveron procesos que provocaron mobilidade, isto as pon en desvantaxe polo que é lóxica a súa preocupación, por iso a nosa loita prioritaria foi para que sexan ofertadas todas e cada unha das prazas ocupadas en fraude de toda a Xunta.

Os postos administrativos dos corpos xerais van participar con todos os postos de igual corpo ou escala de toda a Administración Xeral: van saír todas as prazas xuntas.

 

Entón, se todo isto queda claro, cal é o problema?

Para algunhas compañeiras ser funcionarias de carreira e conseguir a estabilidade non é suficiente, o que buscan é quedarse no mesmo posto onde están, manter o status no caso de ter un posto de mando ou responsabilidade, para outras o obxectivo é asegurar que non haxa mobilidade e quedarse no posto que hoxe ocupan como temporais.

 

Na CIG loitamos polas nosas compañeiras

Para a CIG o prioritario é a estabilidade, que se remate dunha vez coa incerteza e precariedade no emprego e avanzar nos dereitos laborais, e máis se temos en conta o historial de abusos do Consorcio.

A mobilidade e a promoción profesional conséguese mediante os concursos de traslados e a promoción interna ademais doutras fórmulas, pero antes temos que ser fixas e xa levamos demasiado tempo esperando unha oportunidade.

Mais a negociación ten outras partes que aínda non están claras e estamos na mesa de negociación para pelexalas: a valoración dos exames dos procesos selectivos de temporais ou a formación impartida polo Consorcio son só dous exemplos.

Niso estamos agora, tratando de mellorar as bases tendo en conta que o obxectivo final é que existan procesos de estabilización reais, cousa que parece que vai encamiñada pero onde non imos baixar a garda nin renunciar a ningunha fórmula de loita no caso de que isto se torza.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Marzo 2026

CIG denuncia á Consellería de Política Social diante a Inspección de Traballo

A Consellería de Política Social incumpre a Lei de prevención de riscos laborais. Na Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), as traballadoras embarazadas das escolas infantís de cero a tres anos están sometidas a un risco biolóxico inaceptable. As empresas e institucións con persoas empregadas a cargo teñen que protexer aos seu cadros de persoal ante os riscos derivados...
Martes, 24 Marzo 2026

Onde están as 35 horas na Xunta? Oito anos sen avances

Coa Administración Xeral do Estado a piques de pechar a implantación das 35 horas, na Galiza seguimos nas 37,5 semanais. A Xunta tivo desde 2018 capacidade legal para reducir a xornada, pero nin o fixo nin o acordo de concertación de 2019 incorporou medidas reais. Nós, o persoal da Xunta de Galiza, seguimos nas 37,5 semanais. Non é unha cuestión legal, é falta de vontade...
Martes, 24 Marzo 2026

Xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría do Mar (17/03/2026)

Avaliacións de riscos psicosociais Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) Dende a CIG recordámoslle á Administración que se están a incumprir as medidas acordadas após a avaliación de riscos psicosociais no Igafa. Estas medidas son de obrigatorio cumprimento, polo que esiximos a súa implantación de forma inmediata. Escola Oficial Naútico-Pesqueira de Ferrol A...