Novas por contido

Función Pública interpreta as convocatorias ao seu xeito. Que se salve o máis agudo!!

O venres 4 de novembro tivemos a xuntanza coa Subdirección Xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal solicitada pola CIG e secundada polo resto de sindicatos para tratar as cuestións derivadas da baremación dos procesos selectivos da chamada OEP Social.

Introduce Función Pública a xuntanza dicindo que debido a que como xa se lles formularan cuestións durante os períodos de acreditación de méritos decidiran pedir a Política Social un informe sobre a consideración de catálogo de servizos sociais.

A consellería de Política Social emitiu ese informe no mes de marzo de 2022 e despois de todos estes meses Función Pública decidiu “sacalo” na xuntanza. O informe recolle que a prestación dos servizos sociais recollidos no catálogo vén regulada por varias normativas (Decreto 61/2016, Decreto 192/2015 e Decreto 149/2013), polo que aínda que un centro ( por exemplo un do SERGAS) non estea incluido dentro do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, se o persoal que traballa nel si que fai funcións que estean incluídas dentro do catálogo e a persoa responsable que certifica os servizos prestados así o acredita, vaise puntuar igual que ao persoal das residencias e centros da Xunta que prestan servizos dentro do catálogo.

É dicir, teríanse en conta dentro do apartado de prestación de servizos que vén redactado do seguinte xeito:

Experiencia profesional, entendida como os servizos prestados nalgunha das actividades descritas no catálogo de servizos sociais, ao que fai referencia o artigo 18 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, en calquera Administración pública, como persoal laboral na categoría e grupo no ámbito do V Convenio colectivo de persoal da Xunta de Galicia ou como empregado público na mesma categoría, sempre que se inclúa dentro do mesmo grupo de titulación e desempeñe o seu posto no indicado catálogo de servizos sociais.

Esta redacción aparece en todas as convocatorias da OEP Social a excepción da categoría de Auxiliar de Clínica, na que non se fai referencia ao catálogo de servizos sociais, polo que non estaría afectada por este criterio.

Transmitímoslle as dúbidas e inquedanzas que a CIG estivo a recibir ao longo destes días e meses sobre as desigualdades existentes á hora de emitir os certificados de servizos prestados, dependendo do órgano que os emitise. Función Pública considera que todo o que están a facer está ben feito e é o máis legal aténdose as bases das convocatorias, que teñen que facer caso aos informes recibidos. Manifestan que terán en conta a documentación presentada durante o período de acreditación de méritos e aquelas emendas que consideren oportunas presentadas nos prazos de reclamación á baremación provisional.

Semella que as irregularidades cometidas por eles durante os períodos de acreditación de méritos e de reclamación son unha minucia.

Dixeron que transmitirían as nosas queixas ao director xeral de Función Pública, pero que de non chegar a unha solución “sempre está a opción das demandas individuais das persoas que se consideren afectadas”.

Manifestamos a nosa indignación e que esa é a maneira que ten a Xunta de apoiar a aquelas persoas que decidiron deixar outras oportunidades laborais para dedicarse plenamente á Xunta. E aínda se preguntan por que hai listas de contratación onde non hai xente... pois aí teñen a resposta, polo bo trato que lle dan....

Aquí está a gratificación da Xunta de Galicia!!

Outras novas recentes

Martes, 20 Outubro 2026

Destinos limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc. (DOG 30/09/26), inspección consumo, inspección turismo, veterinarios/as-2024. Convocator...

Información da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, do 20/10/26: Nomeamento das escalas convocadas a escoller destino no DOG 30/09/26 (limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc, que agrupou 18 convocatorias de procesos selectivos: afirma a DXEP que publicarán a resolución co nomeamento e destino adxudicado no DOG do 30/10/26. En canto á data de toma de...
Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...