Novas por contido

Ante o 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a secretaría das Mulleres da CIG lanza unha campaña para denunciar a permisividade das condutas machistas nas institucións públicas, reclamar que se revertan os recortes en materia de igualdade aplicados pola Xunta de Galiza e a posta en marcha dun plan galego pola igualdade.

Tras varias décadas denunciando os comportamentos machistas que sosteñen o sistema económico e social no que vivimos, artellando propostas para que os poderes públicos incorporen de maneira transversal a perspectiva de xénero tanto na análise das causas da violencia machista como nas posíbeis solucións, vemos como as máximas autoridades do goberno galego exercen violencia institucional amparando a agresores.

Porque non importan as leis se non se executan. Non abonda introducir epígrafes nos orzamentos dirixidos á igualdade se ao final se opta polo lucro derivado da privatización de servizos esenciais que deberían ser universais. E menos aínda cando os orzamentos destinados a violencia de xénero baixan un 6,4%, xusto cando a taxa de violencia de xénero en Galiza aumentou case un 10% a respecto do 2024, e cando de media, os xulgados de violencia contra as mulleres recibiron 21 denuncias, case unha denuncia cada hora.

Non imos ficar en silencio cando quen ten a responsabilidade de protexer ás vítimas e castigar a violencia, ponse do lado do depredador. Por iso imos alzar a voz dándolles a palabra as protagonistas desta violencia institucional que non cesa: a das mulleres acosadas, agredidas, precarizadas e empobrecidas por mor das decisións políticas do goberno da dereita na Galiza.

E xa que o PP non quere recibilas nin sentarse a negociar, as mulleres da CIG farémonos escoitar mobilizándonos preto da unha da tarde diante da Sede do PP na Rúa San Pedro de Mezonzo o martes 25 de novembro, tras o Encontro Nacional de Mulleres Delegadas da CIG que terá lugar no salón de actos da Facultade de CC Políticas, en Santiago de Compostela.

Xa pola tarde, facemos un chamamento á participación nas mobilizacións da tarde convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas do país, dos que a CIG forma parte:

  • A Coruña, 20h Obelisco                                                            
  • As Pontes, 20.30h Praza do Hospital
  • Betanzos, 20h Praza do Camp
  • Carnota, 18.30h Praza da Pedra
  • Chantada, 20.30h Praza do Cantón
  • Compostela, 20h Praza 8 de Marzo
  • Marín, 20h Praza 8 de Marzo
  • Melide, 20h Praza do Convento
  • Narón, 19h Praza da Gándara
  • O Porriño, 20h Praza do Concello
  • Ourense, 20h Castañeira (San Lázaro)
  • Ponteceso, 20.30h Prada do Recheo
  • Pontedeume, 20h Praza do Concello
  • Pontevedra, 20h Praza da Peregrina
  • Ribadavia, 20h Praza da Madalena
  • Ribadeo, 19h Praza 8 de Marzo
  • Vilagarcía, 20h Praza de Galicia
  • Vilalba, 20h Praza da Constitución
  • Vigo, 20h Vía Norte

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...