Novas por contido

Na CIG Autonómica consideramos claramente insuficiente a suba do 5% anunciada onte polo conselleiro de Educación, que supón tan só 12 céntimos para alimentos, máis gas e produtos de limpeza por alumno/a e día.

Esta suba do 5% chega despois da denuncia pública da CIG na que recolliamos a demanda do persoal empregado público dos comedores escolares para que se actualizaran as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares, pola suba desmesurada da enerxía e dos alimentos e pola carestía da vida.

A suba anunciada do 5% é totalmente insuficiente diante da proposta de suba do 20% que propuxemos dende a CIG.

O gasto que se destina inclúe non solo alimentación, senón que tamén se teñen que asumir, con ese importe, os produtos de limpeza e gas propano (empregado nas cociñas dos centros escolares) polo que aínda incluíndo o 5% do ano anterior, o investimento total da Consellería para este ano é de 0,24 céntimos.

Dende a CIG consideramos ese incremento totalmente insuficiente para manter a calidade dos servizos públicos e aportar unha alimentación con produtos frescos, locais e de proximidade cun contido nutricional adecuado para os/as escolares.

A consellaría incrementou nun 30% a partida destinada a comedores privados

O aumento anunciado en medios de comunicación do 5% dos comedores públicos non soporta unha comparativa fronte ao 30% dos comedores das ANPAS (de xestión privada), o que lévanos a pensar que a ridícula suba na pública ten como obxectivo final baixar a calidade para xustificar unha privatización do servizo.

Afecta maioritariamente a comedores escolares do rural

Lembramos que a maioría dos comedores escolares do rural aínda son de xestión publica que resisten a política privatizadora do PP grazas ao magnífico servizo do persoal empregado público e á presión social das familias que se opoñen a que empresas fagan negocio coa saúde dos seus cativos e cativas.

O día 9 de novembro dende a CIG Autonómica remitimos un escrito ao conselleiro de Educación para que se revisaran e actualizaran as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares, xa que ao persoal se lle fai cada vez máis difícil dar unha alimentación saudable con produtos frescos, locais e de tempada.

Aínda non obtivemos resposta mais esperamos que o conselleiro recapacite e atenda a demanda da CIG para analizar polo miúdo os problemas das cociñas e dos comedores escolares co fin de seguir a dar unha alimentación de calidade e que deixe de utilizar aos nosos escolares para facer unha campaña da propaganda por uns ridículos e míseros 12 céntimos.

Outras novas recentes

Luns, 23 Novembro 2026

A CIG esixe que a Xunta faga o seu traballo e realice unha revisión integral dos niveis das persoas empregadas públicas

Na súa deriva discriminatoria cara ao persoal, a Xunta leva tempo facendo propostas de subas de niveis a cachos e onde lle peta. Vimos de rexistrar unha petición para que fagan dunha vez por todas un estudo serio da estrutura de postos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que está completamente obsoleta e cuns niveis mínimos inferiores a outras...
Martes, 24 Novembro 2026

Convocatoria xuntanza Medio Ambiente polo persoal Axente

A Secretaría Xeral Técnica de Medio Ambiente convocou á CIG a unha xuntanza para este mércores 25 de novembro (ás 16.30 da tarde), para abordar as condicións laborais do persoal axente ambiental. Ese día, 25N (Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller), un sindicato feminista como a CIG ten actos reivindicativos. É unha data inadecuada. Así llo...
Mércores, 25 Novembro 2026

Abuso na esixencia de documentación a persoal de novo ingreso e concurso de traslados

Algúns departamentos de persoal están a esixir documentación innecesaria ás persoas que toman posesión de posto de concurso de traslados ou ás de novo ingreso. Documentación innecesaria porque ou xa foi presentada ante quen ten a competencia de verificar o cumprimento dos requisitos, ou por conter datos que non hai razón para entregalos. O primeiro, e máis grave, é a...