Novas por contido

Aprobada a Lei de igualdade no Parlamento de Galiza sen recoñecer a diversidade e obviando a existencia de discriminación de xénero no emprego

O PP vén de aprobar o 21 de novembro en solitario, e aproveitando a data sinalada do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha lei que é un simple compendio normativo e que constitúe un exemplo máis do mero uso ritual e instrumental da igualdade do que fai gala a Xunta, para fins unicamente de propaganda política e electoral, porque a igualdade de xénero “vende”. En palabras da conselleira de Igualdade, Elena Rivo, Galiza “está á vangarda da igualdade”, e para ela a diferenza entre a realidade e a ficción é inexistente,  como o é para o resto das dirixentes do PP ao fronte das políticas galegas de igualdade de xénero.

Imos a remolque dos dereitos xa recoñecidos na lexislación europea e estatal, con demoras moi grandes e inxustificadas para poñelos en práctica, motivo polo que a CIG Autonómica votou en contra do anteproxecto. Esta Lei está lonxe de incorporar novos dereitos no camiño da igualdade, o único que fai é reproducir artigos completos xa recollidos na Lei de igualdade galega do ano 2004 e arrastrar terminoloxía desfasada e non concorde coa normativa máis actual, tanto internacional como estatal, en materia de igualdade. Non trae nin unha soa mellora ao persoal empregado público da Xunta, xa que non obriga á Administración a garantir dereitos que hoxe en día aínda non están ben establecidos na nosa normativa de aplicación.

A Xunta desvirtúa a discriminación positiva en seguidismo dos preceptos marcados pola ultradereita españolista

Até o de agora o sector público autonómico era unha fonte tradicional de emprego para as mulleres, e iso é positivo. Mais o goberno da Galiza do PP cambiou o criterio e vincula as medidas de igualdade á presenza máis ou menos equilibrada entre homes e mulleres dentro da Administración, como se este fose o único sector de emprego na sociedade galega, e malia a que tanto no sector privado como na industria temos unha maioría masculina. O sector público é un nicho de traballo feminino que debe seguir séndoo, non só en termos de equilibrio, senón tamén co reforzo da paridade naqueles postos ou categorías nas que as mulleres esteamos infrarrepresentadas, e nos postos de responsabilidadee.

Ademais, o sector público concentra as tarefas de coidados e, polo tanto, as actividades altamente feminizadas e con salarios baixos; isto explica, en grande medida, que a pesar de ser maioría de mulleres na Administración, os salarios globais delas son máis baixos cós dos homes. Nesta Lei debíanse establecer principios para garantir medidas concretas para a revisión salarial e de suba de conceptos retributivos nas categorías feminizadas dos niveis máis baixos da Administración. 

Deixan agochados no armario os dereitos das persoas trans ou LGTBI+

Por outra banda, o articulado fai referenza única e exclusivamente a garantir a igualdade entre mulleres e homes, cando a realidade é moito máis diversa e debe ser contemplada na normativa. Obviar outro tipo de discriminacións ou non recoñecer dereitos para as persoas trans ou LGTBI+ nesta Lei é non dar cumprimento ás normativas máis avanzadas e recentes en materia de protección de dereitos á diversidade sexual e de xénero. 

A hipocresía de dicir que se fai algo a prol da igualdade, cando na realidade se destrúe

A Xunta mantense na senda marcada da igualdade aparente, de compromisos baleiros e sen dotación orzamentaria, e de instrumentos normativos ocos e inútiles; unha postura esta que constitúe o seu particular muro de contención contra a igualdade de xénero e de oportunidades entre mulleres e homes, dende o cal, dun xeito cargado de hipocresía, se segue a practicar o contrario do que se predica e “vende” publicamente. 

Unha mostra deste posicionamento témolo no I Plan de Igualdade da Administración Xeral da Xunta de Galiza (DOG do 10 de novembro de 2023). Nel formúlanse obxectivos para os vindeiros 4 anos que, xa de partida, son dereitos e obrigas recollidos na lexislación vixente. Isto supón unha nova manobra dilatoria e a inutilización de calquera plan de igualdade, que se converte así nun mero instrumento para frear calquera paso cara adiante que poida ser significativo, máis alá do xa existente na norma; un plan aprobado por Función Pública sen previamente levar a cabo, por exemplo, as auditorías salariais ou os rexistros retributivos, obrigados por lei, ou sen protocolo contra a violencia de xénero, e no que se inclúen medidas de retroceso na igualdade, como é a discriminación positiva dos homes no caso de infrarrepresentación masculina.

Se estamos á vangarda en algo, como queda patente, é no atraso nas políticas públicas de igualdade efectiva e real. Basta xa de sabotar os máis mínimos avances!

Outras novas recentes

Martes, 22 Setembro 2026

A CIG denuncia o absoluto abandono do persoal técnico de enxeñaría forestal pola Consellaría do Medio Rural

Esiximos a convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo e avances na xubilación anticipada e a inclusión na xuntanza do 24 de setembro das especializacións e da actualización do Acordo de condicións de traballo, ao tempo que denunciamos a total falla de planificación de Defensa do Monte para o dispositivo de incendios ante o posíbel...
Luns, 21 Setembro 2026

Non á perda da axuda dos 180 € tras a estabilización

A CIG vén de solicitar a Función Pública que aquel persoal que supere un proceso de estabilización e que teña recoñecida a axuda por persoa con discapacidade do artigo 35 do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza non deixe de percibila. Entendemos que, como xa pasou co persoal laboral que se funcionarizou, o persoal que estabilizou deixará de percibir esta axuda e cando...
Venres, 25 Setembro 2026

Novos actos de elección de destino, Consorcio, comisións de servizos en Política Social, INTECMAR (mesa sectorial do 23/09/26)

Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información. O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o buzón de postos e continuarán en breve, pero non da...