Novas por contido

A CIG vota NON ao proxecto de decreto polo que se pretende regular o estatuto do persoal de I+D+i ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza por desintegrador, discriminatorio e sexista. Aínda así, o decreto foi adiante co voto a favor de CCOO, UGT e CSIF.

Función Pública mantén parado durante un ano o borrador de Estatuto do persoal de investigación que nos presentou en novembro de 2022 e preséntanolo agora aos sindicatos amplamente modificado e a toda présa

8 meses despois de que presentáramos as nosas alegacións á primeira proposta de decreto de persoal de investigación, Función Pública envíanos un novo borrador ateigado de cambios e dános 2 días para presentar alegacións.

Despois de 3 reunións nunha semana, Función Pública deu por finiquitada a negociación sen recoller ningunha das alegacións de calado. Agora entroulles a présa e queren que entre en vigor a primeiros de 2024.

Alegacións máis importantes da CIG que non foron recollidas pola Dirección Xeral da Función Pública:

1. INCLUSIÓN DO PERSOAL LABORAL, PERSOAL FUNCIONARIO E PERSOAL ESTATUTARIO

Demandamos unha vez máis que o estatuto de persoal de investigación contemple a posibilidade de que a carreira de I+D+i se poida realizar como persoal laboral, como persoal funcionario e como persoal estatutario. Este estatuto só contempla a posibilidade de persoal de I+D+i de carácter laboral.

A Lei 14/2011 da ciencia, a tecnoloxía e a innovación non obriga a que o persoal de investigación sexa exclusivamente laboral e, ademais, no ámbito do sector público autonómico hai, dende sempre, persoal de investigación laboral, funcionario e estatutario.

Con este proxecto de estatuto o actual persoal de I+D+i funcionario, para ter posibilidades de facer carreira de I+D+i, vai ter obrigatoriamente que renunciar á súa condición de persoal funcionario e converterse en persoal laboral, coas graves consecuencias e prexuízos que isto ten.

Isto conleva ou unha perda de dereitos ou unha exclusión da carreira de I+D+i para o persoal funcionario que leva anos dedicando os seus esforzos a contribuír ao avance da nosa sociedade. Supón, ademais, un prexuízo para o Sistema Galego de Investigación e Innovación pola previsíbel perda de capital humano experimentado que se vai producir.

Consideramos que o estatuto de persoal de investigación ten que recoller a posibilidade de que a carreira investigadora se poida realizar tamén como persoal funcionario e estatutario, contemplando as particularidades da investigación no ámbito sanitario dentro do SERGAS, non só para o persoal que desempeñe tarefas asistenciais, senón para todo o que participe na investigación sanitaria, implantando a figura do persoal investigador estatutario, coa definición de categorías profesionais específicas que permitan ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde a dedicación de forma estable e estrutural a tarefas de investigación, consonte o previsto no artigo 85 da Lei 14/2007, do 3 de xullo, de investigación biomédica.

Non se entende este afán por limitar a carreira de I+D+i ao persoal laboral. A única explicación que se nos ocorre é outra das novidades deste decreto:

avaliación negativa = despedimento procedente

Este decreto introduce un novo suposto de despedimento procedente non contemplado no Estatuto dos traballadores e traballadoras: a avaliación negativa aos 5 anos. Vén a ser un período de proba de 5 anos.

A CIG non vai apoiar un decreto que inclúa un novo suposto de despedimento procedente non contemplado no Estatuto dos traballadores e traballadoras.

2. INCLUSIÓN DE TODO O PERSOAL DE I+D+i: PERSOAL INVESTIGADOR, PERSOAL TÉCNICO E PERSOAL DE XESTIÓN

Demandamos de novo que este estatuto inclúa, como corresponde, ao conxunto completo do persoal de I+D+i: o persoal investigador, o persoal técnico e o persoal de xestión.

Este decreto deixa fóra a todo persoal de xestión e a parte do persoal técnico do Sistema de Investigación e Innovación público galego que depende de Función Pública.

A Lei 14/2011 da ciencia, a tecnoloxía e a innovación é clara cando establece no seu artigo 3.5 que é o Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, e concreta que forma parte deste sistema os seguinte persoal:

a) O persoal investigador
b) O persoal técnico
c) O persoal que realiza funcións de xestión, administración e servizos relacionados coa I+D, o a transferencia de coñecemento e a innovación

A Lei 14/2011 tamén define ao “persoal de investigación” no seu artigo 27.1, onde di:

Considerarase persoal de investigación ao servizo do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación ao persoal investigador, o persoal técnico e o persoal de xestión.

Na Lei 17/2022, pola que se modifica a Lei da ciencia, indícase que unha das principais características dos actuais equipos de I+D+i é o seu carácter multidisciplinar e a diversidade de perfís profesionais que os integran, como o persoal investigador, persoal técnico e persoal de xestión. Polo tanto, é imprescindíbel a inclusión expresa no Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación do persoal técnico e de persoal que realiza funcións de xestión, administración e servizos, como elementos fundamentais del.

Que fai Función Pública neste decreto? Lonxe de respectar o estipulado na Lei da ciencia, con este estatuto de investigación deixa claro que para eles/as nin é fundamental nin é imprescindíbel o persoal técnico nin o persoal de xestión. Pretende excluílos e deixalos totalmente á marxe do Sistema de I+D+i, que disque que quere artellar e fomentar.

Por outra banda, no artigo 2.r), dentro dos seus obxectivos xerais, a Lei da ciencia indica o seguinte obxectivo:

Fomentar a carreira profesional e a mobilidade profesional do conxunto do persoal de investigación, científicos, técnicos e persoal de xestión.

E vai máis aló, xa que a propia Lei da ciencia di expresamente que tanto o persoal técnico como o persoal de xestión da I+D+i teñen dereito a unha carreira profesional semellante á do persoal investigador (artigo 27.2):

A carreira profesional e o réxime xurídico que regule a lei de ordenación da función pública da Administración xeral do Estado e a súa normativa de desenvolvemento serán aplicábeis ao persoal técnico e de xestión funcionario e laboral fixo ao servizo do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. Así mesmo, este persoal terá dereito á carreira profesional ao amparo desta Lei en termos semellantes aos que contempla o artigo 25 para o persoal investigador.

Función Pública busca con este estatuto a alternativa máis barata, chapuceira e prexudicial tanto para o noso Sistema de I+D+i como para o seu persoal: obrigar a boa parte do persoal técnico e a todo o persoal de xestión da I+D+i a renunciar á carreira de investigación que lles corresponde, e a acollerse a outras alternativas que en nada teñen que ver co ámbito da I+D+i nin coa proposta que se lle fai ao persoal investigador, onde se contempla a mobilidade entre centros de I+D+i,, ao igual que as estadías formativas específicas, e unhas remuneracións e condicións na progresión da carreira considerabelmente mellores.

3. INCLUSIÓN DA PERSPECTIVA DE XÉNERO

Demandamos novamente que este estatuto de investigación inclúa a perspectiva de xénero no eido estratéxico da I+D+i e a realización previa dun estudo de impacto de xénero

Este estatuto carece da máis mínima perspectiva de xénero en todo o seu articulado, e non parte de ningún informe de xénero para coñecer cal é a situación da muller na I+D+i no cadro do persoal de investigación dependente de Función Pública e actuar en consecuencia coas debidas medidas.

A Lei da ciencia dedica dous extensos capítulos a introducir a perspectiva de xénero no Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Investigación, buscando convertelo nunha contorna inclusiva, diversa, segura e igualitaria.

Que fai Función Pública neste decreto? Seguir ignorando a Lei da ciencia ao máximo e tamén a normativa vixente de igualdade, como nos ten afeitas; nun ámbito particularmente competitivo e demandante onde hai que asegurar a progresión igualitaria na carreira profesional por parte das mulleres.

Pasou un ano dende os inicios da negociación deste decreto, e Función Pública nin incluíu a perspectiva de xénero nin ningunha das medidas establecidas na Lei da ciencia; e como é costume nesta administración, tampouco ofreceu ningún informe de impacto de xénero como lle solicitamos para poder responder con coñecemento de causa mediante este decreto aos desafíos de xénero e igualdade que presenta o colectivo de persoal de I+D+i e ofertar unha carreira profesional á altura das circunstancias.


NON A UN DECRETO DE INVESTIGACIÓN DESINTEGRADOR DO SISTEMA DE I+D+I , EXCLUÍNTE E MACHISTA!

Outras novas recentes

Mércores, 05 Novembro 2025

Borrador convocatoria A2 escala técnica de estatísticos. Alegacións ate 11/11/25 ás 15.00

Dende a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal remítenos o borrador das bases da convocatoria do proceso selectivo do corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma Galicia, subgrupo A2, escala técnica de estatísticos, para realizar alegacións. Prazo para alegacións ata martes 11 de novembro ás 15.00 horas. Fainos chegar as túas...
Mércores, 29 Outubro 2025

Boletín CIG Saúde Laboral nº 63: radón nos centros de traballo

Poñemos ao teu dispor o Boletín CIG Saúde Laboral Nº 63, publicación en materia de prevención de riscos laborais e saúde laboral, elaborada polo Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega. Contidos:         O radón Municipios prioritarios Metodoloxía Medicións Informes de resultados Descarga boletín 63 de Saúde laboral Está a túa...
Luns, 27 Outubro 2025

Bases do concurso de educacion infantil + aux. coidador/a (borrador 27/10/25)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal achéganos as bases e o listado de prazas do concurso de traslados das especialidades de educador/a infantil (técnicos/as facultativos e axentes técnicos/as facultativos) e da excala de auxiliar de coidadores. Os sindicatos temos prazo para presentar alegacións ata o luns 3 de novembro, así que se tes algo que...