Novas por contido

O 12 de febreiro quedou aprobada unha nova modificación parcial da RPT de Educación co voto en contra da CIG e a abstención do resto das organizacións sindicais (CCOO, CSIF e UGT).

O voto en contra da CIG non é tanto pola RPT en si, se non que se debe a que para a xustificación de creacións e amortizacións de postos seguen a empregar os ratios da Circular do ano 1994 coa que non concordamos por considerala desfasada e que non se axusta á realidade dos centros e tampouco foi negociada en ningún momento coa representación do persoal.

Unha vez máis, e como levamos facendo dende hai máis de 10 anos nas distintas mesas de pseudo-negociación á que nos teñen acostumadas Educación e a Dirección Xeral de Función Pública no que atinxe ao persoal non docente, volvemos a solicitar a apertura dunha mesa para negociar as condicións de traballo. Neste caso, e por primeira vez, o DXFP recoñece que despois do persoal de Política Social e o persoal do SPIF o persoal non docente é o máis numeroso e que se debera abordar a negociación dun acordo pero.... que aínda non toca.

A CIG quere falar xa de:

- Por que o rateo para o persoal de limpeza é de 1.800 metros cadrados por limpador/a e o das empresas que a Xunta contrata para a limpeza de edificios administrativos non supera os 1300 metros cadrados, no peor dos casos?

- Por que cobra o persoal docente encargado de comedor o traballo que fai o persoal non docente ou porque nas ratios non computan todos os comensais e seguen a faltar recursos nos comedores de xestión directa?

- Por que o persoal coidador, intérprete de lingua de signos ou DUE non ten acceso á información precisa para atender debidamente o alumnado con necesidades especiais ou pode facer ata 3 ou 4 itinerancias na mesma xornada laboral sen limitación de desprazamentos e sen a compensación económica destes desprazamentos como si ten regulado o persoal docente?

- Por que na acreditación de competencias nos CIFP hai persoal non docente que ten que abrir e pechar o centro, limpar, facer traballo administrativo pero só cobra por ese traballo o persoal docente?

- Por que nos cursos AFD non hai compensación para o persoal non docente cando están durante todo o ano ocupando as instalacións dos centros de ensino e ademais ese alumnado non computa para esas ratios que se impuxeron?

- Por que nos consellos sociais dos CIFP, onde se aproban as normas do centro incluíndo os horarios do persoal por exemplo, non hai representación do persoal non docente pero si teñen representación os dous sindicatos maioritarios do persoal docente?

- Por que o persoal non docente sempre queda excluído de todos os acordos e normativa que teña que ver coa conciliación e flexibilización e sempre ten atrancos para poder exercer o dereito a AP?

As comparacións evidencian o ninguneo ao persoal non docente por parte da consellería de Educación e de Función Pública, xa que co resto do persoal sí negocia e ata lle ofrece mellores condicións de traballo ás empresas privadas ás que cede os servizos públicos que debera realizar co persoal propio.

Se aínda non.... Entón cando toca? O acordo de condicións de traballo do persoal non docente “pa” cando?

 

 

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais; funcionarización en excedencia (para CP 17/11/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 17 de  novembro, coa seguinte Orde do día: Convocatoria do proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo que está na situación de excedencia. Descargar Convoctoria de promoción interna ao corpo superior-A1 Convocatoria de promoción...