Novas por contido

O pasado 9 de maio de 2024 a CIG solicitou unha reunión coa conselleira do Medio Rural. Nesa solicitude pedíase manter unha reunión de xeito urxente para tratar varios compromisos acadados polo goberno galego que de seguido se enumeran.

  1. Redacción do regulamento de funcións da nova escala de Axente Técnico en Xestión Ambiental.
  2. Grupo B. No momento que se chegara ao 40% de axentes que tiveran a titulación de acceso se convocaría un proceso para acceder o grupo B, tal e como recolle o Acordo asinado o 15 de setembro 2016.
  3. Prazas UIFO de nova creación. Tal e como recollían as medidas 26 e medida 27 anunciadas polo presidente da Xunta tras o ditame do Parlamento de Galicia elaborado a raíz da vaga de lumes do ano 2017.
  4. Creación prazas UDEX. Tal como recolle o PLADIGA do ano 2023, dado o contexto global no que se refire os grandes incendios forestais que se están a producir, os cales son cada vez máis devastadores e virulentos, é necesario crear formalmente na RPT esta unidade de xeito inmediato. Así se contemplaba tamén no programa electoral do PPdG na súa Medida 11, apartado de loita contra o lume:
    -Desenvolvemento da unidade de directores de extinción e a aplicación do cadro de persoal da unidade de investigación de incendios forestais.
  5. Concurso de traslados. Dado que está en marcha un concurso de traslados da escala de axentes ambientais, se a creación dos citados postos se produce sen posibilidade de que se poida a optar a eles no actual concurso, deberase convocar outro concurso, sen límite de permanencia como requisito, para que todo o persoal poida optar ás prazas citadas, tanto ás de nova creación na primeira fase, como de resultas na segunda.
  6. Acordo de condicións de traballo. Os efectos do cambio climático están a provocar a desestacionalización dos lumes. Esta situación fai necesaria a creación de novas especialidades que precisan de condicións horarias específicas que se deben plasmar nun novo acordo de condicións de traballo.

Para a CIG é necesario a dotación de prazas de nova creación como se recollía nos compromisos arriba mencionados. Cómpre lembrar que dende os inicios da creación do servizo de incendios, o persoal axente vén exercendo a dirección técnica de extinción no 99% dos incendios forestais que acontecen na comunidade autónoma de Galiza.

A creación da UIFO (Unidade de investigación de incendios forestais) no ano 2021 semella amosarse como unha medida exitosa plasmada nas numerosas detencións e investigacións levadas a cabo dende a súa creación.

Tempo despois botouse a andar a UDEX (Unidade de Directores de Extinción), creada “daquela maneira” no verán de 2023, con postos que non existen nin na RPT nin fóra, tal e como naquel momento denunciou publicamente a CIG. Esta situación anómala debe ser corrixida de xeito inmediato.

Ambas unidades precisan de ser dotadas de postos de nova creación, mais todo isto debe facerse sempre dentro da RPT da consellería, e nunca a costa de detraer postos existentes. Nese senso, a CIG xa se posicionou no seu día en contra da creación das 15 prazas da UIFO a conta de amortizar postos do dispositivo.

É necesario tratar un novo punto tras o acontecido esta campaña no pais veciño Portugal, onde sufriron novamente unha vaga incendiaria que provocou graves danos na masa forestal, nas vivendas e, tristemente, a perda de vidas humanas. Afortunadamente Galiza librouse desta lacra, pero recentemente varios expertos publicaron en prensa que isto mesmo puido acontecer no noso pais, polo que debemos prepararnos para o futuro que nos espera de grandes lumes devastadores.

Dado que na CIG non tivemos resposta á solicitude de xuntanza feita no mes de maio, vimos de dirixirnos novamente á conselleira reiterando a nosa petición de ser convocados a unha xuntanza para tratar todos os puntos expostos.

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...
Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...