Novas por contido

Na Illa de Ons a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático xera e distribúe electricidade de xeito irregular á veciñanza e negocios á custa da seguridade e saúde do seu persoal, pero ademais págalo ti!

O pasado mes de decembro o delegado de prevención de riscos laborais da CIG no Comité de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (CMACC) realizou unha visita a Illa de Ons, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galiza. Os motivos son varios, pero principalmente observar de primeira man o estado das instalacións, maquinaria e demais cuestións relacionadas coa seguridade e saúde do persoal.

O aspecto que máis lle sorprendeu é o rol que asume a CMACC como empresa subministradora de electricidade para toda a  Illa de Ons, onde ademais das persoas que alí viven (na illa hai aproximadamente 100 vivendas) existen varios negocios de hostalería que atenden aos milleiros de visitantes que chegan cada ano (142.000 en 2024). Esta insólita situación é sobre a que pivotan os problemas máis graves de seguridade e saúde do persoal da Xunta.

A xestión insostible no Parque Nacional

Pois, por se fora pouca a anomalía, resulta que o xeito de xerar a electricidade que utiliza a consellería abandeirada da protección ambiental na Galiza é a máis contaminante posible: baséase na utilización de equipos electróxenos con motores de explosión diésel en funcionamento  24 horas ao día e utilizando gasoleo agrícola. Equipos que por suposto non están automatizados, senón que acenden e apagan a man o persoal da consellería (axentes ambientais, vixilantes, etc.) de xeito precario e varias veces no día, unha delas na madrugada.

O manexo de combustible e equipos

As contas do 2023, que recoñeceu o propio director do Parque, falan de, non menos de 120.000 litros de gasoleo consumidos cada ano en Ons. O gasoleo chega á illa nun barco contratado que descarga habitualmente no porto da illa entre 6 e 8 depósitos de 1.000 litros, o persoal cárgaos alí e traslada con medios improvisados o combustible a grandes depósitos fixos nas instalacións, traballo indispensable para alimentar os grandes, ruidosos e contaminantes xeradores de electricidade.

Esta maquinaria e combustible son as que manexa o persoal da Xunta nunhas instalacións e condicións inaceptables, propias do século pasado. Non é de estrañar que os pequenos derrames de combustible sexan habituais no Parque Nacional, pois nen sequera se conta con balsas de retención.

Por todos estes feitos e outros incidentes informados polo persoal, a CIG solicitou a documentación pertinente ao CSSL da CMACC. Unha vez revisada a información achegada podemos concluír:

- As instalacións non constan dadas de alta en industria como é preceptivo dado o tipo e volume de combustible e a gran potencia dos equipos.
- Non constan os preceptivos proxectos de instalación de depósitos nin de equipos electróxenos.
- Non constan empresas certificadas que realicen as operacións de instalación, revisión e mantemento obrigatorias que garantan o correcto estado das instalacións existentes.
- Non existe persoal especializado ao cargo dos equipos.
- Non consta informe das persoas responsables das incidencias e problemáticas.

Pero a cousa non queda aquí, pois ao indagar na contratación da subministración de combustible (lembremos que o consumo ordinario supera 120.000 litros/ano) non atopamos ese contrato  no portal de transparencia da Xunta de Galiza. Cabe ter en conta tamén que as contratacións do transporte marítimo tampouco aparecen no portal, pese a ser un destacado gasto de cartos públicos de carácter ordinario no Parque Nacional.

Inocentes, inocentes!

Estes grandes números enténdense porque a CMACC, non soamente atende ao servizo das súas instalacións e servizos, produce e distribúe irregularmente enerxía para toda a poboación da illa e aos prósperos negocios de hostelaría que teñen alí a súa actividade. Por suposto un servizo en precario de apenas 10 h/día e sen garantías de calidade para as persoas usuarias, que como é normal non pagan o servizo. Non hai que esquecer que a “empresa subministradora” é a consellería e por suposto a “broma” a mantemos economicamente entre todos/as os/as contribuíntes.

O buque sen goberno! E agora que!

Pero, con todo, o que alí acontece dende fai máis de 20 anos ten un efecto intolerable na seguridade e saúde do persoal. Teñen que asumir riscos imposibles froito da irresponsabilidade dos xestores do Parque Nacional. O director, nos 20 anos que leva no cargo, apostou decididamente por unha xestión medioambientalmente insostible e irresponsable caracterizada pola improvisación. É evidente o desprezo á seguridade e saúde dos/as seus compañeiros/as, pois as medidas que agora esiximos con urxencia xa se contemplaban nas avaliacións de riscos e plans de acción que ten no caixón dende 2017.

A CIG esixe, ben sexa á CMACC ou á propia Presidencia da Xunta de Galiza, que asuman a responsabilidade dos feitos que temos comprobado e inicien de inmediato as medidas obrigadas para solucionar a situación. Non é aceptable seguir con esta xestión propia do “exército de Pancho Villa”.

Outras novas recentes

Mércores, 02 Setembro 2026

Carné de conducir + Persoal auxliar coidador

Chegounos información nestes días, de que persoal auxiliar coidador estaba a recibir un correo electrónico do Servizo de Selección de Persoal (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal), no que se lle informaba de que "para os efectos de acreditar estar en posesión do carné de conducir tipo B que se precisa para desenvolver determinados postos da escala...
Venres, 04 Setembro 2026

A Consellería do Medio Rural coloca adhesivos nas motobombas “Prohibido subir á parte superior agás persoal autorizado con equipo anticaida"

O que non resulta admisible é establecer unha norma de seguridade sen dotar previamente os vehículos e o persoal dos medios necesarios para poder cumprila. Hai que  cumprir a norma SI, pero co material adecuado: 1. Real Decreto 1215/1997 • Art. 2: definición de equipo de traballo. • Anexo I, apartado 1.6: risco de caída superior a 2 m → varanda ou protección colectiva...
Luns, 07 Setembro 2026

Mesa sectorial de funcionarios/as (04/09/2026): modificación RPT, datas actos de elección pendentes, PI23, escolas infantís, PND

Na MSF trouxeron a proposta da modificación da RPT Administración Xeral da Comunidade Autónoma na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e na Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na que se amortizan dous postos para crear outros dous. Dende a CIG non estamos de acordo coas amortizacións pero o que ademais lle fixemos saber á DXEP é que estas presas débense...