Novas por contido

Lembren estes nomes: Alfonso Rueda, Ánxeles Vázquez e María Jesús Lorenzana. O tres forman o que o outro día, na Pobra do Caramiñal, chamábase o trío da vergoña.

Rueda parece un neno caprichoso que non sabe dar o seu brazo a torcer. Aínda que as galegas e galegos digamos ALTRI NON e MINA DE TOURO NON, por miles, por centos de miles, el fai oídos xordos e sigue encabuxado. As outras dúas, Ánxeles e María Jesús, son coma as familiares compracentes que lle rin as gracias ao neno caprichoso.

Todo isto estaría moi ben e sería moi divertido se nas mans dese home e desas mulleres, non estivera o futuro da Galiza. Un futuro que está comprometido por un empeño que ninguén entende, nin sequera os/as seus/súas compañeiros/as do PP. Dende a CIG tivemos a oportunidade de falar con moitos/as, pero aínda que comprenden e están de acordo coas persoas que loitamos contra ALTRI e a MINA DE TOURO, ninguén o di en alto, aínda que puidemos ver a varios/as deles/as na manifestación.

O trío da vergoña escúdase en que tivo maioría nas pasadas elección xerais, pero señor Rueda, señora Vázquez, señora Lorenzana, ter maioría non significa facer o que lles dea a gana. Cando votou, a xente non coñecía este proxecto destrutor, non sabía a que se viña encima, todos e todas ignorábamos de que se trataba. Ademais, non pode impoñernos un modelo destrutivo e neocolonial que irá moito máis aló dos catro anos do seu mandato. Que lastre tan grande para o país ter un presidente que non sabe dicir non a unha multinacional para defender o seu pobo. Que pesadelo ter unha conselleira que di que as manifestacións contra Altri son “o comunismo do século XXI”. Que terrible ter outra conselleira que di que non importa que haxa contaminación no Ulla porque “ninguén bebe auga do río directamente”. A conselleira de medio ambiente, non sabe de medio ambiente!!

Que mágoa ter un político e dúas políticas que lles importan máis outros intereses (estraños intereses, sospeitosos intereses) que a súa terra. Que pena que teñamos que estar manifestándonos un día si e outro tamén para dicir “NON a ALTRI e á MINA DE TOURO”, como se non tiveramos outra cousa que facer.

E, ademais, o inefable Alberto Pazos, portavoz do trío da vergoña di, coas súas palabras, que somos parvos. Do ínclito personaxe temos que escoitar que as 20.000, 50.000, 100.000 persoas que nos manifestamos en Palas de Rei, en Pobra do Caramiñal e en Compostela, estamos manipuladas, somos manipuladoras ou estamos politizadas. Madriña!

O Consello da Cultura galega está manipulado, os/as mariñeiros, mariñeiras, mariscadores e mariscadoras están manipulados e manipuladas. Os/as agricultores/as, granxeiros/as e demais traballadores/as do campo están manipulados e manipuladas. As asociacións da terra, ecoloxistas, culturais e produtivas, están manipuladas. As centenas de miles de galegos e galegas que nos opoñemos a ALTRI e a MINA DE TOURO estamos manipulados e manipuladas. Só vostedes, señor Rueda, señora Vázquez e señora Lorenzana, que son os/as máis listos/as do mundo, saben a verdade. Os demais non sabemos ler, nin entender, nin pensar... por favor, que falta de humildade, que prepotencia, que insulto para todos e todas nós!!!

O que Rueda e a súas conselleiras non entenden é que para nós Galiza é importante! Non queremos que a terra que pisamos esté contaminada pola choiva ácida, non queremos respirar químicos contaminantes en canceríxenos, non queremos que os ríos e as rías morran polo seu capricho e polos intereses dunha multinacional que non queren en Portugal e que está chea de multas por non cumprir coa normativa ambiental.

A historia repítese unha vez máis, pero con outros nomes e outros/as protagonistas, homes e mulleres sen escrúpulos queren espoliar unha terra chea de biodiversidade e riqueza real e sostible para o seu propio beneficio. É unha historia que pasou en moitos lugares do mundo: América, África, Asia, e que está a pasar agora na Galiza. Pero sempre haberá mulleres e homes que loitaran polos seus dereitos. Que loitarán contra o comportamento covarde e interesado do trío da vergoña: Rueda/Vázquez/Lorenzana.

Dende a CIG facémoslles unha proposta a ese trío ao que, de momento, consideramos vergoñento: fagan unha consulta popular para saber o que quere o pobo galego! Pregunten á xente o que desexa de verdade. Se prefiren un proxecto extractivo e neocolonialista ou un modelo de país sostible onde todos e todas teñamos o noso lugar. Unha decisión deste tipo non poden tomala vostedes por si mesmos porque hipoteca o noso futuro durante décadas. Os nenos e as nenas que veñen tamén teñen dereito a unha terra limpa, un aire limpo, un auga limpa, e a un desenvolvemento sostible. Se o fan, se convocan un referendo, comprometémonos a rectificar as nosas verbas, a pedir desculpas sinceras e a aceptar o resultado da consulta.

É a hora dos galegos e galegas que aman e defenden a nosa terra!. Os/as traballadores/as da Xunta de Galiza temos que estar aí, en primeira liña. Tamén é a nosa responsabilidade. Que non nos fagan estar calados. Á CIG, non nós calará ninguén!.

 

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...