Novas por contido

A Xunta segue apostando pola privatización da atención aos menores infractores

O pasado 20 de marzo publicouse a Resolución pola que se autoriza o inicio e a convocatoria, mediante o procedemento de “concerto social”, para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, no centro de reeducación Concepción Arenal, na Coruña dun total de 35 prazas.

Este concerto social terá vixencia dende a súa formalización (prevista dende o 1.6.2025) ata o 31.5.2029, con posibilidade de prórrogas ata o 2033 que terá un custe para as arcas públicas de 29 millóns de euros, cun custo de 235,20 euros menor/día.

No prego de condicións técnicas que a Xunta lles esixe cumprir ás empresas privadas para poder concursar neste procedemento, insistimos unha vez máis, están as ratios tan ridículas que se esixen nalgúns casos. É chocante como para cubrir un centro con capacidade para 35 usuarios/as menores e o seu persoal, isto supón máis de 60 persoas, a esixencia mínima é de 1 traballador/a do servizo de limpeza e lavandería, 0,5 traballador/a de mantemento de instalacións e 0,6 traballador/a para a xestión administrativa vinculada ao funcionamento do centro. Parece que esta administración, ademais de ser insensible ao desmantelamento de servizos públicos básicos tan fundamentais como é a garda e custodia de menores infractores, tampouco é consciente da carga de traballo que estas categorías profesionais teñen que asumir e que son, dende o noso punto de vista, tan importantes para ao funcionamento dos centros como a dotación de persoal educativo ou técnico.

Dende a CIG sempre nos postulamos contrarios a calquera tipo de privatización que faga recaer en mans privadas a prestación de servizos públicos,  pero neste caso se cadra aínda é máis sanguento porque dunha parte trátase de garantir os dereitos e necesidades de menores e por outra a Xunta quítase a máscara, sen non a tiña xa descuberta, ao apostar de maneira clara pola privatización, aínda a sabendas de nefastas xestións con experiencias anteriores e en detrimento da dotación de servizos de seu. Deixar ao Avelino Montero como único centro público de reeducación para menores infractores de España parécenos un auténtico desleixo xa que o único obxectivo e ir desviando obrigas públicas en beneficio de mans privadas. E para ser o único, recentemente, incluso chegaron a amortizar prazas para deixalo sen dotación suficiente de persoal para cubrir todas as prazas que podería dispor si se utilizasen os catro módulos cos que conta xa que só se manteñen en funcionamento dous.

Despois do ata aquí exposto, cómpre facernos varias preguntas a sabendas de que ninguén as vai contestar: cando a Xunta de Galiza vai a asumir a responsabilidade que lle compete en temas tan delicados como a protección e reeducación de menores?, cantos menores e as súas familias van ter que seguir soportando esta mingua na defensa dos seus dereitos?, cantos profesionais de organizacións non gobernamentais e/ou de empresas privadas prestadoras destes servizos van ter que seguir sendo sometidos a condicións de traballo e salariais inasumibles e absolutamente dispares coa profesionalidade, formación, dedicación e responsabilidade que o traballo con menores infractores requiren?, e para finalizar e co desexo de que NUNCA MÁIS volva a suceder, cantos/as profesionais teñen que morrer para que as nosas administracións en xeral e a Xunta de Galiza en particular caian da burra de que tanto o sistema de protección dos/das menores como os dereitos de atención residencial e a intervención educativa integral dos menores infractores en Galiza teñen que ter unha resposta pública directa que garanta, tanto para eles como para o persoal que os atente, uns servizos públicos de calidade e deixarse dunha vez por todas de externalizar e mercantilizar cos servizos sociais especializados?

Outras novas recentes

Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...
Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...