Novas por contido

Na mesa xeral do día 05/05/2025, a CIG defendeu as alegacións ao Anteproxecto de Decreto polo que se regula o acceso e provisión de postos de traballo de persoas con discapacidade intelectual na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

Concordamos coa necesidade de regulación que se expresa no decreto, pero pensamos que esta podía ser a oportunidade de estender a regulación a outros tipos de discapacidade e non só á intelectual.

• No artigo 7 eliminan o punto 5 “A adaptación será aprobada e determinada mediante resolución do órgano directivo competente en materia de persoas con discapacidade”. Con este cambio e o anterior a avaliación da adaptación tanto do tempo como do espazo,etc.. pasa a ser unicamente avaliable por Función Pública cando antes era polo EVO e pola Dirección Xeral de persoas con discapacidade.

• No artigo 10 eliminan o segundo parágrafo “Dita condición deberá manterse ata que as persoas aspirantes adquiran a condición de persoal funcionario ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico”. Advertimos que existen casos de discapacidades intelectuais provisionais.

• Engaden unha Disposición adicional única. “Protocolo de acollemento:No prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto publicarase un Protocolo para o acollemento no ámbito do emprego público do persoal de novo ingreso con discapacidade intelectual.” Isto vén a recoller a nosa petición de acompañante, titor, formador pero déixano para un protocolo posterior. Insistimos en que debe ir recollido no decreto.

• Debe engadirse un artigo que estableza que os postos de discapacidade intelectual e que figurarán nas RPTs, non deben ser detraídos da RPT entre postos existentes, senón que se deben crear como postos novos suplementarios cunha condición especial en relación ao seu encadramento en distintas unidades co fin de asegurar que, pola natureza, funcións e proximidade á residencia das persoas que os poidan ocupar, se poidan adaptar a esa demanda. Hai que lembrar que unha vez convocado o concurso de traslados de administración xeral se eliminaron do mesmo postos de persoal subalterno para dar tomas de posesión a persoas con discapacidade intelectual en vez de mantelos e crear novos postos a maiores que é o que defendemos.

• Mantemos as alegacións presentadas e tratadas no consello asesor, basicamente en axustes do texto do tipo “poderá facerse” por “farase” e sinalamos que existen dúas diferenzas entre o texto que foi ao Consello Asesor e o que vai a esta Mesa en relación aos artigos 6.1 e 7.4.

Función Pública di que a análise das prazas faise cando a elección de destino, co cal non aceptan a creación de postos novos para o acceso e provisiión de persoas con discapacidade intelectual.

En relación á eliminación da cláusula coas indicacións do Consello Asesor, din que é unha condición que as persoas con discapacidade non ían perder. Dende a CIG confirmámoslle que si existen ditames provisionais de discapacidade.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

A DXEP acumula atrasos, evita dar prazos e deixa sen resposta as demandas da CIG

A rolda aberta de intervencións da Mesa Xeral volveu evidenciar unha Administración instalada na demora e na falta de transparencia. A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) confirma que haberá "repescas" en todos os procesos de estabilización e acceso libre, pero non pon datas; non responde ante o caos no Consorcio e alega descoñecer a...
Mércores, 14 Outubro 2026

Por un sistema público galego de servizos ás persoas

Dentro da campaña que se está a levar a cabo “Por un sistema público galego de servizos ás persoas”, pedimos xuntanza tanto coa Conselleira de Política social como co Conselleiro de Educación. Adxuntamos os escritos remitidos solicitando esas xuntanzas, para, se o consideras oportuno lles envíes un recordatorio de que estamos á espera dunha data. ASUNTO: O que se...
Venres, 09 Outubro 2026

Ampliación do prazo de elección de destino na especialidade de limpeza e cociña

No DOG do 09/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2026 pola que se amplía o prazo para a elección de destino na agrupación profesional, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de limpeza e cociña, convocada pola Resolución do 24 de setembro de 2026 (Diario Oficial de Galiza número 186, do 30 de setembro). Amplían o prazo...