Novas por contido

Na orde do día da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF) que tivemos o xoves 10 de xullo, tratáronse as convocatorias dos procesos selectivos de A1-Ciencias do Mar, A1-Profesores das escolas náutico-pesqueiras (varias especialidades), e A2-Mestres de taller das escolas náutico-pesqueiras (máquinas e produción).

Na rolda aberta de intervencións puidemos preguntar e a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) deu información da situación de varios procesos selectivos que están actualmente en execución (enxeñarías, arquitecturas, ciencias, cociña, coidadores) ou pendentes de convocar (incendios, AP-recursos naturais e forestais. Falamos tamén das vacacións do persoal técnico do SPIF, das comisións de servizos a postos de axentes forestais e das listas de agarda do persoal de cociña.

Proceso selectivo A1-Ciencias do Mar

Para a MSF enviaron exactamente o mesmo borrador, sen cambios, que o que nos enviaran días antes para que fixeramos alegacións. Por tanto, estamos ante unha falta negociación, tan só cumpren o expediente. En grandes liñas, isto é o que destacamos das alegacións que presentamos por escrito:

  • Forma de acceso: queremos concurso-oposición
  • Promoción interna: ofertan 1 de 4 prazas. Defendemos que sexa do 50%, polo que queremos que pase a ser 2 de 4. E que permitan promoción horizontal dende outras escalas do mesmo subgrupo
  • Substituír o 2º exercicio (temas) por algunha proba obxectiva (p.ex. suposto práctico test)
  • Os dous exercicios teñen mesma puntuación. Queremos que o primeiro (test) teña o dobre de puntuación que o segundo (temas), por ser o primeiro de corrección obxectiva e o segundo subxectiva
  • Materia eliminatoria (que cada exercicio sexa sobre materia diferente, e non ter que volver a estudar o mesmo)
  • Establecer corte tamén no 2º exercicio
  • Poñen data mínima para o primeiro exercicio, pero sobran casos en que acaban duplicando o tempo. Así que queremos que poñan tamén unha data máxima
  • Programa: parte específica en base a normas de dereito e non temas; alternativamente que publiquen manuais/referencias bibliográficas. liminar contido memorístico tipo anexos, listados...

De todo o anterior, a DXEP dixo que reconsiderarían permitir a promoción interna horizontal.

Proceso selectivo A1-Profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidades de pesca marítima, bioloxía pesqueira, navegación marítima, máquinas e instalacións mariñas, inglés marítimo, formación e orientación laboral e procesos sanitarios

Igual que o anterior, envían o mesmo documento sen cambios. O dito para ciencias do mar tamén é de aplicación para este proceso, coas seguintes puntualizacións:

  • A promoción interna co 50% sería de aplicación para a especialidade de navegación marítima, onde ofertan 4 prazas
  • Para o desempate, teñen en conta en primeiro lugar o segundo exercicio. Consideramos que o que debe primar é o primeiro

A resposta da DXEP é a mesma: reconsiderarán permitir a promoción interna horizontal.

Proceso selectivo A2-Mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción

Mesmo documento previo. Os mesmos argumentos. Advertimos dun erro na redacción dos requisitos de participación na promoción interna, pois cando falan de C1, poñen a redacción do corpo facultativo de grao medio, que é A2.

Procesos selectivos de enxeñarías, arquitecturas e ciencias

Teñen problemas coas eleccións de destino, especialmente nas enxeñarías, pola existencia de postos con requisito de doutoramento (por cada posto con ese requisito teñen que ofertar outro), e a medida que queden vacantes quedan dispoñibles para outras escalas (postos abertos a varios subgrupos ou escalas), polo que farán unha publicación progresiva das eleccións de destino. Comezarán por A1-montes, despois irán A2-forestais e o resto de enxeñarías, ciencias e arquitecturas. Queren evitar que os A1 escollan todas as prazas A1/A2 de xeito que non quedan prazas para A2, e tamén que quedarían prazas A1 sen adxudicar, así que se se da esta circunstancia limitarán as prazas de A1/A2 que ofertan a A1. Tendo en conta que hai localidades en que é moi limitado o número de postos, CIG advirte que isto pode ir en contra dos intereses de quen queira coller un posto nunha localidade con poucas opcións. A DXEP apunta que tentarán facer as cousas dun xeito equilibrado para evitar esas situacións.

Procesos selectivos de SPIF (incendios)

Pendentes de ser aprobados na Comisión de Persoal. No Consello da Xunta do 07/07/25 modificaron a data do 1º exame, que será o 28 de febreiro de 2026. Por tanto a publicación da convocatoria será na última semana de agosto.

Procesos selectivos de cociña (C1 e C2) e coidadores (C2)

Foron publicados en DOG 30/06/25. Recoñece o erro advertido por CIG de que ao modificar na negociación o primeiro exercicio, quedou suprimida a exención de preguntas da parte común das persoas que van por promoción interna. O 14 de xullo publicarán unha corrección de erros.

Vacacións do persoal técnico do SPIF

Denunciamos problemas coas vacacións na provincia de Ourense. Nese sentido, xa o 6 de marzo de 2024, hai máis dun ano, solicitamos a convocatoria da comisión de seguimento do acordo deste persoal. Fan coller os días de compensación da garda previa, polo que para 3 días de garda teñen que marcar 9, en vez de 7 como se fai no resto das provincias. A maiores, para gozar dun día de AP fan sinalar 3 días no portax, polo que se gastan 3 días de AP.

A DXEP comprométese a falar con Medio Rural para unificar permisos e convocar a comisión.

Comisións de servizos a Axentes forestais (C2) a persoas doutras escalas

Solicitamos unha reunión urxente explicando os problemas que se poden dar tras unha volta atras de 25 anos, ao abrir unha escala extinguida e que tiña un plan de promoción ao B.

Poñemos enriba da mesa a seguinte situación: a concesión de comisións de servizos a persoas que non pertencen á escala, implica ter que exercer funcións de axente de autoridade? Terán presunción de veracidade nos actos que realicen? Poden certificar subvencións e outras actuacións que realizan os axentes por ter a cualificación técnica e a presunción de veracidade? Está a entregárselles placa co numero de identificación? Entregouse uniforme a este persoal, e de ser así, que número de identificación leva o seu uniforme? Non cree a directora xeral que está a por en risco a veracidade e a credibilidade do colectivo de axentes cando estes feitos sexan coñecidos polas persoas que sexan obxecto das accións dos/as axentes/as?

A DXEP di que analizarán a situación coas consellerías.

Listas de agarda das escalas de cociña

A CIG indica que o día de onte (09/07/25) apareceu mudada a titulación das escalas de cociña nas listas de agarda da paxina da Xunta. Quere dicir con isto que van facer as modificación na Lei do emprego público de Galiza?. Por outra parte preguntamos que van facer coas persoas que están anotadas e que agora xa non cumpren os requisitos? Vanlles devolver os cartos das taxas? Vannas excluír? Lembramos que temos bastante persoal en listas coa titulación de técnico superior no C2, se agora piden técnico/a (ciclo medio) que van facer con eles?

A DXEP resposta que puxeron as titulacións indicadas no proceso selectivo convocado. Unha vez analizadas as solicitudes das listas informarán dos criterios seguidos para a admisión das persoas. A quen queden excluídas devolveranlles o diñeiro.

Outras novas recentes

Luns, 28 Xullo 2025

Caos nas probas visuais da Consellería do Medio Rural

Tras dous anos agardando pola creación das listas de escalas de persoal funcionario do Servizo de Prevención e Incendios Forestais (SPIF), fixeron unha apertura extraordinaria destas listas en xaneiro, seica pola urxencia, pero as probas non as fixeron ata a semana pasada, en plena campaña de alto risco. Na proba visual, realizada na EGAP o 23 de xullo, houbo unha...
Xoves, 31 Xullo 2025

RPT de Atriga, Facenda, C.Presidencia. RPT con cambios en admon. especial (para 01/08/25)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocounos a unhas xuntanzas que serán o día 1 de agosto, coa seguinte Orde do día: RPT DA CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES Trátase dunha proposta de certa amplitude que foi tratada nunha xuntanza previa o día 11 de xullo. E agora, no mesmo día pretenden "negociar" en Mesa Sectorial de...
Mércores, 30 Xullo 2025

A CIG pide a retirada da denominación sexista «Valedor do Pobo» da fachada do edificio da institución

A entidade está a negociar cos sindicatos o seu I Plan de Igualdade, que chega 18 anos tarde ―contando con que a súa aprobación sexa en 2025 A pesar de que dispoñemos cada vez de máis lexislación no eido da igualdade, o seu incumprimento é sistemático por parte das administracións, sen que teña consecuencias que as disuadan do contrario. A lexislación obriga ás...