Novas por contido

Na xuntanza tida o pasado 22 de setembro coa Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático tratáronse os seguintes puntos na orde do día:

1. Proposta de modificación do Acordo de condicións de traballo das escalas de Axentes.

Na reunión celebrada o 9 de Agosto, pedírase que as reunións foran conxuntas, para tratar un único acordo de condicións para todas e todos. Pero nesta reunión, igual que na do día 17 na que só acudiu a Consellaría de Medio Rural, acude só a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Entendemos que é necesario revisar:

  • O Acordo de condicións de traballo para que se poidan facer noites na CMACC, moi necesarias para defender o patrimonio natural.
  • Plan formativo negociado: recoñecen a importancia da formación e din que estudarán como facer para que de forma recíproca se habilite para toda a escala independentemente da consellería á que pertenzan (coa preferencia da consellería propia).
  • Axudar en emerxencias como nesta vaga de lumes: a Administración recoñece a gran labor dos Axentes da CMACC na vaga de lumes e aceptan un protocolo claro de actuación e, nestes casos, dotar de EPIs e de emisoras compatibles (con isto loitariamos para entrar na Lei de emerxencias e ter centraliña de avisos e non andar a golpes de whatsapp para os comunicados).
  • É necesario que se retribúan as gardas de fin de semana e festivos en período ordinario.
  • Quedou aclarado que se poden solicitar vacacións e día de asuntos persoais (AP) por días hábiles (as vacacións son por días de quenda, é dicir, que se nunha semana só traballas 3 días só se piden eses 3 días).

A Secretaria Xeral Técnica da CMACC, di que toma nota e vai proceder a estudar as propostas, incluso se as reunións son conxuntas ou as convocan de xeito independente. Dende as OOSS insistimos en que a negociación debe ser conxunta para garantir a igualdade de condicións. Din que en breve nos volveran a convocar.

2. Creación dun grupo de traballo para a determinación das funcións dos Axentes no ámbito da Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático para o novo regulamento da escala.

A Administración incumpriu varios acordos anteriores onde se comprometía a negociar un novo Regulamento de funcións. Levamos máis de 20 anos sen el. Solicitamos que tomen como documentos de partida a Lei 4/24 Básica de Axentes Forestais e Medioambientais e o borrador conxunto do Regulamento presentado polas OOSS no ano 2017 e que a Administración cree grupos de traballo serios e con vontade de avanzar. A CMACC tampouco se comprometeu a nada, "só toman nota e di que nos convocarán en breve para unha nova reunión". Insistimos en que as negociacións deben ser conxuntas para toda a escala, incluíndo á Consellería de Industria na que hai 4 Axentes Ambientais neste momento.

3. Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT)

  • Non aceptaremos de ningún xeito ter niveis diferentes aos da CMR. Se non na CMACC xamais imos a cubrir os postos. Medio Ambiente non pode quedar con peores condicións, pois o traballo xa é duro dabondo.
  • Incidimos en que é necesario que as prazas estén barradas C1/B e a Administración non pode seguir cubrindo prazas en comisións de servizo dende a escala extinta do C2.


Rogos e preguntas.

  • Protestamos pola ilegalidade da activación do último período de gardas nas provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra e solicitamos que se active o período extraordinario para a vixilancia da caza.
  • A CMACC infórmanos de que as prazas da UICON sairán publicadas o mércores día 24 para a súa cobertura en comisión de servizo.
  • APUNTAMENTO CONCURSO DE TRASLADOS AXENTES AMBIENTAIS: Na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que tivo lugar hoxe a Directora Xeral de Emprego Público di que xa está case listo o baremo provisional e que se publicará no mes de outubro, xustificou a tardanza polos cambios de nivel e grupo o que di que dificultou a baremación.

Para a CIG foi unha reunión con poucos avances e nivel de compromiso moi baixo por parte da Administración. Quedamos pendentes das próximas convocatorias que de non ter avances teremos que pensar en tomar as medidas de presión necesarias para que se senten a falar.

Outras novas recentes

Venres, 10 Xullo 2026

A conselleira de Política Social defende os intereses do empresariado do sector das escolas infantís e esquece a traballadoras e crianzas

Conselleira Fabiola: presente a dimisión xa! Gabinete de crise A conselleira de Política Social declara que se o goberno central aproba unhas novas ratios, coas cifras que se publicaron, acábase a gratuidade das escolas infantís. Cal gratuidade? A que, cos nosos impostos, lle pagamos ás empresas que prestan este servizo? Ás empresas que teñen as traballadoras co SMI ou por...
Xoves, 09 Xullo 2026

Eleccións de destino das escalas sociosanitarias

Despois do desastre de convocatoria de elección de destino destas escalas onde se duplicaron prazas, se ocultaron prazas sobrantes do concurso, meteron prazas que non pasaron polo concurso, meteron en varias escalas prazas con requisitos non esixidos na convocatoria sen aumentar en igual número ás sen requisitos, sacaron listados con xubilados e falecidos, etc, etc, etc......
Xoves, 09 Xullo 2026

Coeficientes redutores de Gardacostas: a consellería segue inactiva e non cumpre

O luns 06/07/2026 tivemos unha xuntanza coa Consellería do Mar pola pretensión desta de iniciar un novo procedemento para o acceso á aplicación dos coeficientes redutores ao existir unha nova norma. Como xa dixemos aquí, o novo decreto é máis restritivo, pon máis atrancos e é menos garantista. A consellería pretendeu colar que a vía aberta pola CIG ao promover o...