Novas por contido

No ano de maior devastación polos incendios, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non activa as gardas de reforzo e deixa reducida ao 25 % a operatividade do cadro de axentes ambientais

A tempada de caza comeza este domingo 19 de outubro nun contexto especialmente delicado para o medio natural galego. Despois dun verán no que arderon milleiros de hectáreas, a Consellería, por vez primeira en anos, non activou as gardas do período extraordinario, deixando o servizo baixo mínimos históricos polo que só o 25 % do cadro de persoal estará operativo, fronte ao 50 % habitual nestas datas.

Esta decisión resulta especialmente grave no ano en que a fauna galega está máis afectada ca nunca polos grandes incendios forestais que arrasaron amplas zonas e a fauna silvestre que sobreviviu non ten alimento nin acubillo. A repoboación natural dependerá da migración dende espazos verdes limítrofes máis a pesar disto a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, non decretou a exclusión nin nos concellos afectados. E, aínda que a lei de caza galega prohibe expresamente o exercicio da caza en terreos queimados apenas ten axentes para exercer este control.

Un servizo esencial sen reforzos

Con isto é máis importante ca nunca a vixilancia da actividade cinexética e do furtivismo, tanto para preservar a fauna, como para garantir a seguridade das persoas cazadoras e das veciñas e veciños que habitan o rural.

A Consellería, ademais de non reforzar o servizo activando o período extraordinario, mantén sen cubrir prazas vacantes e amortizou postos durante anos, o que provoca que contemos apenas cunha parella de axentes por distrito ambiental durante os fins de semana e festivos. Isto ocorre nun país onde se pode practicar a caza en mais do 80 % da superficie e existen arredor de 35.000 licenzas de caza activas.

Sen protocolos de seguridade nin medios de apoio

A situación da falta de persoal agrávase pola falta de medidas de seguridade laboral. Desde o asasinato a queima-roupa de dous axentes ambientais en Lleida no 2017, e aínda coa Lei básica de axentes forestais que obriga a protexer aos axentes, na Galiza seguimos sen protocolos básicos de actuación fronte situacións de risco.

A Consellería négase a poñer en marcha unha centraliña de avisos que tamén xestione incidencias ou chamadas de auxilio —como si ten a Consellería do Medio Rural—, nin organiza os servizos para garantir que os compañeiros e compañeiras non traballen sós. As ameazas e agresións ao persoal axente ambiental continúan sendo un risco real, mentres a Administración mira cara outro lado.

Dende a CIG Autonómica instamos de novo á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a activar as gardas e atender as demandas do persoal e garantir un servizo público de calidade, que protexa a biodiversidade galega e exercicio correcto da actividade cinexética. Non se pode falar de medio ambiente mentres se desmantela o seu primeiro muro de protección: os e as axentes ambientais!!

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Martes, 20 Outubro 2026

Destinos limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc. (DOG 30/09/26), inspección consumo, inspección turismo, veterinarios/as-2024. Convocator...

Información da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, do 20/10/26: Nomeamento das escalas convocadas a escoller destino no DOG 30/09/26 (limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc, que agrupou 18 convocatorias de procesos selectivos: afirma a DXEP que publicarán a resolución co nomeamento e destino adxudicado no DOG do 30/10/26. En canto á data de toma de...