Novas por contido

Na comisión de seguimento abordouse a modificación de horarios con escasos avances, pero co compromiso de avanzar na mellora das condicións laborais e na xubilación anticipada do persoal.


Na xuntanza celebrada o 3 de novembro de 2025 a Consellería do Mar comprometeuse a colaborar no procedemento iniciado pola CIG en abril do 2024 en base ao Real Decreto Lexislativo 8/2015, de 30 de outubro, para a consecución dos coeficientes redutores de xubilación do persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza.

Alegrámonos de que a Administración se poña neste caso do lado do persoal nesta xusta loita pola xubilación anticipada, recoñecéndonos ademais a oportunidade de ter presentado a solicitude baixo a anterior regulación cun procedemento que resulta máis vantaxoso.

 

Orde de prestación de servizos e negociación de horarios

A Administración comprometeuse a unha nova reunión nun prazo de dez días, aínda que na reunión de hoxe non se produciron avances significativos. Consideramos que o punto clave é acadar un consenso nas carteleiras, verdadeiro motivo do bloqueo, polo que reiteramos que é necesario reforzar o cadro de persoal e cubrir as vacantes e denunciamos que non se están a cumprir a orde na sua totalidade nin as 60 horas de descanso semanal obrigatorias.


• Inclúen as 60 horas de descanso na orde, pero atráncase a definición de “semana”.
• Acéptase ampliar a compensación por prolongación de xornada: 2 horas en mañá/tarde, 2 horas 30 minutos en noite e 3 horas en festivo.
• Non se acepta a redución de quendas mensuais, nin de noites, nin de fins de semana.
• Acéptase pagar a 120 € as xornadas especiais, mais sen incluír os festivos.
• Actualízase o complemento específico, pero sen melloras adicionais.

 

EPI`s e uniformes

A Consellería anunciou a ampliación do orzamento para roupa de traballo, que pasa de 30.000 a 75.000 euros. Aínda non se confirmou se será posible arrastrar puntos entre exercicios, pero incluirase no prego a obriga de manter un stock de reposición e dotación para o novo persoal.


RPT: segunda actividade e xefaturas

Insistimos na necesidade de:

• Ampliar os postos de segunda actividade.
• Incluír a observación nestes postos para especificar que o salario é do posto de orixe incluídos todos os complementos.
• Abrir á escala operativa os postos de xefatura.
• Revisar a necesidade de creación de prazas nas bases para poder respectar os dereitos laborais do persoal.

 

Procesos selectivos e grupo B

En canto resolución e toma de posesión do concurso de traslados e procesos selectivos está en man da Dirección Xeral de Emprego Público sen que en Mar teñan explicación do motivo do atraso.

Sobre a integración no grupo B, a consellería deu resposta a demanda sindical e trasladou a intención de incluír na Lei de medidas de 2026 unha modificación para situar as especialidades de patrón e mecánico da escala operativa no grupo B, de acordo coa titulación de técnico/a superior esixida. Porén, acompáñano dunha disposición derrogatoria quinta, que na práctica impide a súa efectividade, mantendo o persoal no C1 á espera dunha regulación que non se esixe a ningún outro subgrupo na Administración.

Na CIG denunciamos que esta manobra reproduce o mesmo bloqueo que padecen outras escalas do grupo B dende hai máis dunha década, o que nega o recoñecemento profesional e económico debido ao persoal.

 

A CIG presenta alegacións ás leis con novas propostas

A CIG vén de presentar unha batería de alegacións ao anteproxecto da Lei de medidas e á Lei de Orzamentos de 2026, incluíndo tamén novas propostas para mellorar a regulación do Servizo de Gardacostas de Galiza.

Proposta para incluír Gardacostas na Lei de Emerxencias de Galiza

A CIG presentou unha proposta para modificar a Lei 5/2007, de emerxencias de Galiza, co obxectivo de incluír directamente o Servizo de Gardacostas como servizo esencial de emerxencias. O recoñecemento legal permitiría mellorar a resposta ante emerxencias climáticas, naturais e de salvamento, consolidando o carácter estratéxico deste servizo.


Proposta para a consideración de servizo esencial  Lei de Orzamentos para 2026 

A ausencia de referencia expresa no artigo 13 da Lei de Orzamentos deste servizo complica a cobertura áxil de vacantes e substitucións.

Proposta de supresión do artigo 21.d

Para evitar que os importes dos complementos específicos adicionais podan ser reducidos ou eliminados pola Administración.


Proposta para que a Administración da Xunta  impulse formalmente o procedemento de xubilación anticipada ante o Estado

Coa engádega dun artigo na  Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galiza.

 

Lembra que teremos unha nova comisión en 10 días, Se queres engadir propostas ou trasladar dúbidas, contacta coa CIG-Autonómica.


A participación de todo o persoal é clave para seguir avanzando!

Outras novas recentes

Venres, 25 Setembro 2026

Novos actos de elección de destino, Consorcio, comisións de servizos en Política Social, INTECMAR (mesa sectorial do 23/09/26)

Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información. O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o listado de postos e continuarán en breve, pero non da...
Xoves, 01 Outubro 2026

Publicación listas provisionais PSX e xerocultor/a

No DOG do 01/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de servizos...
Xoves, 01 Outubro 2026

A Xunta fabrica comisións de servizo: (con) concursos a contagotas e postos a dedo

Nestes días vanse dar máis postos en comisión de servizos que no concurso de traslados de corpos xerais. Remata un concurso de traslados de corpos xerais e volven dispararse as comisións de servizo. Nada novo baixo o sol da Administración da Xunta: dende o 16 de setembro de 2026 (día seguinte ao da resolución do concurso) xa se concederon 292 postos en comisión de servizo....