Novas por contido

CIG convocou unha manifestación que percorreu as rúas de Compostela, para visibilizar as reivindicacións do persoal do servizo de incendios (SPIF), por unhas condicións laborais dignas e melloras salariais e organizativas que permitan adaptar o servizo á realidade actual, tanto de carestía da vida como da nova tipoloxía de lumes.

A manifestación nacional, convocada por CIG-Autonómica rematou en San Caetano, onde se leu un manifesto coas principais reivindicacións do colectivo. Estas pasan por unha actualización das condicións nas que traballa o persoal do SPIF para adaptalas ao incremento continuado da carestía da vida e aos cambios na tipoloxía dos incendios forestais, cada vez máis complexos e con maiores esixencias técnicas. Ao que sumar os efectos da mudanza climática, con vagas de calor máis frecuentes e intensas, que incrementan a dificultade e o esforzo necesarios para combater os incendios forestais.

Neste contexto, a CIG-Autonómica considera que as condicións laborais actuais son claramente insuficientes, tanto no relativo ás retribucións salariais como á organización do traballo, polo que demanda melloras laborais e salariais acordes coas funcións desempeñadas, as responsabilidades asumidas e as condicións nas que o persoal desenvolve o seu labor. Mais tamén son necesarias accións efectivas para protexer as persoas traballadoras fronte á exposición á feluxe, así como a implantación de medidas que garantan a conciliación da vida laboral e familiar e a igualdade. E melloras reais nas bases de traballo que permitan contar con instalacións e medios adecuados para desenvolver a actividade en condicións dignas.

Outro dos eixos fundamentais das reivindicacións é o recoñecemento profesional de todo o persoal funcionario de carreira, xunto coa mellora da formación específica do SPIF e a implantación dun sistema de avituallamento eficaz que responda ás necesidades do persoal durante as intervencións. A CIG reclama ademais a creación dun sistema multiemerxencia que permita manter a actividade do SPIF durante todo o ano, aproveitando a experiencia e os coñecementos do persoal máis alá da campaña de incendios forestais e dando resposta a outras situacións de emerxencia.

No ámbito organizativo, a CIG considera imprescindíbel un novo modelo de ordenación dos postos de traballo que supere a actual fragmentación e permita unificar todas as especialidades e categorías dentro dunha única escala, unha proposta que busca avanzar cara a unha estrutura máis coherente e adaptada ás funcións e responsabilidades que asume o conxunto do persoal.

Estas reivindicacións forman parte dunha táboa elaborada durante os últimos meses a través de asembleas de persoas traballadoras, nas que se recolle o malestar existente ante os avances lentos e insuficientes propostos pola Xunta. A través desta mobilización, o persoal quixo visibilizar a situación que atravesa o servizo e reclamar unha resposta integral por parte da Administración autonómica, xa que non abonda con avances parciais nin con propostas que non dan resposta ás necesidades reais do colectivo.

Desde o sindicato subliñan que é necesario abordar de maneira global as carencias do SPIF, tanto en medios e organización como en condicións laborais, e lembran que a prevención e defensa contra os incendios forestais constitúe un servizo público esencial que precisa contar cos recursos humanos e materiais necesarios para desenvolver o seu traballo en condicións adecuadas. A protesta de hoxe representa así unha chamada de atención á Xunta para que asuma a súa responsabilidade e dea resposta ás reivindicacións dun persoal fundamental para a protección do territorio, do patrimonio natural e da seguridade da cidadanía.

Outras novas recentes

Xoves, 19 Novembro 2026

O sector dos coidados e a atención ás persoas en loita!

As traballadoras do sector de coidados e atención denuncian a precariedade da súa situación laboral e dos servizos que se prestan desde a Consellería de Política Social e a Consellería de Educación. Centos de manifestantes marcharon en Santiago de Compostela o sábado 14 de novembro, reclamando a creación dun Servizo Público Galego de Atención ás Persoas que garanta servizos...
Mércores, 18 Novembro 2026

RPT do Mar (centros de ensino) (26/11/26)

A Secretaría Xeral do Mar convocounos a unha xuntanza para o xoves 26 de novembro, para tratar unha proposta de modificación da súa Relación de Postos de Traballo. A proposta afecta ás escolas oficiais nautico-pesqueira de Ferrol e Ribeira, ao instituto en acuicultura da Illa de Arousa e ao instituto marítimo-pesqueiro do Atlántico de Vigo. En todos eles crean postos de...
Xoves, 19 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (19/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigracion, convocounos a outra xuntanza, que vai ser o xoves 19 de novembro, para continuar coa sú aproposta de modificación da Relación de Postos de Traballo. Para esta xuntanza, a Consellería achegounos documentación complementaria que podes consultar aquí: Descargar Se queres dicirnos algo, podes contactar coa CIG.