Novas por contido
Alerta da “máis que evidente desorganización actual do dispositivo” e denuncia a “estratexia de confusión” da Xunta do PP para eludir responsabilidades.
 
Representantes de Seaga, SPDCIF, brigadas dos Concellos e bombeiros compareceron en Santiago co secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, e da CIG, Suso Seixo, para denunciar a desorganización dos servizos de extinción de lumes forestais, “que se fixo máis evidente nesta vaga de incendios”. Culpan ás políticas para o medio rural e ao modelo de xestión da prevención e extinción imposto pola Xunta do PP e esixen a súa “reformulación radical", coa unificación nun só ente público e con medidas de recuperación do rural.
 
Os responsábeis sindicais sinalaron que unha vez máis, e como ciclicamente acontece cada poucos anos, o lume volta a ser o triste protagonista do verán en Galiza, con grandes incendios que máis alá do enorme dano ambiental e económico que supoñen, xeran perigo para a poboación e as vivendas. Entenden que queda en evidencia que a existencia de determinadas condicións ambientais (seca, calor e vento) de forma prolongada automaticamente implica o inicio dunha vaga de incendios de grandes dimensións que poden arder descontrolados durante varios días.

Igualmente, e tamén con carácter cíclico, diante desta situación o Goberno galego bota man do discurso da intencionalidade incendiaria, e mesmo desta volta chégase a falar de grupos organizados de carácter terrorista que actúan cun plan de actuación a escala nacional. Resulta evidente a intencionalidade dos lumes, e tamén da necesidade de aplicar severos castigos a aqueles/as que prenden lume de forma intencional, pero en todo caso dista moito de ser esta unha situación novedosa, e non existe absolutamente ningunha proba seria dunha trama organizada das características suxeridas polo presidente da Xunta.

Mesmo nestes días os medios de comunicación recollen as informacións emitidas pola Xunta do constante goteo de detencións e identificacións de supostos incendiarios. Pero o certo é que non se fai distinción de ningún tipo, e reciben o mesmo tratamento de terrorista organizado tanto unha persoa detida por provocar un lume de forma totalmente intencional, como unha neglixencia dunha mala práctica agrícola que non ten intencionalidade, ou mesmo un traballador portugués que supostamente provocou unha chispa cunha empacadora, algo demasiado sofisticado a todas luces para ser propio dunha trama organizada.

Fragmentación do dispositivo

O certo é que con esta estratexia da confusión practicada pola Xunta o que se pretende é afastar o debate que realmente se debe de dar, que é a problemática estrutural dos incendios forestais en Galiza, e o tipo de xestión que se fai e se debe facer tanto á hora de prevelos e evitalos como de extinguilos.

No referido ao servizo de extinción, o actual modelo establecido polo Partido Popular ten as seguintes características:

  • A fragmentación do dispositivo de extinción nun sinfín de entes, tales como o servizo propio público da Xunta, a empresa pública Seaga, Tragsa, Concellos, empresa privadas, parques comarcais, exército, etc.
  • A entrada de capital privado que obtén beneficio económico da extinción de incendios, co que se convirte o lume nun negocio, e con toda a problemática que isto pode supoñer.
  • A precarización absoluta dos traballadores/as dedicados/as á extinción, na medida en que que cada ente aplica a súa propia normativa laboral específica, xerando un auténtico caos de xornadas e salarios diferentes, que nalgúns casos non superan o Salario Mínimo Interprofesional.
  • Limitación do traballo dos servizos de extinción a tres meses na maioría dos casos, o que implica a perda de prestacións por desemprego para eses traballadores/as, e a precarización absoluta para quen pretenda ser un profesional do servizo.
  • Esta situación laboral caótica provoca a conversión do que debera ser un servizo profesional nun traballo estacional mal pagado, apto para quen necesita un traballo temporal no verán, e polo tanto sen vocación de futuro, e isto significa traballadores/as sen experiencia nen formación. Xa non é só ter uns medios de extinción sen profesionalizar, é mesmo poñer en perigo a vida de persoas sen medios nen experiencia diante de lumes de grandes dimensións que requiren de actuacións perfectamente estudadas.
  • Adscripción de máis de 1500 prazas de extinción aos concellos por só tres meses, que ou ben optan pola contratación directa ou subcontratación a empresas privadas. Estas brigadas están conformadas moi maioritariamente por xente sen experiencia, e na maioria dos casos nen sequer actúan na extinción, dedicándose a outras tarefas.
  • A utilización de fondos FEADER previstos para a prevención para financiar a contratación de brigadas de extinción. Esta estratexia de finaciamento provoca situación tan surrealistas como facer traballar ás brigadas en limpeza forestal durante horas en días de IRDI (índice de risco diario) extremo, e despois de cinco horas de traballo cunha desbrozadora no monte enviar o persoal a apagar un lume.
  • Desorganización absoluta no conxunto do dispositivo, privatizando incluso a coordenación do mesmo.
  • Negativa á creación da categoría de bombeiro forestal, co que existe unha renuncia tácita a dotar o país dun servizo público de extinción profesionalizado.

Segundo denuncian, esta práctica cos servizos de extinción forestal tamén se lles aplica aos bombeiros urbanos e dos parques comarcais, onde tamén actúan empresas privadas e existe a mesma problemática laboral de diferentes condicións e salarios.

Diante disto, sinalan que para a CIG é necesaria unha reformulación radical dos servizos de extinción, que pasa polos seguintes puntos:

  • Unificación do servizo nun só ente de carácter público, de ámbito galego e profesional, cun tempo de traballo mínimo garantido, coas mesmas condicións laborais e coa formación e categoría axeitada para poder desenvolver o seu traballo con eficacia.
  • A expulsión das empresas privadas dos servizos de extinción. O lume non pode converterse nun negocio ou nun modo de vida.
  • Non derivar parte dos servizos de extinción nen a Concellos nen ao exército, remitindo esa dotación orzamentaria ao servizo público galego.
  • Unificación con carácter público dos parques comarcais e bombeiros urbanos, igualando as condicións laborais, expulsando as empresas privadas, e creando realmente un corpo profesional de emerxencias que colabore e se coordine co servizo público de extinción de incendios forestais, xa que os lumes afectan cada vez a máis vivendas.

Desorganización do servizo

Tamén indican que pese á máis que evidente desorganización actual do servizo de extinción, non se pode abordar a problemática incendiaria en Galiza sen falar das suas causas estruturais, que van moito máis alá da necesidade de dotarse dun servizo de extinción profesionalizado. Dende a CIG entenden como principais problemas os seguintes:

  • Existencia desde hai anos dunha política de abandono total e absoluto do rural galego. Os datos en canto á avellentamento e despoboamento son demoledores, ao igual que os de actividade económica. Se falamos de actividade agraria e láctea, os datos aínda son peores no referido ao abandono de explotacións e altas e baixas na actividade agraria na Seguridade Social.
  • Este abandono do rural ten consecuencias brutais nas novas características dos incendios en Galiza, e apesar de que a conselleira do Medio Rural o negue no Parlamento, explican os grandes incendios e o achegamento ás casas dos lumes, situación que antes non acontecía:
    • Falta de limpeza do perímetro dos nucleos de poboación, polo avellentamento ou abandono dos seus habitantes.
    • Falta de aproveitamento dos montes, polo mesmo motivo.
    • Proliferación de especies de crecemento rápido, máis pirófitas que outras especies, dado que moitos propietarios non residen xa neses concellos e só queren uns ingrexos rápidos dos recursos forestais sen que ocasione gasto.
    • Falta dunha planificación forestal e territorial por parte da Xunta.
Finalmente, para a CIG, só coa recuperación do rural galego como un medio vivo, con actividade económica, e co entendimento da superficie forestal como un ben valioso e un recurso económico que pode xerar moitos empregos neste país, se poderá realmente poñer freo e minimizar un problema que ano tras ano, e dependendo das condicións metereolóxicas, evidencia a desastrosa situación do rural de Galiza.

Outras novas recentes

Mércores, 17 Xuño 2026

Xefaturas de sección (corpos xerais), sentenzas de destino definitivo, persoal veterinario e escolas infantís (MSPF 17/06/2026)

Nesta Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSPF), dende a CIG puxemos enriba da mesa as seguintes cuestións:A1-xefaturas de sección que non saíron no concurso de traslados; chamadas de Emprego Público indicando a persoas con tomas de posesión feitas que teñen que elixir outro destino (sentenzas de destino definitivo); aclaración sobre o persoal veterinario que superou...
Xoves, 18 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix)

No DOG do 18/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2026 pola que se convocan as probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix) nos seus niveis de iniciación e intermedio para o persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, da...
Xoves, 18 Xuño 2026

Contra o decretazo nas listas de substitución da Xunta: folga de 1 hora

Dado que a Administración segue adiante coa aplicación do Decreto 40/2026, que modifica o 37/2006 de listas de substitucións chamamos a todo o persoal que forma parte das listas de contratación e ao que está en activo a una folga o vindeiro día 23 de xuño de 11h a 12h. Este problema afectanos a todas e todos. Ó persoal que forma parte das listas que ve recortados os seus...