Novas por contido

A Lei de medidas financeiras e administrativas 2017 (máis coñecida como lei de acompañamento aos orzamentos), contén unha serie de modificacións que afectarán a forma de cobertura temporal dos postos de persoal funcionario, funcionarización do persoal laboral, crea novas escalas de persoal funcionario, afecta aos acordos asinados entre Administración e Organizacións Sindicais respecto de bombeiros forestais e Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, etc. As modificacións afectan a catro leis: Lei 2/2015 do Emprego Público de Galiza, Lei 16/2010 de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza, Lei 1/2012 de medidas temporais en determinadas materias de emprego público de Galiza, e Lei 17/1989 de creación de escalas do persoal sanitario ó servizo da Comunidade Autónoma.

En definitiva, estamos ante unha norma lexislativa que vai ter unha moi importante afectación á estrutura do emprego público galego, nalgúns casos solucionando problemas pero causando outros novos. Xa que logo, o primeiro que solicitou a CIG ao director xeral da función foi a retirada desta lei de todo aquelo que non fose absolutamente necesario, dándonos o prazo necesario para sentarnos a discutir e pactar, sen urxencias, evitando a creación de novos problemas.

Tras dúas xuntanzas co director xeral de función pública, onde se nos comunicou a aceptación de alegacións menores, quedou claro que os responsábeis políticos da Administración teñen a decisión tomada. Non queren falar tranquilamente cos representantes dos traballadores e traballadoras, tiran para adiante sen aceptar as advertencias dos problemas que xerarán as súas decisións.

Pechada a vía da negociación con Función Pública, contactamos cos grupos do Parlamento de Galiza para trasladarlles as nosas alegacións e solicitarlles que presentasen emendas na liña do que defendemos, que resumimos en:

CREACIÓN DE ESCALAS

A CIG rexeita a creación da escala "Frankenstein" do grupo C2: Persoal de Servizos Xerais (PSX), unha mistura entre auxiliar administrativo, subalterno, limpador, mantemento, auxiliar de cociña, camareiro.. A maiores de innecesaria porque xa existen outras escalas e categorías que realizan as mesmas funcións, a creación desta escala ameaza moitos postos de traballo.

Solicitamos a retirada da creación da escala de “xerocultor”, xa que non entendemos a necesidade de creación desta escala, nin a súa utilidade, tendo en conta que se crea a escala de auxiliar de clínica.

A proposta do PP inclúe a creación de determinadas escalas para a funcionarización do persoal laboral das diferentes categorías de bombeiro forestal. Pero a estrutura de escalas que crean esquece que no actual convenio colectivo existe unha estrutura diferente de especialidades: bombeiro forestal helitransportado, oficial de defensa contra incendios forestais, conductor/a, conductor/a de autobomba, operador de datos, emisorista, vixiantes, oficial 2ª mecánico, .. A cousa é suficientemente complexa como para non despachala en duas xuntanzas como están a facer.

PERSOAL LABORAL TEMPORAL DESEMPEÑEN POSTOS DE TRABALLO DE PERSOAL FUNCIONARIO

A Lei do emprego público xa contemplaba a funcionarización de determinadas categorías de persoal laboral (por exemplo, escalas de servizos sociais). A isto hai que sumarlle as novas escalas de persoal funcionario que crea esta lei de acompañamento.

Mentres que ao persoal laboral fixo se lle respetará a súa vontade de optar entre manter o seu actual vínculo laboral ou cambiar ao funcionarial, o persoal laboral temporal vai ter que optar entre aceptar o cambio a persoal funcionario interino ou o despedimento, sen opción a continuar como persoal laboral temporal.

A CIG quere que antes de proceder a calquer proceso de funcionarización, sexa ofertada a totalidade dos postos vacantes de persoal laboral en proceso selectivo. Unha vez cuberto o 100% dos postos dunha determinada categoría con persoal laboral fixo, entón procederiamos á funcionarización.

DERROGACIÓN DA LEI DE MEDIDAS DO ANO 2012

Solicitamos aos grupos parlamentares que incorporen unha emenda pola derrogación da Lei 1/2012 de medidas temporais no emprego público de Galiza. É dicir, que solicitamos: recuperar o 100% das retribucións en incapacidade temporal, recuperar o fondo de acción social, xornada de 35 horas, ou recuperar os artigos eliminados do convenio colectivo.

COMISIÓN DE SERVIZOS VOLUNTARIA A ESCALA DIFERENTE

Van cambiar a lei para permitir as comisións de servizo a unha escala diferente. A CIG valoraría a proposta nun escenario diferente do actual: concursos de traslados con periodicidade igual ou inferior ao ano, e cunha regulación que fixara criterios para a concesión das comisións de servizo. Pero na situación actual, con corpos/escalas/categorías con décadas entre concursos, e con total arbitrariedade na elección das persoas adxudicatarias das comisións de servizos, estamos certos que esta posibilidade que queren abrir dará lugar a numerosos casos de favoritismos que rexeitamos. Solicitamos a retirada deste artigo e a negociación das comisións entre escalas conxuntamente coa negociación dos concursos anuais para todos e a regulación de criterios para as comisións de servizo.

 Se queres coñecer o conxunto das alegacións, contacta coa CIG na túa comarca.

Outras novas recentes

Venres, 10 Xullo 2026

Actos de elección de destino (CP 10/07/26)

Nesta xuntanza do 10 de xullo da Comisión de Persoal tratamos a situación caótica dos actos de elección de destino. O propósito da CIG é trasladarmos información completa e transparente e que se negocie, algo que botamos en falla. A modificación da resolución da elección de destino das escalas sociosanitarias (DOG do 13 de xullo) incluirá a eliminación de persoas falecidas...
Xoves, 09 Xullo 2026

Eleccións de destino das escalas sociosanitarias

Despois do desastre de convocatoria de elección de destino destas escalas onde se duplicaron prazas, se ocultaron prazas sobrantes do concurso, meteron prazas que non pasaron polo concurso, meteron en varias escalas prazas con requisitos non esixidos na convocatoria sen aumentar en igual número ás sen requisitos, sacaron listados con xubilados e falecidos, etc, etc, etc......
Mércores, 15 Xullo 2026

Concurso Específico de persoal técnico de Medio Rural: a crónica dun concurso á carta

O martes 14 de xullo, discutimos con Medio Rural a súa proposta de Concurso Específico para os postos de xefaturas de distrito forestal. Constatouse unha máxima da moi rica e variada gastronomía galega: igual que temos caldo de repolo, de nabizas ou de grelos coas miles de variantes comarcais e incluso familiares, a Xunta pretende emulala nos concursos específicos.  O...