Novas por contido

As federacións da área pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) convoca concentracións o 25 de xaneiro e o 6 de febreiro diante do Parlamento de Galiza.

Co gallo do debate e votación dos Orzamentos da Xunta para o ano 2017, a CIG ten convocadas mobilizacións, ás 12 horas, diante do Parlamento Galego o vindeiro mércores 25 de xaneiro e o luns 6 de febreiro, en defensa duns servizos públicos e de calidade e para demandar a recuperación dos dereitos laborais e salariais "roubados nos últimos anos". Con estas concentracións queremos amosar o rexeitamento aos orzamentos da Xunta argallados polo goberno do PP para este ano así como á lei de acompañamento.

No proxecto de orzamentos presentado no Parlamento -que non foi entregado ás centrais sindicais na mesa de negociación- non se contempla nin a reposición de servizos públicos, nin medidas para atallar a precariedade laboral instalada nestes momentos nas distintas administracións. A taxa de temporalidade xa acada nalgúns servizos o 20%, co agravante de que entre os anos 2010 e 2016, en Galiza, perdeuse máis dun 6% de emprego público.

Parte da causa desta temporalidade e da precariedade é debida á taxa de reposición de efectivos, que se ben é unha competencia da administración do Estado non se está oíndo que por parte da Xunta de Feijoo se demande a eliminación da mesma e incluso a posibilidade de recuperar servizos públicos.

Precarización e perda de emprego

Non hai que perder de vista que no período 2010-2015 a porcentaxe de reposición foi do 0%, agás para os servizos esenciais nos que, entre 2011 e 2014, estivo fixada nun exiguo 10%. Isto significou a perda de máis de 4.000 empregos públicos e un incremento da temporalidade: neste intre contabilízanse nos distintos servizos das administracións máis de 5.000 traballadores e traballadoras con contratos temporais, de relevo, por días, horas, etc.

En contraste con estas cifras, o Conselleiro de Facenda anunciou como unha das medidas estrelas dos orzamentos a creación de 3.000 postos de traballo. Tendo en conta os datos anteriores, esa oferta de emprego que anuncian a bombo e prato non é máis que un apósito cativo para a sangría que está sufrindo a administración.

Fronte a estas medidas continuístas, a CIG esixe rematar coa taxa de reposición e coa temporalidade e que se elabore unha OPE con todas as vacantes, incluídas todas aquelas necesarias para repoñer os servizos públicos, cando menos ao nivel que tiñan no ano 2010.

Recuperar os dereitos laborais, económicos e sociais

Do mesmo xeito, continúase a demandar a reposición de todos os dereitos laborais, económicos e sociais que durante estes anos foron roubados aos traballadores e traballadoras das administracións en Galiza.

Neste senso, a CIG aclara que coa recuperación das dúas pagas extraordinarias neste ano 2017 non queda saldada a débeda que a Xunta do PP ten cos seus empregados e empregadas polo roubo do 40% da paga extra dende o ano 2012 ao 2016; e que supón un 4% do salario de cada un dos seus traballadores e traballadoras.

Mércores 25/01/2017, ás 12h.
Luns 6/02/2017, ás 12h.

Por uns servizos públicos de calidade!
Recuperación dos dereitos e dos salarios roubados!

Outras novas recentes

Martes, 13 Outubro 2026

Fondo de Acción Social de 2025: listaxe definitiva de persoas admitidas

No DOG do 13/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....
Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...