Novas por contido

A CIG chama á mobilización para recuperar dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise. Convoca protestas nas sete cidades e Vilagarcía o mércores e manifestacións en Pontevedra, Vilagarcía e na Estrada o venres.

A CIG convoca para o día 15 mobilizacións, en todas as comarcas, pola recuperación dos dereitos perdidos en materia de contratación, xornada, despedimentos, negociación colectiva, prestacións por desemprego, de Seguridade Social e mesmo de liberdades públicas. Unha campaña que se iniciou coa manifestación nacional en defensa do sistema público de pensións e que ten como obxectivo presionar ao parlamento español para que todas as contrarreformas impostas, fundamentalmente polo PP, so pretexto da crise sexan derrogadas.

Mobilizacións do mércores 15 de febreiro:

  • A Coruña: concentración no Obelisco ás 20.00 horas.
  • Santiago: manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.
  • Lugo: concentración na Subdelegación do Goberno ás 20.00 horas.
  • Ourense: asemblea de delegadas/os ás 10.00 horas e concentración na Subdelegación do Goberno ás 11.30 horas.
  • Pontevedra: asemblea de delegados/as ás 10.00 horas e concentración na Subdelegación do Goberno ás 12.00 horas.
  • Vilagarcía: asemblea de delegados/as ás 10.00 horas e concentración na oficina do Inem ás 12.00 horas.
  • Vigo: manifestación dende a Dobrada ás 20.00 horas.
  • Ferrol: cadea humana dende o INSS ás 11.30 horas.


Mobilizacións do venres 17 de febreiro:

  • Pontevedra: dende a Praza da Ferrería ás 20.00 horas.
  • Vilagarcía: dende a Casa do Mar ás 20.00 horas.
  • A Estrada: dende a Praza do Mercado ás 20.00 horas.


A central sindical nacionalista acordou pór en marcha esta campaña para aproveitar o cambio de circunstancias políticas, cun Partido Popular gobernando sen maioría absoluta, o que permite que se formulen proxectos de lei dirixidos a derrogar todas esas reformas que se fixeron. Entendemos que é o momento de presionar ao goberno para que se lexisle no camiño de recuperar estes dereitos perdidos. Sabemos que o goberno, por propia iniciativa, non o vai facer, porque o que fixo até o de agora en materia de política económica e sociolaboral responde ao modelo ideolóxico do PP.

Para a CIG é imprescindíbel a mobilización social para animar aos grupos da cámara da oposición a que se tomen en serio promover proxectos de lei que nos permitan restituír aqueles dereitos que nos recortaron e ir cara un modelo de relacións laborais que sirva realmente para mellorar as nosas condicións de traballo e de vida e non cara o modelo que se camiñou con estas reformas que pretende precisamente precarizar, recortar dereitos e minimizar o poder reivindicativo pola vía de flexibilizar moito máis as condicións laborais, individualizalas e  matar a capacidade de defensa colectiva dos intereses da clase traballadora.

Pobreza laboral

A CIG denuncia que as consecuencias destas reformas estanas vivindo hoxe a clase traballadora moi directamente porque perdeu poder adquisitivo, condicións laborais e mesmo estabilidade no emprego. Xerou moita máis división dentro da clase traballadora. Está creando unha masa de traballadores/as que se incorporaron ao mercado laboral con bastante peores condicións que as que tiña a xeración anterior.

Nese sentido alerta de que a figura do asalariado pobre hoxe é unha realidade. Normalmente a xente que tiña un emprego, tíñao nunhas condicións laborais que lle permitían ter unha vida minimamente digna, dependendo do sector no que traballara mellor ou peor. Pero desde logo iso de asalariado e pobreza, non estaba asociado como comeza a estar agora, sobre todo no caso dos mozos e mozas que se incorporan ao mercado laboral, cunha precariedade absoluta.

Unha realidade que hai que combater

Para a CIG o máis grave é que esta nova realidade laboral “vén para quedarse” e que todas as reformas que se fixeron “non tiñan un carácter conxuntural”, para superar a crise económica, se non “vocación de permanencia para que iso sexa o mercado laboral e as relación laborais de futuro”.

Por iso fai un chamamento a enfrontar esta situación e mobilizarnos para exixir precisamente que se lexisle, agora que o PP está en minoría, para recuperar eses dereitos e crear unas condicións laborais minimamente dignas para a clase traballadora.

Fuxir da pasividade

Nese chamamento á mobilización, a CIG incide tramén na necesidade de superar a pasividade pensando que os grupos parlamentares da oposición van traballar nese sentido. Iso é ser moi optimistas porque en teoría hai grupos que se teñen manifestado en contra destas reformas laborais e a favor da súa derrogación, pero de momento non están facendo un grande traballo que nos anime a pensar que iso se vai conseguir de inmediato. Por iso entende que a única maneira de chamar a atención e forzar a todos os grupos para que teñan esta cuestión como prioritaria é a da contestación social.

Do mesmo xeito agarda que as outras organizacións sindicais maioritarias se poñan a traballar no mesmo camiño porque unha cousa son as grandes declaracións dos seus líderes, mesmo por momentos moi radicalizadas, e outra a súa práctica, porque non están facendo nada. Están mantendo unha actitude pasiva.

Por iso nese chamamento incluíu a estas organizacións sindicais, entendendo que aquí hai que intentar acumular forzas e cantos máis saiamos á rúa exixindo a derrogación desas reformas, moito mellor.

Outras novas recentes

Xoves, 26 Febreiro 2026

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP)

No DOG do 26/02/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2026 pola que se convocan actividades de formación continua do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, das entidades locais e persoal técnico,...
Xoves, 26 Febreiro 2026

Información listas de contratación: apertura, peche e novas (DOG)

Este venres publicarase no Diario Oficial de Galiza (DOG) a resolución para a apertura do prazo de novas inscricións para as listas de contratación temporal da Xunta de Galiza. Segundo a información adiantada, prevese a apertura dun gran número de categorías. A actualización de datos do Consorcio presenta actualmente un atraso significativo. Para solventar esta situación,...
Luns, 02 Marzo 2026

A IX Asemblea do sector da Autonómica elixe a Xosé Lois Díaz Fernández como novo secretario nacional

No proceso tamén se renovaron a Executiva e a Dirección Nacional A IX Asemblea do sector da Autonómica, celebrada este sábado 28 de febreiro en Compostela, elixiu a Xosé Lois Díaz Fernández como novo secretario nacional, que releva no cargo a Zeltia Burgos Tortosa. No proceso, ao que concorreu unha única candidatura de consenso a todos os órganos a renovar, tamén se...