Novas por contido

O acordo de integración do persoal do Consorcio no Convenio Único beneficia ao persoal da Xunta e ao do Consorcio.

Buscar agora excusas entorno á creación de dúas categorías, para votar en contra só demostra un afán desmedido por provocar un enfrontamento entre colectivos enleando a Lei de medidas coas modificacións do convenio.

Cando en setembro CCOO, CIG, UGT e CSIF asinamos o primeiro acordo para a integración do persoal do Consorcio no V Convenio todos dixemos que era mellorábel pero que era un avance para o persoal laboral da Xunta e do Consorcio, fundamentalmente porque se incorporaba emprego público dun ente na estrutura da Xunta para beneficio de todos/as os laborais, tanto da Xunta como do Consorcio, se tendía á homologación das prazas, dereitos e oportunidades para que todos/as puideran acceder, tanto fixos como temporais, e se pechaba a porta a privatización que se fai neste momento.

A privatización de emprego público, creando escolas infantís, centros de día e residencias privadas a través do Consorcio é unha realidade que prexudica aos traballadores da Xunta e do Consorcio que non van poder acceder a esas prazas de aí a urxencia de chegar a un acordo.

Compre lembrar que a Xunta a través do Consorcio creou moitos centros privados como as escolas infantís de Pontevedra-Monteporreiro, Betanzos, Carballo-Braña, Coristanco ou os centros de día e residencias como as de Ferrol-Caranza, San Sadurniño, A Rúa, Maceda, Allariz, Xinzo, Vilar de Barrio, Tomiño, Vigo-Coia, Vigo-Valadares Vilagarcia, Baiona, Mondaríz ou O Porriño por poñer uns exemplos. Ás prazas destes centros non poden acceder nin o persoal laboral fixo da Xunta nin do Consorcio a través de concurso de traslados nin o persoal laboral temporal da Xunta nin do Consorcio a través de listas de substitución. E a tendencia, freada por este acordo, era seguir creando emprego privado e precario.

Practicamente o único impedimento, e isto ía ligado a efectividade do acordo, era o de buscar acomodo para un pequeno colectivo do Consorcio que tiña a categoría de xerocultor que non existía no V Convenio.

Xunto a isto existía outro colectivo que tendo a mesma categoría que na Xunta, PSX, estaba encadrado nun grupo superior.

UGT, CIG e CCOO valoramos que as melloras que traía consigo o acordo non se podían bloquear cando o Parlamento aprobou a creación das ESCALAS DE FUNCIONARIOS/AS DE XEROCULTOR E PSX.

Quen non asinou o Acordo está interesado en manter o statu quo dalgún colectivo minoritario dentro dos Servizos Centrais do Consorcio, en vez de pensar na globalidade dos colectivos do persoal laboral do Consorcio e da Xunta e por iso ten interese en enfrontar a dous colectivos que se ven beneficiados e recorrer a argumentos falsos, como falar da interinización do persoal temporal da Xunta, á que nos opoñemos, pero que ven contemplada na Lei de medidas e non no Acordo, ou a posibilidade de utilizar as escalas de funcionarios/as que crea a lei e que non están no Acordo.

Logo da aprobación deste acordo en Comisión de Persoal, desde CIG, CCOO, UGT podemos afirmar:

  • Que o acordo de adhesión e integración do Consorcio foi negociado e asinado en setembro por tódolos sindicatos, incluído a CSIF.
  • Que todos os asinantes do acordo sabíamos que, de non atopar acomodo dentro das categorías da Xunta como así foi, habería que crear as categorías do consorcio que non existisen no Convenio Único (neste caso Xerocultor e PSX), porén fixamos un prazo certo para facelo efectivo.
  • Que todos os sindicatos asinantes do acordo sabíamos que ese requisito era obrigatorio para poder continuar coa integración do persoal do Consorcio no V Convenio.
  • Que todos os sindicatos asinantes do acordo fixemos esforzos para achegar posicións que permitisen a integración do persoal do Consorcio no Convenio, para minimizar calquera efecto negativo da creación da categoría de PSX do grupo IV fronte á categoría de PSX do grupo V da Xunta e da escala de funcionarios/as PSX.

CIG, CCOO e UGT consideramos que o voto favorable a este Acordo está xustificado polos seguintes motivos:

  1. A adhesión ao Convenio Único favorece a 1.800 traballadores/as, que de forma inmediata van axustar a súa xornada laboral á da Xunta, e comezar a cobrar os trienios perfeccionados.
  2. A adhesión ao Convenio Único supón recuperar 1.800 postos para a xestión pública directa.
  3. A adhesión ao Convenio Único, permite elaborar a RPT do Consorcio, incrementando así mais postos nas areas de benestar da Consellería de Política Social
  4. A adhesión ao Convenio Único vai permitir regularizar as listas do Consorcio integrándoas nas da Xunta, ampliando así as posibilidades de traballo para os anotados no Decreto 37 e nas actuais listas do Consorcio.
  5. A adhesión ao Convenio Único de 1.800 prazas, permitirá mais posibilidades de acceder a un emprego estable, tanto para os laborais temporais da Xunta de Galicia, como para os propios laborais temporais do Consorcio, ao ser a Xunta quen convoque os procesos selectivos.
  6. A adhesión ao Convenio Único permitirá incorporar a OEP xeral, un 20% de prazas do Consorcio.
  7. A adhesión ao Convenio Único tamén recolle un acoutamento das funcións da categorías de PSX, tanto en lavandería, limpeza como en cociña.
  8. A adhesión ao Convenio Único, tamén recolle o acoutamento sobre os centros nos que non se poderá utilizar a categoría do PSX (ámbitos administrativos), xa que actualmente os PSX da Xunta prestan os seus servizos en edificios administrativos.
  9. A adhesión ao Convenio Único, tamén resolve a reciprocidade entre a categoría de Xerocultor (sempre que teña a titulación) e a de auxiliar de enfermería

Por todo isto, CIG, CCOO e UGT apoiamos na comisión de persoal a integración do persoal do Consorcio no Convenio Único e no comité intercentros a creación das categorías, xa que non se poden separar ámbolos dous actos.

Agora toca pasar paxina e sumar forzas entre todos para seguir mellorando as condicións dos traballadores/as da Xunta de Galicia, en vez de provocar enfrontamentos estériles entre colectivos que so benefician a Administración.

Outras novas recentes

Martes, 05 Mai 2026

O persoal de limpeza di basta: acordo de condicións laborais xa!

A CIG demanda a apertura con carácter inmediato dunha negociación para corrixir as inxustizas que sofre o persoal de limpeza nos centros de ensino Os rateos do persoal de limpeza nos centros de ensino continúan rexéndose por unha circular do ano 1994, unha normativa completamente desfasada que a Administración se nega a actualizar, malia a evidencia do cambio radical que...
Luns, 04 Mai 2026

Destinos corpos xerais e convocatoria oposicións mantemento+condución (MSF 04/05/26)

A directora xeral de Emprego Público (DXEP) informou na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF) da data da xuntanza que os sindicatos solicitamos para falar dos problemas que hai coas eleccións de destino definitivo do persoal funcionario de corpos xerais. Finalmente a xuntanza vai ser o luns 11 de maio. No momento de escribir esta información non...
Venres, 08 Mai 2026

A Consellería do Medio Rural volta aos erros do pasado e crea un reforzo de persoal do SPIF a través de SEAGA

O mércores 06 de maio de 2026 tivo lugar unha xuntanza da Mesa de Diálogo de SEAGA onde se nos informou da creación de 42 brigadas de “reforzo” para o Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). A duración dos contratos sería de 90 días e a súa xustificación viría dada pola falta de recursos en determinados períodos e localizacións. Dende a CIG Autonómica non...