Novas por contido

A instancias da CIG, a Xunta de Persoal de Pontevedra presentou escrito a Función Publica e posteriormente a Valedora do Pobo solicitando que non se pidan tales datos.

A raíz da aplicación da Lei 1/2012 de 29 de febreiro de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, o persoal que se atopa en situación de incapacidade temporal ten que xustificar, para poder cobrar o 100% das súas retribucións, que se atopa nun dos supostos fixados pola lei. Para xustificar isto os funcionarios/as non teñen en moitos casos mais alternativa que adxuntar o diagnóstico médico, o cal vulnera o dereito a intimidade dos/as mesmos/as.

En outubro de 2015 a CIG presentou un escrito para ser aprobado pola Xunta de Persoal de Pontevedra no que se solicitaba unha xuntanza con Función Pública para tratar de resolver este asunto. Facíase constar a resposta da Axencia Española de Protección de Datos a un funcionario de Pontevedra onde a AEPD sinalaba que “...non poderán solicitar aos interesados a efectos de acreditar que a ausencia do posto de traballo se atopa nun dos supostos fixados na Instrución de 7 de maio de 2012, máis aló da mera xustificación ou declaración por parte do facultativo do suposto previsto ou a existencia dun tratamento dos considerados merecedores do complemento de incapacidade temporal do 100% das retribucións

No escrito solicitábase a Función Publica que convocase aos sindicatos a unha xuntanza para tratar:

  • A posibilidade de que o Servizo Galego de Saúde estableza partes de baixa ou certificados nos que se poida sinalar que a persoa se atopa dentro dos supostos sinalados no anexo do listado de enfermidades graves da Instrución de 21 de xullo de 2015 sen especificar casos concretos.
  • Establecemento dun protocolo de actuación e instrucións claras aos departamentos de persoal.

Ante a falta de resposta de Función Publica, a Xunta de Persoal, tamén a instancias da CIG presentou escrito ante a Valedora do Pobo quen en decembro de 2016 dá resposta limitándose a trasladar a opinión da Xunta de que o destinatario debe ser o SERGAS e que instan a Xunta a que conteste á Xunta de Persoal.

A CIG insta a Xunta a sentarse a estudar as demandas presentadas pola Xunta de Persoal e solventar este problema, derivado dunha lei que debería ser derrogada.

 

Texto íntegro do escrito presentado pola CIG na Xunta de Persoal de Pontevedra e enviado a Función Pública

A Xunta de Persoal funcionario dos servizos periféricos da Xunta de Galiza na provincia de Pontevedra, en relación a situación de vulneración da protección de datos de carácter persoal derivada da falta de instrucións precisas sobre a xustificación de enfermidades graves, hospitalización, intervención cirúrxica e outros supostos que dean lugar ao aboamento do cen por cento do complemento por incapacidade temporal,

EXPÓN que,

1. O 3 de marzo de 2012 entrou en vigor a Lei 1/2012 de 29 de febreiro de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza.

No seu artigo segundo se establecen unha serie regras para o abono do complemento por incapacidade temporal, que en determinados casos sería do 100% das retribucións:

    • Hospitalización.
    • Intervención cirúrxica.
    • Maternidade.
    • Risco por embarazo.
    • Risco durante a lactación natural.
    • Paternidade.

2. Nas instrucións do 7 de maio de 2012, para a aplicación dos complementos de incapacidade temporal debida a continxencias profesionais e comúns, e nas situacións de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural, a Dirección Xeral de Función Pública dispón na instrución segunda que nos casos de intervención cirúrxica “o traballador deberá presentar xustificante médico da devandita intervención cirúrxica e acreditar que a baixa ten a mesma causa que a intervención sen que sexa necesario especificar a concreta actuación médica practicada.”

Igualmente se enumeran unha serie de supostos que dan lugar ao aboamento do 100% das retribucións, sempre que se atopen incluídas na carteira de servizos do sistema sanitario público, como son:

    • Intervencións de cirurxía maior ambulatoria.
    • Intervencións de cirurxía menor ambulatoria.
    • Intervencións médicas invasivas como colonoscopias, gastroscopias e outras.
    • Tratamentos oncolóxicos.

3. A Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galiza, no seu artigo 146 alínea 3.a) establece que “Nos casos de continxencias profesionais e continxencias comúns que xeren hospitalización ou intervención cirúrxica, así como nos de enfermidade grave, aboarase un complemento ata alcanzar o cen por cento das retribucións desde a data de inicio da situación de incapacidade temporal.”

4. Na instrución de 21 de xullo de 2015 para a aplicación dos complementos de incapacidade temporal debida a continxencias profesionais e comúns, e nas situacións de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural para adaptalas á Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galiza, a Dirección Xeral de Función Pública dispón no punto segundo 1.b) que por enfermidade grave se entende as enunciadas no anexo do Real Decreto 1148/2011, do 29 de xullo,, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave ou outra enfermidade grave, ou norma que a substitúa, ou cando así o determine o informe médico clasificando unha enfermidade como grave de acordo co disposto no citado Real Decreto.

5. De todo isto, se deduce que as persoas funcionarias que se atopen nun suposto de incapacidade temporal por enfermidade grave, aos efectos de que se lles aboe o 100% do complemento por tal incapacidade deben aportar xustificante médico acreditativo de tal situación, algo que só poden se pode facer aportando o diagnóstico aos servizos de persoal, debido a que nos partes de baixa non figura o diagnóstico nin a posibilidade de cualificar a baixa como grave.

6. Sobre a posibilidade de que a través do diagnóstico se poida xustificar o carácter grave da enfermidade queremos destacar que:

a) No informe 2/2012 da APD, colgado na súa páxina web, e por remisión no do 21/10/2012 e en relación co permiso por enfermidade grave dun familiar se establece que el precepto del EBEP que o contempla non autoriza ao órgano da Administración no que o funcionario presta servizos a valorar la gravidade da enfermidade, nin a coñecer outros datos de saúde distintos á mera existencia dunha enfermidade grave e en consecuencia, debe concluírse que a emisión dunha certificación polo facultativo que tratase ao familiar do funcionario solicitante debe limitarse a poñer de manifesto o carácter grave da enfermidade padecida, sen que dita certificación poida referirse á concreta enfermidade padecida.

b) No informe 9/2010 afirmase que “…se o que se pretende e acceder ao parte de baixa atopámonos en presenza de datos de saúde si recollen o diagnóstico médico...” criterio este que xustifica e explica seguramente o feito de que desde hai xa moitos anos omítese tal dato da copia da baixa entregada á empresa, polo que resultaría unha vulneración da protección de datos de carácter persoal querelo introducir agora.

c) No caso doutras Administracións Públicas, como a da Comunidade Autónoma de Madrid a instrución 26/9/2012 da Dirección Xeral de RRHH da Consellería de Educación establece que “…dado que os partes de IT non identifican as causas da mesma, para facer efectivo o dereito á percepción do complemento das retribucións ao 100 por cen, deberase acreditar na DAT correspondente a existencia dunha hospitalización e/ou intervención cirúrxica dentro dos vinte días seguintes ao inicio da IT. A tales efectos, e no que respecta ao tratamento de datos asociados á emisión de xustificantes de prestación de asistencia sanitaria, terase en conta o disposto na instrución 2/2009 de 21 de decembro de la APD da Comunidade de Madrid sobre o tratamento de datos persoais na emisión de xustificantes médicos, así como as consideracións emitidas por esta Axencia ao respecto”

Respecto á instrución 2/2009 de 21 de decembro (BOCM del 21/1/2010) previa ás distintas normas autonómicas o estatais de recorte das IT, estando concibida para outros supostos diferentes pero claramente relacionados aos efectos de protección da privacidade co caso que nos ocupa por establecer criterios e principios para a emisión de xustificantes polos centros sanitarios públicos sinala nos seu articulado:

    • Artigo 3.2: “…non se poderán utilizar documentos clínicos o administrativos que puideran estar deseñados para o seu uso con outras finalidades distintas da emisión de xustificantes, só polo feito de conter estes, con carácter xeral, referencias directas ou indirectas ao concreto problema de saúde do paciente ou usuario…”.
    • Artigo 3.3: “na emisión de xustificantes para o propio traballador enfermo non se considerará adecuado ao principio de calidade dos datos a inclusión no xustificante, entre outros posibles datos, dos relativos ao diagnóstico, proba realizada ou denominación do servizo que atendeu paciente. Aos efectos, o xustificante emitido deberá limitarse a constatar que existe un problema de saúde (sic) que é causa da incapacidade laboral na que se atopa o paciente ou usuario”.
    • En relación ao tratamento dos xustificantes polos departamentos de persoal, o artigo 4.1 dispón: ”…non será adecuado nin pertinente e considerarase excesivo que estes departamentos de persoal coñezan calquera información referente ao concreto estado de saúde do traballador”
    • Artigo 4.3: “o acceso aos datos de saúde por parte dos departamentos de persoal nos dous supostos contemplados neste artigo suporía unha infracción moi grave tipificada no artigo 44 da LOPD”.
    • Artigo 5: sinala que “corresponde á administración sanitaria o establecemento dos procedementos que regulen a presentación de solicitudes de xustificantes e a emisión dos mesmos”.

d) En resposta a un escrito presentado por un funcionario da Xunta de Galiza o 1 de outubro de 2013 en relación á problemática aquí tratada, ante a Axencia Española de Protección de Datos, esta, en escrito de data 23 de outubro de 2013 conclúe que “En consecuencia, por parte dos servizos de persoal dependentes da administración autonómica sobre a que se realiza a consulta, non poderán solicitar aos interesados a efectos de acreditar que a ausencia do posto de traballo se atopa nun dos supostos fixados na Instrución de 7 de maio de 2012, máis aló da mera xustificación ou declaración por parte do facultativo do suposto previsto ou a existencia dun tratamento dos considerados merecedores do complemento de incapacidade temporal do 100% das retribucións”.

E tamén sinala que en relación aos supostos que nos ocupan ...”debe considerarse que a mera declaración da concorrencia dun suposto previsto na Instrución de 7 de maio de 2012, así declarada polo facultativo que atenda ao empregado público, ou ao máis, a referencia á existencia dun tratamento dos previstos nesa instrución, aínda sen especificar cal sexa esta, a circunstancia do embarazo da empregada ou do feito da hospitalización ou intervención debería ser considerados como xustificación suficiente para que deba entenderse producida a circunstancia que da lugar á retribución do 100% legalmente prevista, sen que tampouco proceda dar coñecemento ao órgano de persoal de ningunha outra información relacionada coa saúde do empregado público”.

7. Constatando o feito de que a Administración da Xunta de Galiza non adoptou medidas, dende a entrada en vigor das normas que dan lugar a esta situación, para corrixir este problema derivado dun recorte de dereitos con finalidade política sen reflexión sobre os efectos que podería conlevar tal decisión. E que esta circunstancia da lugar á unha vulneración flagrante en materia de protección de datos de carácter persoal, ao impedir que o persoal funcionario público poida acollerse aos supostos legais onde se lles aboa o complemento do 100% das IT sen revelar datos persoais e de saúde que gozan de especial protección, como son os diagnósticos ou tratamentos. E tendo a certeza de que eses datos persoais referidos á saúde non se están a utilizar para fines asociados á prevención ou ao diagnóstico, á prestación de asistencia sanitaria ou determinados tratamentos médicos senón para unha finalidade completamente distinta cando non incompatible con aquela, como pode ser a económica, co recorte do gasto de persoal centrado naquelas persoas que se atopan en circunstancias difíciles debido a padecer doenzas, ou a política, vendendo austeridade e man dura cos funcionarios/as públicos/as á conta da súa saúde.

SOLICITA,

A apertura dunha negociación entre Administración e Organizacións Sindicais máis representativas no ámbito da Administración Autonómica para tratar:

    • A posibilidade de que o Servizo Galego de Saúde estableza partes de baixa ou certificados nos que se poida sinalar que a persoa atópase dentro dos supostos sinalados no anexo do listado de enfermidades graves da Instrución de 21 de xullo de 2015 sen especificar casos concretos.
    • Establecemento dun protocolo de actuación e instrucións claras aos departamentos de persoal. 

Vigo, 15 de outubro de 2015
O presidente da Xunta de Persoal
Xoán Xosé González Canedo

Outras novas recentes

Xoves, 21 Novembro 2024

Rueda esnaquiza a GAIN, mentres Economía, Educación e Igape se reparten persoal, funcións e competencias

A reestruturación da Xunta de Galiza lévase por diante á GAIN e ao seu persoal Os secretarios xerais técnicos da Consellaría de Economía e Industria e da Consellaría de Educación convócannos o luns 18 de novembro de 2024 aos sindicatos a unha xuntanza “informativa”, sen opción a negociar ningún aspecto, e a 12 días de  efectuar os traspasos de traballadoras e...
Venres, 22 Novembro 2024

Probas físicas nos procesos do SPIF: a Xunta no canto de informar a lía parda

O día 21/11/2024, a Dirección Xeral de Emprego Público colgou unha nota informativa na súa páxina web sobre a proba física de varias categorías dos procesos do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais SPIF). Dado que esta nota é incompleta, xera dúbidas e dela se poden derivar graves consecuencias, dende a CIG vimos de reclamarlle hoxe á DXEP que con...
Luns, 18 Novembro 2024

A Xunta quere probas físicas unisex para o servizo de incendios

A CIG ven de presentar un escrito dirixido á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) reclamando a equiparación no criterio de superación da proba física entre o persoal bombeiro/ a forestal do SPIF, o persoal técnico de defensa contra incendios forestais e o persoal axente técnico de xestión ambiental. Nas convocatorias publicadas destas...