Novas por contido

A CIG presentou un escrito o día 9 de xuño ante a Secretaría Xeral Técnica de Educación e a DX de Centros e RRHH denunciando esta manobra para aforrarlle cartos aos cáterings privados.  Segundo o decreto 132/2013 de comedores, teñen a obriga de aportar persoal, no caso de xestión indirecta, as outras Administracións Públicas ou entidades privadas contraten os servizos dos cáterings. Pero a Xunta o que fai é poñer ao seu persoal ao servizo, en última instancia, das empresas privadas.

A CIG pide a suspensión da instrución e que Educación se sente a negociar. A continuación o escrito da CIG:

 

Roberto Varela Gestal, Secretario Nacional da CIG-Autonómica, co enderezo válido para os efectos de notificacións indicado na cabeceira deste escrito e no correo electrónico autonomica@cigadmon.gal, en nome e representación desta organización sindical,

 

EXPÓN, que,

 

  • Mediante Instrución 8/2017 do 30 de maio de 2017, conxunta da Secretaría Xeral Técnica e da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se regulan as funcións a desenvolver polo coidadores de NEES nos comedores escolares existentes nos centros de Ensino Público, estes centros directivos da Conselleira de Cultura, Educación e OU, regulan as condicións de traballo dunha categoría de persoal laboral do V Convenio Colectivo Único da Xunta de Galiza, SEN NEGOCIALAS previamente.

  • Esta instrución, contravén ademais o disposto no DECRETO 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación, en determinados aspectos, eximindo as empresas de cátering de organizar e prestar de xeito exclusivo os labores de atención e coidado dos alumnos nos comedores e cargando ese traballo sobre o persoal coidador da Xunta de Galiza.

  • Atribúe ademais funcións impropias a este colectivo, de convenios colectivos que nin son propios nin son de orixe, nin dispoñen o citado, tal e como é o antigo Convenio Colectivo do Ministerio de Educación.

  • Fomenta a división entre o colectivo recorrendo a envexa como argumento irracional para falar de agravio entre os compañeiros/as que prestan os seus servizos en comedores públicos fronte aos que non teñen que facelos por estar privatizado o comedor.

  • Utiliza un tono laudatorio do persoal coidador e das funcións e tarefas deste persoal como elemento de importancia relevante, non para recoñecelo laboral ou profesionalmente, senón so para atribuírlle o traballo que tiñan que facer as empresas de catering.

 

Por todo isto SOLICITA,

 

  • Que se deixe sen efecto a instrución.

  • Manter unha xuntanza con vostedes co fin de levar ao ámbito correspondente materias propias da negociación colectiva.

  • Informarlles que de non ser así nos reservamos o dereito a emprender as accións legais que estimemos oportunas.

 Compostela, 9 de xuño de 2017

 O secretario nacional da CIG-Autonómica

 

Roberto Varela Gestal

 Secretaría Xeral Técnica

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos – Consellería de Cultura, Educación e O.U.

San Caetano s/n

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Outras novas recentes

Martes, 04 Agosto 2026

Caos —de novo— nas nóminas de Medio Rural

Máis de 50 compañeiras e compañeiros ven como a Administración lles desconta máis de 1000 euros nas nóminas de xullo.  O caos na xestión das nóminas do persoal de Medio Rural volve quedar en evidencia. Nesta ocasión, máis de 50 axentes ambientais da provincia de Pontevedra sufriron descontos superiores aos 1000 euros na nómina de xullo baixo o concepto «Específico...
Martes, 11 Agosto 2026

O presidente vai de procesión: Rueda pode facer o que lle pete; a Xunta, non

Na CIG defendemos unha Administración pública aconfesional, neutral e de todas e todos, que non empregue os seus medios institucionais para dar relevancia pública a unha opción relixiosa particular, nin para facer publicidade da dimensión persoal de quen ocupa a Presidencia. Si, Alfonso Rueda, a título persoal, pode facer o que lle pete: pode ir a unha procesión, acudir á...
Martes, 04 Agosto 2026

Adxudicacións de destinos (esc. sociais e infantís, pers. aux. coidador), cesamentos de persoal temporal e carreira (CP 31/07/26)

Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de...