Novas por contido

Empezamos coa carteleira de películas que se estrean esta semana:

Os  creadores de “Mentireiro compulsivo” presentan “Cólleme se podes”.

Do mesmo director que “Falsas aparencias” e “Desaparecido en combate” agora chega “Xerente á fuga”.

Estas serían algunhas das frases que poderiamos empregar para titular as películas que nos monta o xerente da AMTEGA. Tras un ano a ignorar as peticións de reunión, o xerente remítenos unha convocatoria de reunión para o luns 12 de xuño, ás 14:00 horas para tratar unhas modificacións da RPT. A CIG e o resto de organizacións pide un cambio de reunión a outro día a unha hora máis axeitada para tratar todo o pendente.

Desta vez, o xerente convócanos para o mércores 14 de xuño, ás 12:30 horas. Asistimos puntualmente á reunión no edificio CINC da Cidade da Cultura. Aparece o señor xerente e dinos que ten outra xuntanza á mesma hora e que no seu lugar deixa o xefe do departamento de Relacións Institucionais (seica o posto de xefe de departamento de Persoal está vacante e non o debe de querer ninguén). Dinos que en canto remate a outra reunión se incorpora a nosa... e seguimos a esperar por el; non se chegou a incorporar...

Foi o xerente quen nos convocou a reunión, no día e na hora que escolleu el e vai o tío e desaparece. O xefe do departamento de Relacións Institucionais, que boa vontade non lle falta, non ten nin idea da que lle vén enriba.

Intervén en primeiro lugar a CIG:

  • Opoñémonos a amortización de postos para a creación de novos postos.

  • Que pasou coa praza que tiña o traballador despedido ilegalmente, para que se teña que crear agora unha nova.

  • En canto a sentenza dunha traballadora, queremos saber de cando é a denuncia, e que se nos diga quen foi o/a responsable que a contratou en fraude de lei, e que responsabilidades vai asumir.

  • Solicitamos fotocopias das sentenzas.

  • En base ao artigo 2 da Orde do 21 de novembro de 1989 pola que se fixan os criterios xerais para a elaboración das relacións de postos de traballo, que di que en cada centro directivo os postos serán descritos e relacionados en orde descendente a partir dos niveis máis altos e segundo a súa vinculación coas unidades en que se divida o centro xestor, solicitamos que se cumpra na presente RPT o citado artigo antes de ser remitida á mesa xeral e se proceda a codificar de novo a RPT segundo manda a norma. Non se pode entender que estean directamente colgados da xerencia 51 postos informáticos de distintos niveis, cando a xerencia e un órgano claro de índole administrativa e organizativa e non especifico, como as áreas en que se subdivide o organismo.

  • A Lei 7/2014, de Arquivos e documentos, establece no art. 38.1 que existirá un arquivo central en cada consellería e opcionalmente, cando non estea creado un arquivo xeral territorial, en cada xefatura territorial dela dependente, así como naqueles organismos que posúan personalidade xurídica propia" ; e no art. 38.5 di que á fronte de cada arquivo central haberá unha persoa do corpo facultativo superior de arquivos, nos termos que estableza o plan previsto na disposición transitoria segunda e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, tras a correspondente modificación da relación de postos de traballo. A Lei 1/2016, de Transparencia e bo goberno, especifica o dereito de acceso dos cidadáns á información pública, acceso que maioritariamente se vai facer co uso do arquivo e, dende unha óptica económica, é incuestionable o aforro que supón ter a documentación xestionada e inventariada sen necesidade de contratacións externas. Por todo isto, reclamamos a creación do obrigatorio arquivo central e a correspondente dotación de persoal.

  • Para cumprir o artigo 7 do Decreto 24/2008, solicitamos que se sinale na RPT deste organismo o posto ou postos de traballo que teñan a consideración de órganos estatísticos, de conformidade coa Lei de Estatística de Galicia.

  • Esperabamos que ademais de trasladar a reunión para hoxe, a xerencia nos facilitase máis documentación. Pois o que se nos facilita non cumpre a orde dada polo director de Función Pública, na que se indicaba que todas as RPT se ían negociar completas e cos campos actualizados para cumprir a Orde do 10 de maio de 2017. A dita orde modifica a Orde do 21 de novembro de 1989, pola que se fixan os criterios xerais para a elaboración das relacións de postos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, se aproba o modelo e se ditan instrucións para cubrilo. Polo anterior, solicitamos que se nos remita a RPT completa, coas áreas funcionais e co formato actualizado, segundo as indicacións de Función Pública.

  • Solicitamos que, nas observacións dos postos de traballo que así o precisen, se indique o centro de destino físico onde se atopa a praza, a efectos de concurso. Por exemplo, non é o mesmo pedir un posto que estea na Cidade da Cultura, en San Lázaro, en San Caetano, ou en calquera outro lugar da cidade de Santiago.

Continuamos expondo que levamos máis dun ano solicitando reunirnos coa Xerencia para tratar diversos temas pendentes:

  • Homologación salarial do persoal laboral informático. Recordámoslle que foi o xerente quen nos dixo que nos convocaría en marzo de 2016 para solucionar esta situación que se remonta ao ano 1993. Desde entón, en repetidas ocasións este sindicato solicitou a reunión. Advertimos que nos consta que os propios traballadores afectados fixeron chegar un borrador de acordo para asinar entre a AMTEGA e as organizacións sindicais, que foi enviado á Xerencia para aforrarlle traballo.

  • Concurso de traslados. O último resolveuse o 1 de abril de 2014, hai xa tres anos. Preguntamos se teremos que esperar oito anos coma pasou na última vez.

  • Teletraballo. Por que continúan concedendo só unha xornada cando o persoal solicita tres xornadas por semana. Temos constancia de sentenzas xudiciais que recoñecen o dereito a 3 días.

  • Conciliación familiar. Resaltamos que as resolucións de flexibilidade horaria por conciliación (ao igual que as de teletraballo) son un copia-pega. Non se ten en conta o que piden os traballadores e non se está permitindo acumular  xornadas.

  • Notificacións por correo electrónico: censuramos o método de envío das resolucións (de teletraballo, conciliación, etc), con sinatura manuscrita e logo escaneadas, por correo electrónico. Non cumpre cos requisitos legais de notificación para que quede constancia da data na que o interesado é notificado, polo que supón o problema para temas de recursos. Pedimos que se empregue o sistema de notificación da Xunta (Notifica.gal) e que todas as resolución vaian asinadas usando Portasinaturas. É incrible que a axencia que proporciona estes servizos ao resto de consellerías non os use.

  • OPE Informática. Preguntamos se teñen previsto sacar algunha OPE de Informática. Pomos como exemplo a AGE que nos últimos tres anos convocou 390 postos de persoal do grupo C1 e 356 do grupo A2. A última convocatoria de persoal informático do grupo A2 foi no ano 2011 cun total de sete postos ofertados. No caso do persoal do grupo C1, a última convocatoria foi en 2008 cun total de 36 postos: a Xunta leva nove anos sen convocar postos do grupo C1 de Informática.

  • Avaliación de riscos de centros de traballo. Preguntamos por unha avaliación que se fixo en decembro de 2016 e da que non hai novas. Din que xa lles apareceu hai un mes e que a van mirar.

  • Oferta formativa específica. Queixámonos de que para persoal informático da AMTEGA é escasa e na maior parte dos casos só presencial en Santiago.  Pedimos que se imparta formación en certificacións LPIC, ITIL, bases de datos, sistemas de almacenamento, etc. É dicir, a mesma formación que lles piden aos traballadores externos nos pregos de contratación.

  • Persoal do CIXTEC. Preguntamos como vai ser a súa integración, se vai supor algún cambio de localización física ou de desenvolvemento do traballo.

O resto de organizacións sindicais coinciden cos puntos expostos pola CIG. Todos reprenden a actitude do xerente de non dar a cara e a ausencia de documentación completa para negociar. Continúa a xuntanza coa intervención dos outros sindicatos:

Para continuar coa tramitación desta RPT, esixen unha convocatoria a unha reunión específica sobre a homologación salarial.

Advirten que o posto de licenciado en Informática con código PX.A11.00.003.15770.200 non é amortizable, por estar afectado pola Disposición transitoria 10ª (2ª parte) do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

En canto ao despido nulo, preguntan se houbo condena de custos á administración.

Do posto PX.A11.00.006.15770.011 (enxeñeiro/a de funcións facultativas), solicitan a toma posesión ou documento que acredite efectivamente o destino definitivo como funcionario de carreira nese mesmo posto.

En relación coa homologación salarial do persoal informático, xa que hai varios postos de traballo que, a pesar de non cobrar o complemento, si que o teñen orzamentado na Lei de Orzamentos de Galiza, preguntan en que se está a gastar os cartos a AMTEGA e ameazan cunha demanda xudicial.

Solicitan que o posto da traballadora con sentenza se cree como de persoal laboral na categoría de Técnico especialista en Informática, grupo III, cat. 91, tal como pide a sentenza.

Denuncian concursos de traslado encubertos: persoal que se move de localidade cando o seu centro de destino está noutra.

Contigo e coa CIG, a loita continúa!

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

RPT do Consorcio: morrer matando

Durante anos sen convenio, sen trienios... e agora queren meter o acelerador para que apandemos con todo o que queiran impoñer A directora xeral de Emprego Público e o xerente do organismo propoñen niveis e salarios máis baixos que na Xunta para o persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar. A nova RPT chega nos últimos días do ano 2024, non negociada, inzada de centos de...
Luns, 16 Decembro 2024

Proposta de Acordo para a correcta finalización de determinados procesos de estabilización (SPIF) (borrador 16/12/24)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) achegounos unha proposta de acordo relacionado coa terminación dos procesos selectivos de estabilización para as distintas clases e escalas do servizo de incendios. O asunto ven motivado polo feito de que houbo un cambio de criterios en canto á baremación da experiencia do persoal fixo-descontinuo. Con...
Mércores, 18 Decembro 2024

A CIG reclama a recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas

A lei de Orzamentos para 2025 perpetúa os recortes de 2012 e non avanza nengunha mellora, excepto para a escala de letrados, polo que dende a CIG solicitamos a extensión desa mellora para todo o persoal A CIG concentrouse o martes 17/12/2024 diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos Orzamentos da Xunta para 2025 para denunciar que con esta lei se perpetúan...