Novas por contido

Un wc como o que vedes na imaxe. Ese é o mellor lugar que escolleu o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar como zona de aillamento para persoas maiores dependentes no Centro de Día de Dodro no suposto de sexan sospeitosas de padecer coronavirus. Imaxinamos que co beneplácito da Consellería de política Social, que está ou debería estar informada do tratamento que reciben as persoas usuarias da rede pública de atención a persoas maiores. O que descoñecemos é se as familias destas persoas están informadas do lugar onde pretenden aillalos en caso de sospeita de COVID.

Dende a CIG-Autonómica queremos denunciar a falta de humanidade e trato humillante que se lle vai dar aos usuarios do Centro de Día de Dodro que se atopen nesa situación. Sen contar coas consecuencias que pode ter para a saúde dunha persoa maior esta situación estresante e delicada do aillamento engadímoslle esta falta de sensibilidade por parte da administración que se ten que ocupar do seu benestar.

Se xa de por sí o lugar non parece moi digno, hai que engadir que ademais non dispón de ningunha clase de fiestra, ventilación nin aire acondicionado, que a súa vez funciona como sistema de calefacción no centro. Nesa zona de illamento estará a persoa maior e un membro da equipa, ataviado cun EPI. Á situación, que en si xa xera un estrés na persoa, hai que engadir unha estancia tan pouco confortable e acolledora como sala de espera, tendo en conta ademais que cando se active o protocolo descoñecemos o tempo no que a persoa ten que permanecer no lugar de illamento. Dito doutro xeito, poden ser uns minutos ou unha longa espera.

Cando noutros centros optaron por escoller os despachos sanitarios ou de enfermería como zona de illamento, por que en Dodro se optou por un wc? Que triste é chegar a maior nestas condicións miserables! As persoas maiores non son gando e merecen un trato digno e respectuoso.

Para a CIG-Autonómica esta actuación denota unha falta de humanidade e de respecto que non se pode consentir, polo que estes feitos xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña.

Tamén queremos denunciar que esta situación do Centro de Día de Dodro non é un caso excepcional, xa que no Centro de Día de Boiro tamén optaron por un wc como lugar de illamento, aínda que nese caso polo menos dispón dunha pequena fiestra para ventilar.

 

 

Outras novas recentes

Xoves, 09 Outubro 2025

Promoción interna de corpos xerais (para MSF 13/10/25)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que será o luns 13 de outubro, coa seguinte Orde do día: Bases da convocatoria da promoción interna separada ao corpo superior-A1 Descargar Bases da convocatoria da promoción interna separada ao corpo de xestión-A2. Descargar Bases da...
Martes, 30 Setembro 2025

Campaña de vixilancia da saúde 2025/2026 para persoal non docente de centros de ensino

Aplicable ao persoal docente e non docente (funcionario e laboral) en activo, que presta servizos nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. A inscrición ten carácter voluntario, polo que se realizará previa solicitude das persoas interesadas conforme ás instrucións deste...
Xoves, 02 Outubro 2025

Persoal non docente de Educación mobilízase por unhas condicións de traballo dignas

Persoal non docente da administración e servizos dos centros de ensino concentrouse na tarde deste mércores, día 1 de outubro, diante das xefaturas territoriais de Educación para reclamar a negociación dun acordo de condicións de traballo que teña en conta as características específicas da prestación deste servizos, a creación dunha estrutura profesional nas cociñas, e...