Reforma laboral profundamente antiobreira e confirma a necesidade dunha contundente resposta social
- Detalles
Para Seixo esta reforma fixa unhas relacións laborais á carta para os empresarios. “Está promovida pola burguesía española en favor dos intereses da súa clase”, afirma e engade que “é clasista e elitista, para satisfacer unicamente as demandas da banca e da grande patronal”.
Entre outras medidas, redúcese de 45 a 33 días por ano traballado a indemnización polo despedimento improcedente, afectando en parte, mesmo aos contratos subscritos con anterioridade á reforma.
No caso de despedimentos por causas obxectivas (EREs) elimínase o control previo por parte da administración das causas alegadas polas empresas. Ábrese ademais a posibilidade de recorrer a ERES no ámbito do sector público.
Baixo o eufemismo de “Impulso do contrato para a formación e aprendizaxe”, amplíase a idade máxima para ter acceso a este tipo de contrato até os 30 anos, cando menos até que a taxa de desemprego baixe do 15%. Permítese ademais que logo de ter este tipo de contrato nun sector de actividade, o traballador volva ter esta modalidade de contrato noutros sectores. Podes ser un eterno aprendiz até os 30 anos, pasando por diferentes sectores.
Unha vez máis insístese en bonificar ás empresas con fondos públicos, coa desculpa de facilitar o emprego de carácter estábel fomentando mesma competitividade entre os propios traballadores, segundo teñan ou non prestación por desemprego.
Legalízase a fraude que xa existe na actualidade de que haxa traballadores contratados a tempo parcial pero con xornadas superiores e a libre disposición da empresa.
Na negociación colectiva dáselle prioridade absoluta aos convenios de empresa o que suporá dividir moito máis aos traballadores/as, rebaixar salarios e condicións laborais xeneralizando así o dumping social. Alén diso, facilítase que as empresas deixen de aplicar os salarios pactados en convenio colectivo (descolgue).
Créase un novo tipo de contrato indefinido para empresas de até 50 traballadores/as, que terán un período de proba dun ano. Isto implica que o traballador pode ser despedido libre e gratuitamente, sen ningunha indemnización, durante todo este tempo. Isto vai fomentar a maiores, maior rotación no posto de traballo e o incremento da temporalidade.
Hai unha desregulación absoluta das condicións de traballo dentro da empresa, tanto no relativo ás funcións que pode desempeñar o traballador, como na xornada, o horario ou o sistema de rendemento, dándolle prioridade absoluta ás necesidades da empresa sobre os dereitos dos traballadores.
Inútil para crear emprego
Ante este durísimo paquete de medidas, dos que estas son apenas un exemplo, Seixo asegura que, tal e como se demostrou coas reformas laborais anteriores, esta tampouco vai favorecer a creación de emprego. “O problema está no modelo económico e nas políticas que se fan”.
Fronte a isto, aposta por atacar a crise a través doutras políticas fiscais que xeren ingresos ao estado, incrementar o investimento público para reactivar a economía e crear unha banca pública que garanta crédito e liquidez á pequena e mediana empresa. “O propio Banco de España, cando fala de que entramos de novo en recesión di que as causas fundamentais están na falta de crédito e na caída da demanda interna”, lembra o secretario xeral da CIG quen insite en que “a caída da demanda ten que ver é coa caída dos salarios. E esta reforma o que vai provocar é unha caída aínda maior dos salarios e precarizar de forma xeralizada as condicións da clase traballadora”.
Mobilización social
Para Suso Seixo, ante estas medidas só cabe respostar coa mobilización social. “A sociedade ten que asumir que con este tipo de políticas non só non saímos da crise senón que se agudiza aínda máis a recesión económica. Estas políticas fanse desde unha vertente ideolóxica determinada, a da dereita e do neoliberalismo”.
Por iso, fai un chamamento a que todas as organizacións sindicais se sumen á convocatoria de folga xeral e defendan outro tipo de políticas. “Entendemos que está máis que nunca xustificada e que as políticas antisociais e antiobreiras do PP non quedan aquí. Nos orzamentos que se van aprobar no mes de marzo estamos convencidos de que van vir medidas aínda moito máis duras”.