Máis que CIG-Autonómica

Consideramos que as decisións políticas que se están tomando son claramente negativas para a clase traballadora porque os recortes do investimento público provocarán máis destrución de emprego e o deterioro dos servizos públicos; as medidas fiscais adoptadas nada teñen que ver coa reforma fiscal que sería necesario acometer.

A CIG acordou convocar concentracións de delegados/as para este xoves, 12 de xaneiro, diante das delegacións de Facenda da administración central para manifestar o seu rexeitamento ante as recentes medidas aprobadas, vía decreto. Tamén se convocarán asembleas e outras mobilizacións.

Con estas concentracións a CIG pon en marcha unha campaña que terá continuidade até o mes de marzo e que culminará, nesta fase, o 10 de marzo, coas mobilizacións do Día da Clase Obreira Galega. Ademais, nas protestas do xoves 12 de xaneiro repartiranse billetes de 500 euros coas consignas "As políticas económicas do PP: ricos máis ricos e pobres máis pobres" e "Contra a ditadura dos mercados, soberanía nacional".

Con estas primeira medida a CIG pretende denunciar as nefastas consecuencias socioeconómicas que terán as políticas xa decretadas nos primeiros Consellos de Ministros e as que pretende aprobar o PP; evidenciar a necesidade de apostar por un novo modelo económico e social e, en consecuencia, esixir políticas alternativas que permitan camiñar cara un sistema alternativo ao neoliberalismo.

Respecto das medidas adoptadas en materia fiscal, o que realmente se fai é incrementar os impostos á clase traballadora e ás clases medias mentres que seguen sen adoptarse medidas dirixidas a incrementar os impostos ás grandes fortunas, ás SICAV ou a combater a fraude fiscal que existe no estado español, por parte das grandes empresas e a banca. Medidas contra os verdadeiros responsábeis da crise.

A CIG considera que grande parte do déficit público -que é o que se está utilizando para xustificar os recortes do gasto público- vén provocado, precisamente por estas políticas fiscais. Por iso se acordou que estas primeiras mobilizacións se desenvolvan diante das delegacións de Facenda.

Xunto a isto, a CIG tamén vén denunciando, e así o seguirá a facer nesta campaña, as políticas do PP na Xunta de Galiza. Só con mirar as cifras de desemprego que temos neste intre, xunto cos centos e centos de mozos e mozas que seguen emigrando, xa queda descualificada a política económica e laboral de Núñez Feijóo.

De feito, a política económica e laboral da Xunta de Galiza é practicamente inexistente porque se limita a actuar como un “axente pasivo”, antes responsabilizando ao goberno central de todos os males, e agora agardando ao que lle digan. Estamos ante unha situación total de desgoberno.

Diante desta situación, a CIG esixirá maior soberanía para Galiza convencidos de que nun momento como este, no que se está a dar unha concentración tan grande a nivel económico e político, agora que as decisións se toman en instancias totalmente alleas aos intereses da clase traballadora galega, é fundamental ter soberanía para decidir as políticas que máis nos conveñen para saír da crise e construír un novo modelo económico.


HORARIOS DAS ASEMBLEAS E DAS MOBILIZACIÓNS:

- Santiago de Compostela: 10:00 horas Asemblea.12:00 horas concentración na Praza de Galiza.

- Vigo: 10:30 horas Asemblea. 12:00 horas concentración na delegación de Facenda (r/ Lalín, 2).

- A Coruña: 10:30 horas Asemblea. 12:00 horas concentración na delegación de Facenda (r/ Comandante Fontanes, 10).

- Ourense: 11:00 horas concentración na delegación de Facenda (r/ Santo Domingo, 25).

- Ferrol: 10:30 Asemblea. 12:00 horas concentración na administración de Facenda (Rúa Telleiras s/n).

- Lugo: 12:00 horas concentración na delegación de Facenda (Rúa da Raíña, 2).

- Pontevedra: 12:00 horas concentración diante do Banco de España.

- Vilagarcía: 12:00 horas concentración diante da Axencia Tributaria (r/ Elpidio Villaverde, 3).