Ao mal endémico da perda do poder adquisitivo (un 22% nos últimos 10 anos) únese outros recortes de dereitos reflectidos nas diferentes leis de medidas e outros que están por chegar.
O Governo do Estado, aprobaba no Consello de Ministros do 27 de abril pasado a remisión a Bruselas dun Programa de Reformas para 2012, no que, baixo o suposto obxectivo da redución do déficit público, adiantaba unha batería de medidas en todos os ámbitos económicos (financeiras, fiscais, laborais, competitividade e administración públicas).
No que se refire ás Administracións Públicas presenta medidas de recortes sobre emprego público, sistema público de saúde, atención á dependencia, ensino, xustiza, seguridade social, e outros.
No apartado de emprego público contempla, en primeiro lugar, un plano de conxelación das ofertas de emprego (con pequenas excepcións), continuidade das políticas que se veñen aplicando nos últimos anos e das que xa temos falado e en segundo lugar outro para reducir o absentismo dos empregados públicos, plano que imos analizar deseguido.
Esta medida semella un calco da implantada polo Governo da Xunta de Galiza para o seu persoal, e que pretenden estender á totalidade de empregadas e empregados públicos e consiste en recortar as retribucións das persoas que estean de baixa durante os primeiros noventa días, á parte de outras medidas burocráticas (cambio de cómputo de meses a días, imposibilidade de pago de subsidios en casos de alta ou incomparecencia a recoñecementos médicos e acurtamento de prazos de expedición e entrega dos partes de baixa).
A CIG Administración Pública quere amosar o seu total rexeitamento a unha medida que:
Pón en perigo a saúde das empregadas e empregados públicos, que para evitar estes descontos, a maiores dos que xa nos impuxeron, acudirán enfermos ao traballo.
Deteriora a calidade dos servizos, ao ter que estar atendidos por persoal que non está en condicións de traballar, sumándose ao efecto negativo xerado pola falta de substitución no caso de coller a baixa.
Aumenta o descontento de todo o persoal ao servizo das Administracións Públicas.
Expón ao persoal que está san, a ser contaxiado polos enfermos que veñan traballar.
Por todo isto denunciamos unhas medidas que supoñen un retroceso social, que condenan ao persoal a traballar enfermo e sen parte de unha cobertura económica se exerce o seu lexítimo dereito a recuperarse de unha enfermidade.
Queremos deixar ben claro que estas medidas forman parte dese “programa oculto” do governo do PP, que pretende que os custos da crise económica a paguemos a clase traballadora, mentres o capital aumenta os seus privilexios.
A seguinte táboa indica con claridade as políticas salariais que temos sufrido os empregados e empregadas públicas no último decenio:
INDICE DE EVOLUCIÓN DO IPC E SUBA SALARIAL NOS ÚLTIMOS 10 ANOS (1-1-02 a 31-12-11)
ANO IPC GALIZA IPC ESTADO SUBA SALARIAL DIF GZ DIF ESTADO
2002 3,8% 3,5% 2% -1,8% -1,5%
2003 3,1% 3,0% 2% -1,1% -1,0%
2004 3,0% 3,0% 2,7% -0,3% -0,3%
2005 3,4% 3,4% 2,6% -0,8% -0,8%
2006 3,5% 3,5% 2% -1,5% -1,5%
2007 5,3% 4,9% 2% -3,3% -2,9%
2008 2,1% 2,1% 2% -0,1% -0,1%
2009 2,6% 2,1% 2% -0,6% -0,1%
2010 4,5% 4,0% -5% -9,5% -9,0%
2011 3,6% 3,1% 0% -3,6% -3,1%
TOTAL 34,9% 32,6% 12,3% -22,6% -20,3%
Fonte: INE e Orzamentos Xerais do Estado dos anos correspondentes.
Á vista destes dados, podemos tirar a conclusión de que nos 10 anos últimos tivemos unha merma no noso poder adquisitivo do 22,6% (20,3% no estado), que seguimos a aumentar no actual 2012, xa que de xaneiro a abril temos acumulado un 2,1% de inflación (2,2% no estado).
Chamamos a todos os empregados e empregadas públicas a rexeitar esta nova batería de medidas, a difundir no seu entorno persoal e familiar o efecto negativo que terá sobre a calidade dos servizos públicos e a manterse mobilizados contra as mesmas. Estas medidas non poden atopar o aval de ningunha organización sindical. Todo o asinado nos diferentes pactos, convenios e acordos ten o valor de negociación colectiva. Este principio é o que permite asegurar que non é o mesmo que o Governo acuda a modificacións unilaterais do previamente acordado a que o faga cunha posición acubillada baixo a forma de negociación colectiva con algunha das organizacións sindicais. O artigo 38.10 do EBEP, reiteradamente citado como base para a modificación unilateral dos pactos e acordos, dun lado non é de aplicación ao persoal laboral segundo a doutrina xurisprudencial, e do outro exixe que calquera desas modificacións sexa excepcional, nunha medida estritamente necesaria para salvagardar o interese público e que obedeza a causas graves de interese público derivadas de alteracións substanciais das circunstancias económicas que haberán de estar perfectamente definidas.
A unilateralidade das decisións que quere adoptar o goberno do PP, a pesar de que o faga acudindo as figuras do decreto-lei ou de lei aprobada no parlamento, facendo uso e abuso dunha figura lexislativa de provisionalidade e urxencia e dunha maioría política parlamentaria que non ten realmente na sociedade, é a principal baza que temos as traballadoras e traballadores públicos para manter viva a nosa capacidade de resistencia sindical e de enfrontamento legal.
Difunde a túa oposición a un modelo de xestión económica dos servizos públicos que pasa por quitar aos empregados e empregadas parte das súas retribucións, empeorar sensiblemente as súas condicións de traballo, incapacitar aos organismos administrativos deixándoos sen persoal, privatizar parte da xestión deses servizos e diminuír os seus umbrais de asistencia e de calidade afectando moi negativamente ao conxunto da cidadanía.
Defende o público. SERVIZOS PÚBLICOS. SÍ, GRAZAS