Paremos este saqueo á clase traballadora. Gobernos, banqueiros, promotores e especuladores: culpábeis
Delegados e delegadas da CIG pecháronse en oficinas de Bankia de todas as cidades de Galiza para denunciar o “saqueo masivo e descarado” que se está a facer ás clases traballadoras; as inxentes axudas que recibiron e que van recibir as entidades bancarias -que terá que pagar a maioría social- e a impunidade de gobernos, banqueiros, promotores e especuladores. Iníciase así unha nova campaña de mobilizacións coas que a CIG pretende informar e sensibilizar á poboación das desastrosas consecuencias que terá o anunciado rescate e chamar a participar na manifestación que ten convocada a central sindical para o día 1 de xullo.
As ocupacións, que se produciron en Compostela, Lugo, Vigo e Ourense, ao berro de “mans arriba, isto é un rescate”, transcorreron sen incidentes. No caso de Pontevedra, tivo que limitarse a unha concentración diante de Bancaja, ao atoparen as portas pechadas e unha importante presenza policial. Dáse a casualidade de que a oficina de Bankia na que estaba previsto o peche, está xusto debaixo da sede do Partido Popular. No caso da Coruña, optaron por concentrarse diante da sede Banco de España, mentres que en Ferrol o peche foi en Novagalicia Banco.
En varias das cidades celebráronse, antes das concentracións ou peches, asembleas de delegadas/os e, en Ourense fixeron, ademais, un corte de tráfico.
Alén de pecharse nas oficinas, unha parte das persoas participantes nas concentracións permaneceron concentradas ás portas e repartiron panfletos informativos explicando as causas da actual situación.
Para a CIG os 100.000M€, postos a disposición pola Unión Europea para sanear as contas das entidades financeiras españolas, demostran que era mentira o que dicían os gobernos do PSOE e do PP, de que o sistema financeiro español era un dos máis saneados do mundo. Demostra tamén, que o grande problema da débeda do Estado Español é a débeda privada e non a débeda pública, como pretende facer crer o goberno do PP, ao insistir todos os días en que hai que recortar o gasto público pois “estabamos a vivir por riba das nosas posibilidades” e evidencia a responsabilidade que ten o sistema financeiro “na crise económica que estamos a padecer”.
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, lembra que moita desta débeda privada foi contraída, entre os anos 1996-2006, por bancos e caixas de aforros, mediante préstamos que solicitaban á banca europea (especialmente á alemá), para participar na especulación do grande negocio inmobiliario, “contribuíndo así a crear unha burbulla inmobiliaria coa que se fixeron ricos os promotores inmobiliarios, os accionistas e directivos das entidades financeiras e algúns que outros cargos políticos”.
Agora os préstamos hai que devolvelos, engade Seixo, pero “a banca española non ten cartos para facelo e entón a Unión Europea, “xenerosamente”, accede a pór a súa disposición estes 100.000M€ para así garantir que a banca europea vai poder cobrar, e “como non se fían da banca española, esixen que sexa o Estado quen pida os cartos para despois prestarllos á banca, facéndose este garante de pagar o préstamo se os bancos non cumpren”.
A CIG alerta de que toda esta operación o que provoca é que aumente a débeda e o déficit público do Estado e que, en consecuencia terán que pagala “todos os cidadáns”.
Devolución preferente e máis recortes
O máis grave é que a devolución deste préstamo de 100.000M€, “ten preferencia sobre calquera outra débeda”, afirma Seixo, e polo tanto a Unión Europea para garantir a devolución do préstamo e ao mesmo tempo “debilitar o sistema público de protección social e o actual modelo de relacións laborais, vai esixir incrementos do IVE, maiores reformas laborais, adiantar o período fixado para facer efectiva a idade de xubilación aos 67 anos, maiores recortes no gasto sanitario e do ensino”, engade.
O secretario xeral da CIG denuncia que o goberno do PP segue defendendo “a pé firme os intereses dos banqueiros e dos especuladores” e que todas as medidas políticas que se están a adoptar van no mesmo camiño: “garantirlles aos donos dos bancos e das grandes empresas multinacionais, os verdadeiros responsábeis desta crise económica, que os seus intereses e beneficios van estar asegurados, aínda que sexa a custa de empobrecer a maioría da poboación, de acabar cos servizos públicos e de endebedar ao Estado durante moitos anos”.
Esta situación é, para a central sindical “inadmisíbel” porque mentres isto sucede, os responsábeis: directivos de bancos e caixas, gobernadores do Banco de España, ministros de economía, presidentes de goberno, políticos corruptos e grandes defraudadores de Facenda, “non só non se lles esixe responsabilidades penais senón que son premiados con indemnizacións multimillonarias, con cargos en consellos de administración de empresas multinacionais ou entidades financeiras diversas ou con amnistías fiscais”.
Ante isto, a CIG afirma que non se pode consentir este “saqueo masivo e descarado” que se está a facer coas clases traballadoras, levándonos a unha “situación social insostíbel” e a unha “situación económica sen saída” e fai un chamamento á mobilización para denunciar esta situación, esixir responsabilidades, pedir a dimisión en pleno do Goberno Español e da Xunta de Galiza, “por mentireiros, incompetentes e gobernar ao servizo dos banqueiros, dos especuladores e dos delincuentes que defraudan a Facenda”.
Seixo lembra que a CIG xa denunciou perante a fiscalía xeral do Estado, aos directivos das caixas de aforros de Galiza polas fortes indemnizacións que cobraron e hoxe está aberta unha investigación por parte da fiscalía anticorrupción e que presentou, xunto coa central sindical nacionalista vasca ELA, unha denuncia, perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo, contra os gobernadores do Banco de España, contra os ministros de economía dos últimos gobernos españois, así como contra o actual presidente, Rajoy e os anteriores, Aznar e Zapatero.
A central sindical convoca ademais, para o vindeiro 1 de xullo manifestacións nas sete cidades galegas para denunciar esta situación, exixir castigo penal para os culpábeis, exixir a dimisión do goberno español e da Xunta, reivindicar a necesidade dunha banca pública, dunha política fiscal xusta, dun maior investimento público e dunha políticas económicas e sociais ao servizo dos intereses das clases populares.
Video da concentración en Lugo