Convoca concentracións en todas as comarcas para o vindeiro venres, día 15 de xuño, e manifestación o día 1 de xullo.
A Executiva Confederal da CIG reunida este luns, acordou pór en marcha unha campaña de información, sensibilización e de mobilizacións ante o anuncio do rescate do sector financeiro por uns 100.000 millóns de euros. A campaña consistirá na convocatoria de actos nas empresas e na vía pública, xunto coa convocatoria de concentracións de delegados/as en todas as cidades o vindeiro venres, día 15 de xuño, e de manifestacións nas sete comarcas de Galiza, o día 1 de xullo, para denunciar “o saqueo dos gobernos e da banca á clase traballadora”.
Para a Executiva Confederal da CIG, o rescate suporá a transferencia da débeda dos bancos ao sector público, porque o Fondo de Estabilidade Europeo a quen lle presta os cartos, realmente, é ao FROB. Isto terá como consecuencia un incremento significativo do déficit e da débeda pública e levará aparellada a exixencia de novas medidas de recorte que empeorarán aínda máis as condicións de vida da clase traballadora, da maioría social, hipotecando, ademais, o futuro da nosa mocidade.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que a situación na que se atopa o estado español, non se debe a que houbera moita débeda pública, senón á débeda privada, nomeadamente á que foron contraendo as entidades financeiras españolas con entidades financeiras dos países europeos, fundamentalmente con Alemaña.
Unha débeda moi vinculada á burbulla inmobiliaria, por teren concedido créditos de forma xeneralizada a irresponsábel, e incrementada por mor da súa posta en circulación nos mercados especulativos. “Un enorme burato negro que teñen que pagar nos próximos meses e para o que non teñen recursos. Por iso, agora o Estado ten solicitar este préstamo ao FEE, para garantir que os bancos poden pagar ás entidades financeiras europeas, e se eles non poden, teñen a garantía de que a débeda a asumirá o Estado”.
Seixo afirma que a situación derivada da decisión de solicitar o rescate “é gravísima” e alerta de que non vai garantir que flúa o crédito á pequena e mediana empresa, nin axudar a reactivar a economía e crear emprego. “Son cartos que van destinados unicamente a pagar os pufos que a banca española ten contraídos coa banca alemá. Vai agravar aínda máis a situación, non vai favorecer a recuperación económica e tampouco á creación de emprego. Terá consecuencias directas nas condicións de vida das persoas, rebaixará máis as condicións salariais e provocará un empeoramento da calidade dos servizos públicos”.
Ante esta situación a CIG acordou promover mobilizacións para denunciar o saqueo dos bancos e dos gobernos á clase traballadora; denunciar aos responsábeis da crise; exixir responsabilidades e demandar que o estado non pague a débeda ilexítima, consecuencia da especulación. As concentracións de delegados serán o 15 de xuño en todas as comarcas e convocaranse manifestacións nas sete cidades o 1 de xullo.