Esta privatización xa tentara levarse a cabo na época do Goberno Aznar. As competencias de inspección sanitaria da Xunta de Galiza e a Consellaría de Sanidade quedarían en mans das Mútuas.
O Real Decreto que está sendo elaborado polo Goberno sobre o control dos procesos por incapacidade temporal nos primeiros trescentos sesenta e cinco días da súa duración, está orientado a que as Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social (MATEPSS), sexan as que dirixan esta prestación e actúen como autoridade de control , ignorando as propias competencias do Servizo Galego de Saúde.
As Mutuas de Accidentes de Traballo son entidades formadas por asociacións de empresarios que teñen a consideración legal de carácter público, e con este RD ábrese a porta a que sexa o inicio da privatización da asistencia sanitaria dos traballadores como, no seu momento fixo a Lei 15/1997, de 25 de abril, sobre habilitación de novas formas de xestión da Sanidade Pública: Fundacións Sanitarias, contratos de colaboración Público-Privado, etc.
Ademais complica a xestión das Propostas de Alta. As diferentes mutuas poderán remitir, directamente, solicitude de informe as/os médicas/os de Atención Primaria, tendo estes catro días para contestalas e de non facelo o paciente causaría Alta por silencio administrativo, o que pode redundar en fonte de conflitos e inseguridade xurídica tanto para Médico de AP, como para os pacientes.
Posibel vulneración da confidencialidade dos datos clínicos
Outro aspecto destacable do Real Decreto é que, coa escusa do control da prestación económica da IT, preténdese conceder o acceso integral á Historia Clínica Electrónica para as entidades xestoras da IT, entre elas as Mutuas, desvirtuando o seu carácter clínico, ao servizo das e dos pacientes. Pola contra, as historias das traballadoras e traballadores en mans do INSS e das Mutuas, que recolle boa parte da patoloxía laboral dos seus pacientes, permanece opaca para o Servizo Galego de Saúde dificultando así a detección da posible orixe profesional de moitas continxencias comúns.
CIG-Saúde demanda do Goberno a retirada deste Real Decreto e da Xunta que defenda ás súas competencias, reclamando o mantemento das funcións da Inspección Médica e das e dos médicos de Familia.