Once manifestacións percorrerán, neste Primeiro de Maio, cidades e vilas de Galiza baixo o lema “Contra a explotación e a pobreza. Fagámoslle fronte á Unión Europea. Organización, loita e soberanía”. Con elas a CIG quere denunciar a situación de pobreza, precariedade e desemprego que afecta a miles de galegas e galegos. Unha situación que está a provocar a masiva emigración da nosa mocidade e que empeora por mor das políticas promovidas pola UE e aplicadas pola Xunta de Galiza e o Goberno español. Por iso fai un chamamento a organizarse contra o sistema capitalista e reclamar outro modelo máis xusto, solidario e democrático
Na Galiza preto de medio millón de persoas están baixo o umbral de pobreza, e desta cifra, case cen mil son menores de 18 anos, segundo Cáritas. Cada mes máis de 150 familias perden a vivenda.
Políticas promovidas desde a Unión Europea, coa colaboración da Xunta de Galiza e do Goberno Español, están estrangulando a economía galega, a nosa pesca, o noso sector agrogandeiro, o sector naval, o sector do comercio ou o noso sector financeiro. O noso pobo sofre un éxodo propio dun país empobrecido, colonizado e utilizado como man de obra barata para os países ricos e as grandes multinacionais que gobernan Europa.
O número de desempregados/as alcanza cifras históricas, 280 mil persoas no desemprego, o 22% da nosa poboación activa. Desde o inicio da crise, máis de 100 mil galegas e galegos, principalmente mozos e mozas menores de 35 anos, marcharon á emigración en busca de traballo. Con eles, o desemprego real supera o 30%. Un dato que a Xunta oculta e manipula.
O PP está a gobernar abertamente en favor dos intereses dos grandes poderes económicos, aportando miles de millóns de euros do erario público para axudas á banca (107.000 millóns de euros); convertendo o ensino, a saúde, a asistencia social e as pensións en negocio para o capital privado; afondando nunha política fiscal inxusta que incrementa os impostos indirectos e rebaixa os impostos directos ao capital; promovendo contrarreformas laborais que só buscan rebaixar salarios, facilitar os despedimento e substituír contratos fixos e a xornada completa, por contratos temporais ou a tempo parcial, incrementando así os beneficios e o poder da patronal e empobrecendo e debilitando á clase traballadora.
Diante da contestación social, fronte a estas políticas antiobreiras e antisociais, o PP opta pola represión e polo recorte das liberdades públicas, a través da modificación do Código Penal e da Lei de Seguridade Cidadá, situándonos diante dun auténtico estado policial que en moitos aspectos retrotráenos á época franquista.
O capital, a nivel internacional, está a aproveitar a súa propia crise sistémica para afondar nas políticas ultraliberais que conducen a máis desigualdades sociais e a unha maior concentración e centralización da riqueza e do poder. Para iso non reparan en promover recortes de dereitos, de liberdades e en vulnerar a soberanía dos Estados, mesmo recorrendo a provocar e financiar guerras que destrúen países e deixan unha estela de miles de mortos e millóns de persoas desprazadas.
Cómpre, polo tanto, a loita solidaria da clase obreira de todo o mundo, desde a súa propia realidade e autoorganización, contra este sistema socioeconómico capitalista, na procura da conquista doutro modelo de organización económica e social máis xusto, solidario e democrático, que garanta un reparto igualitario da riqueza e que sexa respectuoso co dereito á liberdade e soberanía de todas as nacións, incluída a galega.
Manifestacións convocadas
Vigo: Ás 11,30h. na Doblada
A Coruña: Ás 12,00h na Praza de Vigo
Pontevedra: Ás 12,00h. Praza da Ferrería
Vilagarcía: Ás 11,00h. na Casa do Mar
A Estrada: Ás 12,00h. na Praza do Mercado
Ferrol: Ás 12,30h. Av. de Esteiro (local CIG)
Compostela: 12,30h. na Praza Roxa
Ribeira: Ás 12,00h. na Praza do Peixe
Lugo: Ás 12,00h. Ronda da Muralla (Edificio Sindical)
Ourense:Ás 12,00h. Pavillón dos Remedios
Cangas: As 19h. Praza do Concello