O 10 de marzo de 1972 dous compañeiros (Amador e Daniel) morrían en Ferrol defendendo os nosos dereitos e liberdades, os de todas e todos, non só os seus.
A CIG outorga o Premio do Día da Clase Obreira Galega a traballadores/as de Albada (empresa participada por Florentino Pérez, o muchimillonario da lista Forbes que "non sabe canto diñeiro que ten"...)
O persoal desta empresa coruñesa protagonizou unha folga de máis de tres meses para conseguir un novo convenio. Grazas a isto conseguiron evitar as pretensións da empresa: baixada brutal de salarios, incremento da xornada e máis despedimentos.
A CIG chama a mobilizarse este 10 de Marzo polo dereito a un emprego digno na Galiza.
Horarios e lugares das manifestacións
- Ferrol, ás 20:00 horas dende os locais da central sindical. Ás 12:30 horas realizarase a ofrenda floral no monumento 10 de Marzo.
- Vigo, ás 19:30 horas dende Vía Norte.
- Compostela, ás 20:00 horas dende a Praza Roxa.
Se no ano 1972 Ferrol e Vigo vivían a loita máis dura da nosa clase contra a ditadura franquista, en defensa dos nosos convenios, dos dereitos no traballo e do emprego, neste 2014 vivimos outra ditadura: a dun réxime ateigado de corrupción que goberna a favor dos máis ricos, dos bancos e das grandes empresas.
Mais existen alternativas e un futuro digno para o noso pobo é posíbel. É por iso que a CIG está a promover unha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento Galego que contempla até 100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego digno na Galiza, e a través da que tamén se demanda soberanía para poder gobernar os nosos recursos e defender os nosos intereses como nación.