Delegadas e delegados da área pública da CIG desenvolveron unha concentración na mañá deste martes diante do Parlamento de Galiza para amosar o seu rexeitamento ás medidas de redución do déficit público adoptadas polo goberno estatal e que a Xunta de Galiza vai aplicar aos empregados/as públicos, sen minimizar o seu impacto, a pesar de ter capacidade para facelo. As Federacións de Administración, Ensino e Saúde denunciaron novamente a hipocrisía do PP e demandaron que antes de recortar as retribucións dos traballadores/as se reduzan os numerosos gastos superfluos da administración.
A protesta realizouse coincidindo co debate no Parlamento Galego das medidas para reducir o déficit público que propón a Xunta en transposición das aprobadas no Congreso dos Deputados. A área pública da CIG xa manifestara o seu rexeitamento á aplicación en Galiza destas medidas na xuntanza da Mesa Xeral da Función Pública do pasado día 7 de xuño, na que reclamaron ao Executivo de Feijoo que exercese as competencias autonómicas para evitar consolidar un dobre recorte retributivo para os empregados e empregadas públicos/as.
As federacións de Administración, Ensino e Saúde denuncian a incoherencia do PP, que votou en contra no Congreso para logo aplicalas en Galiza. Respecto do preámbulo de proxecto de decreto que o PP se presentou hoxe no Parlamento galego para a súa ratificación, a CIG considera que é dunha “hipocrisía manifesta”, xa que, non asume a súa corresponsabilidade co goberno central pero logo, é cómplice e seguidista porque non introduce cambios respecto do decreto aprobado no Congreso.
Esa hipocrisía é aínda maior cando se constata a renuncia do goberno galego a facer uso das súas competencias plenas en materia de retribucións complementarias, sobre as que tamén aplica os recortes previstos para o conxunto da masa salarial. A CIG entende que se houbese unha mínima vontade tería recorrido o decreto e non o fixo, o que constata que están de acordo con estas medidas.
Recortes noutras materias
Para as federación da área pública da CIG este reaxuste é inadmisíbel, toda vez que desde a Xunta se poderían facer recortes en moitas materias antes que facer pagar a crise e o déficit aos empregados/as públicos/as. Así, mencionan a eliminación do Plus dos Altos Cargos, a redución dos múltiples gabinetes e asesores , recortes nos gastos en publicidade institucional )nomeadamente no millón de euros que se vai destinar a vender o decreto de plurilingüismo), o parque móbil ou as enormes cantidades que se embolsan os representantes da administración por aparecer na infinidade de Consellos de Administración nos que participan.
Redución da administración pública
Dende as Federacións da área pública da CIG advírtese tamén que os recortes decretados polo goberno traerán tamén unha diminución drástica da administración pública. Neste senso, lembran que o Goberno acaba de aprobar unha taxa de reposición do 10%. Isto significa que de cada 100 empregados/as públicos que se xubilen ou deixen os seus postos so se van cubrir 10 prazas. Esta situación levará unha maior privatización e externalización dos servizos públicos que, en tempos de crise, teñen que estar máis defendidos e apoiados polos Estados.