Máis que CIG-Autonómica

Dende 2010 o persoal acumula unha perda do poder adquisitivo do 17,30 %

Delegadas e delegados da CIG-Administración concentrámonos o martes 12 de xullo diante da Delegación do Goberno na Coruña pola recuperación real e efectiva do poder adquisitivo e os dereitos do persoal empregado público. A protesta enmárcase na campaña que a CIG está a desenvolver ao longo de todo este ano e que ten como obxectivo que nos orzamentos da Xunta e do Estado para 2023 se contemplen toda unha serie de medidas para facer fronte á carestía da vida.

Desde o ano 2010 o colectivo de empregadas e empregados públicos acumula unha perda do poder adquisitivo do 17,30%. Para facer fronte á carestía da vida, a CIG propón un paquete de medidas que pasan por un incremento salarial do 5% en cada unha das tres anualidades do período 2022-2024 para poder recuperar os salarios perdidos.

Este deterioro iniciouse en 2010, co recorte do 5% aplicado polo Goberno de Zapatero. Xa nese ano, sumando o IPC, acumulouse unha perda do 8%, que se foi afondando até agora, incluso coa aplicación do acordo mal chamado 'para a mellora do emprego público' asinado polos sindicatos estatais.

O empobrecemento progresivo no sector público é evidente até o punto de que o persoal das categorías e grupos máis baixos da administracións viron actualizados os seus salarios só grazas ao incremento do SMI. Neste senso, o 17,30% de perda acumulada calcúlase sobre o IPC estatal, porque se tomaramos como referencia o IPC galego, a perda aínda é maior.

Cláusula de garantía salarial

Ademais da suba das retribucións, a CIG-Administración demanda o establecemento dunha cláusula de garantía salarial pola desviación do IPC, ao igual que xa existe en moitos convenios colectivos. Cumpre establecer a negociación dun acordo coas centrais sindicas para que ano tras ano se aplique esta cláusula que permita manter o poder adquisitivo dos salarios do persoal empregado público.

Ao tempo, dende a CIG- Administración reivindicamos a derrogación de toda a lexislación lesiva tanto para o persoal traballador como as propias administracións, como é o caso da taxa de reposición, que na última década limitou a creación de emprego público, favorecendo a precariedade laboral e o desmantelamento dos servizos públicos. Manter a día de hoxe a taxa de reposición, cando ademais están en marcha os procesos de estabilización, é unha farsa porque non se está a crear emprego novo.

Xornada de 35 horas

No paquete de medidas proposto pola CIG apostamos por avanzar na repartición do mercado de traballo, estabelecendo a xornada de 35 horas semanais, e acabar co abuso das horas extraordinarias. De igual xeito, tamén se reclama a actualización dos decretos que regulan as dietas e os desprazamentos, atendendo ao prezo disparado do custe da vida.

O obxectivo da federación de Administración é que este paquete de medidas se aplique de cara aos orzamentos xerais do Estado e os orzamentos da Xunta de Galiza, polo que seguiremos mobilizándonos nos próximos meses para conseguir reverter este deterioro e poder recuperar os nosos dereitos e os nosos salarios.

 

Outras novas recentes

Xoves, 25 Mai 2023

Resolución do concurso de Finanzas

Recibimos comunicación da Dirección Xeral da Función Pública na que nos informa de que a resolución do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas superior e técnica de finanzas, convocado por Resolución do 14/07/2021, será publicada no DOG do luns 29 de maio.
Xoves, 25 Mai 2023

Os negocios da Vicepresidencia Segunda da Xunta co Colexio de Psicoloxía de Galiza e coa Asociación Nacional de Peritaxe Social

A saturación nos equipos psicosociais dos IMELGA, da Xunta de Galiza, que presentaban un atraso na elaboración de informes periciais, nalgunhas delegacións de ata 2 anos, foi unha das críticas expostas polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na apertura do ano xudicial en setembro de 2022. A resposta inicial da Xunta foi o incremento de horas extras do...
Xoves, 25 Mai 2023

RPT de Augas de Galiza (para MX 29/05/23 e CP 30/05/23)

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos e da Comisión de Persoal que serán, respectivamente, o luns 29/05/23 e martes 30/05/23, coa seguinte Orde do día: RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE AUGAS DE GALIZA Descargar Esta modificación comezou a súa tramitación cos sindicatos o 4 de outubro do 2022. Case oito meses...