Novas por contido

A CIG-Área Pública vén de dirixirse por escrito á ministra de Facenda e Función Pública para exixir á convocatoria inmediata da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas co obxectivo de iniciar canto antes a negociación das medidas de recuperación dos salarios e dos dereitos do persoal empregado público que debe conter o Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado para 2023.

A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) rexeita que o Goberno español pretenda puentear a Mesa Xeral (na que están presentes as centrais sindicais máis representativas no ámbito da función pública) ao convocar unha reunión só con tres sindicatos (CCOO, UGT e CSIF) para abordar e pactar unha suba salarial que afecta a todo o persoal empregado público.

Se o Goberno ten interese en facer unha rolda previa de contactos, a Área Pública da CIG reclama non ser excluída e que, na súa calidade de sindicato máis representativo, sexa tamén convocada á reunión do próximo mércores para explicar as súas propostas.

Marco legal de negociación

En todo caso, lembra que o ámbito legal de negociación das condicións laborais e económicas dos traballadores e das traballadoras ao servizo das Administracións é a Mesa Xeral. Que o Goberno español pretenda chegar a acordos fóra deste marco, contando só cunha parte da representación sindical, furta o dereito fundamental de participación das miles de empregadas e empregados públicos galegos que escolleron á CIG como sindicato de referencia.

A CIG non vai tolerar que, unha vez máis, o Goberno busque pactar con aquelas forzas sindicais que entende como 'amigas' unha suba salarial para todo o persoal empregado público e despois levar este acordo á Mesa Xeral como unha proposta pechada, sen posibilidade de cambios, e coa que as demais organizacións sindicais, ás que non se lles permitiu participar da negociación, teñan que comungar.

Este procedemento de negociación escurantista fóra dos ámbitos legais vivímolo recentemente na modificación do Estatuto Básico do Empregado/a Público e o resultado non puido ser máis desastroso para o conxunto das administracións.

Existe un marco legal que o Goberno español e as centrais sindicais estatais teñen que respectar. A CIG, que ostenta a condición de sindicato máis representativo no ámbito do persoal empregado público de Galiza, non consentirá que se pretenda usurpar o marco propio de negociación baixo a coartada do diálogo social, intentando ademais por esta vía desactivar as mobilizacións e protestas no sector público.

A CIG-Área Pública exixe a convocatoria inmediata da Mesa Xeral para tratar a recuperación dos salarios, das condicións laborais e dos niveis de emprego nos termos da proposta trasladada pola central nacionalista ao Ministerio de Función Pública. Despois de máis dunha década de recortes e desmantelamento dos servizos públicos, cunha perda do poder adquisitivo acumulada que supera o 17% e o custe da vida medrando sen control, cómpre que recoñeza o esforzo soportado durante a crise polas persoas empregadas públicas e se restitúan os dereitos e as condicións de traballo suprimidas.

Outras novas recentes

Martes, 04 Agosto 2026

Caos —de novo— nas nóminas de Medio Rural

Máis de 50 compañeiras e compañeiros ven como a Administración lles desconta máis de 1000 euros nas nóminas de xullo.  O caos na xestión das nóminas do persoal de Medio Rural volve quedar en evidencia. Nesta ocasión, máis de 50 axentes ambientais da provincia de Pontevedra sufriron descontos superiores aos 1000 euros na nómina de xullo baixo o concepto «Específico...
Martes, 11 Agosto 2026

O presidente vai de procesión: Rueda pode facer o que lle pete; a Xunta, non

Na CIG defendemos unha Administración pública aconfesional, neutral e de todas e todos, que non empregue os seus medios institucionais para dar relevancia pública a unha opción relixiosa particular, nin para facer publicidade da dimensión persoal de quen ocupa a Presidencia. Si, Alfonso Rueda, a título persoal, pode facer o que lle pete: pode ir a unha procesión, acudir á...
Luns, 03 Agosto 2026

Modificación da RPT de Medio Ambiente e Cambio Climático (29/07/2026)

Nesta xuntanza por parte da CIG solicitamos que o persoal que actualmente non fai quendas poida manter a súa situación até que a praza quede vacante; insistimos na urxencia de abrir a negociación integral das condicións de  traballo da escala de Recursos Naturais e Forestais; e reiteramos a nosa solicitude de abril para abrir unha negociación global sobre quendas, domingos e...