A nova publicada hoxe, 21 de febreiro, en La Voz de Galicia, subtitulada “Relato dunha xornada sen estrés en San Caetano, alma administrativa do país” significa un paso máis na campaña mediática que, aos medios de comunicación dependentes das grandes subvencións dos gobernos de turno, están a levar contra os empregados públicos.
Hoxe, 21 de febreiro, na Comisión de Persoal, amortizáronse 51 postos de traballo do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol e o seguinte van ser 148 prazas de peóns e peóns condutores da Consellería de Medio Rural. Non en tanto para “La Coz”, o xornal máis vendido en Galicia, o máis importante é se os funcionarios tomamos un café na cafetaría de San Caetano, a que hora fichamos e se se pode facer algún trapicheo co tema da ficha.
Precisamente este medio de comunicación estrenou en xaneiro pasado unha imprenta subvencionada polo IGAPE con 2,2 millóns de € (cantos 5 % suman?) para “ampliar as súas instalacións e incorporar nova maquinaria de impresión, elementos de transporte interno e equipamentos informáticos”.
Estes medios de comunicación subvencionados están a avisar de novos recortes contra os traballadores públicos, criminalizando a nosa función, desviando da vista da xente os problemas importantes, como é botar á rúa a decenas dos compañeiros dos servizos sociais, para acabar desmantelando por completo estes servizos e entregarllos en bandexa a empresas privadas controladas polos grandes magnates do estado, por ex. Florentino Pérez.
O obxectivo é claro: denigrar ao empregado público e ao seu traballo e tachalo de lacazán, que o resto da poboación asimile iso como un dogma de fe, que ninguén o discuta. Hai que acabar con nós porque somos os culpables de todos os males. Tal e coma facía Goebbels, o que ocorre é que os xudeus agora somos todos os empregados públicos. Hai que preparar o terreo na poboación para provocar unha noite dos cristais rotos na que o Servizo Público será finalmente liquidado e entregado ao capital. A solución final.
Basta xa de que degraden o noso traballo, de investigacións pseudo científicas onde se manda a un xornalista mercenario a que pase toda a mañá por San Caetano, pase horas na cafetería e polos corredores, falando non se sabe ben con quen, e o único que lle chama a atención é o conselleiro de Medio Rural que sae con cara de cansazo. Claro, ese si que traballa, como lles dá subvencións…
Podemos propor ir redacción por redacción dese xornal (Ollo: proposta para os inspectores de traballo) e comprobar que tipo de contratos asina La Voz de Galicia aos seus traballadores, comprobar que non haxa ninguén sen dar de alta na Seguridade Social, que non se explota aos bolseiros, que cun contrato a media xornada non se traballa o dobre de horas, etc.
Dende a CIG Autonómica facemos un chamamento á defensa da nosa dignidade como empregados públicos. Non lle debemos nada a ninguén e menos aos xornais subvencionados que se manteñen con cartos públicos. Todas e todos pasamos por un proceso regulamentado por lei onde a igualdade, mérito e capacidade está aberta para toda a poboación, non como as convocatorias escuras onde La Voz de Galicia sufraga as súas perdas contables. O noso traballo garante os dereitos fundamentais da cidadanía, o traballo deste xornal non garante nin a liberdade de expresión.