Novas por contido

O luns 17 de decembro a nosa "patronal" volveu pasar o rodillo na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, impoñendo á representación sindical o seu parecer en dous asuntos de importancia para o persoal: os criterios xerais para a Oferta de Emprego Público do 2012, e a Relación de Postos de Traballo da Axencia Tributaria Galega.

Foi unha Mesa tensa, bronca, na que o Director Xeral da Función Pública ameazou por dúas ocasións á representación da CIG con expulsalos da sala de manter estes a súa actitude. Comezou a CIG interrumpindo o comezo da Mesa e lendo un escrito, en pé, para que os representantes da "patronal" nos mirasen á cara (estamos fartos de verlles ao cogote nunha "aula" de formación co profesor no taboleiro). Ante a nosa negativa a sentarnos e a deixar de ler fomos ameazados coa expulsión que, chegados a este punto, non é algo que nos preocupe.

Na Mesa trataronse tres asuntos: 1) Convenio AMTEGA-EGAP-Entidades promotoras de formación en competencia dixital, 2) RPT da Axencia Tributaria de Galiza, e 3) criterios xerais para a Oferta de Emprego Público-2012.

A RPT da Axencia Tributaria de Galiza é un exemplo de imposición, de discrecionalidade, de falta austeridade para uns e despilfarro para outros. A proposta da consellaría de Facenda vai ir adiante con tan so uns pequenos trocos respecto da proposta inicial. Despois dunha única xuntanza o mércores 12, fomos convocados o venres 14 para a Mesa Xeral do luns 17, sen tempo material a preparar a documentación, a compartila, a recibir suxestións. Nen sequera lles deu tempo a ler as nosas oito páxinas de alegacións que lles achegamos o venres 14. Teñen previsto (segundo nos contan) crear a nova escala de Axentes Tributarios (C1) mediante lei no primeiro semestre no 2013.

Posto que foi imposibel que puidesen ler as alegacións da CIG, nos tomamos todo o tempo do mundo para explicalas polo miudo e así, polo menos, non dar por tirado o noso tempo investido en preparar a RPT da axencia.

Entre os cambios de última hora (entregados o mesmo día da Mesa), parece ser que: van limar os agravios comparativos de dar unha solución universal de adscrición definitiva a todo o persoal de concurso canto menos, facendo nun par de casos enxeñería de recolocación en aras dun par de xubilacións que terán lugar en xaneiro; o persoal cesado por LD tamén se lle dará acubillo na estrutura actual; deixan sen amortizar unha praza vacante ocupada por persoal interino.

Cos criterios xerais para a OEP-2012, outro tanto en canto á imposición. Nunca antes houbo unha xuntanza, un borrador, unha conversa. O venres 14 nos achegan o documento xunto coa convocatoria, e o luns a discutilo, sen tempo para discutilo con ninguén. A oferta é un remexido das do 2009 e 2011, retirando a reclasificación do posto en promoción interna. Algún posto novo van ofertar (promoción interna de corpos xerais e axencia tributaria), pero non o sabemos pois non nos mandaron a documentación completa. O único que concretan é a promoción interna que teñen intención de convocala na primeira mitade de ano.

O xoves 20 van aprobar definitivamente estes asuntos na Comisión de Persoal así que en poucos días estarán publicadas no DOG. Unha vez que dean ese paso, a CIG presentará un contencioso-administrativo para a súa anulación xudicial.



Escrito presentado na Mesa Xeral pola CIG como cuestión de orde:



xxxxxxxxxxxxxx, con documento de identidade xxxxxxxxxxxxx, representante da Confederación Intersindical Galega na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, expoño:

1º. Que o venres 14 de decembro, ás 12:28 horas recibimos un correo electrónico enviado dende a Dirección Xeral da Función Pública polo que se nos convocaba a unha sesión extraordinaria da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos que se realizaría o luns 17 ás 12:30 horas. A convocatoria orixinal (sen máis documentación que a acompañase), foi entregada en man no local da CIG e asinada ás 12:37 horas do venres 14.

2º. Que non se nos ofrece unha explicación que xustifique a convocatoria da Mesa Xeral en sesión extraordinaria.

3º. Que os tres puntos da Orde do Día serían tratados, xa que logo, sen o máis mínimo respeto á boa fe negocial en canto que a premura dos prazos impide unha negociación real.

4º. Que o primeiro punto, “proxecto de acordo polo que se aproba a relación de postos de traballo da Axencia Tributaria de Galicia” carece do máis mínimo respeto ás organizacións sindicais e canto:

a) O mércores 12 de decembro houbo unha xuntanza entre as organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Función Pública de Galiza e responsábeis da Consellaría de Facenda, representada polo xefe de servizo de persoal e o director xeral de tributos.

b) Ao día seguinte, xoves 13 de decembro, o director da axencia (que resulta ser o director xeral de tributos por encomenda publicada no DOG dese mesmo día), asina un escrito no que remite á Dirección Xeral da Función Pública o listado de equivalencias, memoria xustificativa, memoria económica, listado de postos e acta da xuntanza cos sindicatos. No escrito, rexistrado a día 14, solicita tramtiación.

c) A acta da xuntanza coas organizacións sindicais foi utilizada sen que en ningún intre os representantes sindicais tivesen acceso á súa lectura.

d) O venres 14, a CIG fai entrega das súas alegacións, por rexistro en Pontevedra e adianto por correo electrónico ás 13:42 horas dese mesmo día.

e) Mentres tanto, sen tempo material a que as alegacións da CIG puidesen sequera lerse por parte dos responsábeis da Axencia, o secretario do Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galiza certifica o venres 14 que ese mesmo día foi a sesión constitutiva da axencia e que nela se aprobou a proposta da súa Relación de Postos de Traballo. Porén, xa o día anterior, xoves 13, o director da axencia asinara a súa remisión á Dirección Xeral de Función Pública.

f) O Director Xeral da Función Pública emite informe o mesmo día da remisión da documentación da Axencia. Entre outras cousas, di no seu informe que ese mesmo día entrou na súa Dirección Xeral a petición de informe.

g) Sen sair do venres 14, o Director Xeral da Función Pública convoca a presente Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, en sesión extraordinaria, a realizar o luns 17 de decembro.

5º. Que no segundo punto, “convenio de colaboración entre a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicai (AMTEGA), a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), e entidades promotoras de accións formativas de ofimática”,

a) A convocatoria da Mesa Xeral, recibida o venres 14 ás 12:28 horas, acompañouse da documentación para este asunto da Orde do Día.

b) Ás 14:52 horas do venres 14 chega unha nova documentación, remitida dende AMTEGA.

c) Se xa foi moi xusto o tempo que nos deron para estudar convintemente o conxunto da documentación da Mesa Xeral, inda por riba nos están a restar tempo co troco de documento sen sequera acompañala dunha simple explicación dos cambios entre eles. Logo, entendemos estes trocos de última hora como un chanzo máis para dificultar unha negociación real.

6º. Que o terceiro punto, “criterios xerais para a oferta de emprego público 2012” é o límite do desprezo á representación dos empregados públicos pois:

a) Nunca antes se nos ensinou borrador algún do texto, nin se ten falado en ningunha xuntanza cos representantes dos traballadores.

b) O documento que acompaña o presente asunto da Orde do Día, de suma importancia para definir os futuros procesos selectivos, foi entregado por primeira vez o venres 14 ás 12:28 xunto coa convocatoria da Mesa Xeral para ser tratado na actual Mesa Xeral do luns 17.

c) Con este actuar os responsábeis da Administración Galega en materia de persoal están a impedir a negociación real, a posibilidade de que as organizacións sindicais cheguen a unha postura colectiva, e a que os nosos afiliados/as e resto de traballadores/as teñan coñecemento da proposta para achegarnos alegacións como representantes dos empregados públicos.

Por todo o anterior, solicito:

A incorporación deste escrito á Acta da sesión do 17 de decembro de 2012 da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos.

A retirada de todos os puntos da Orde do Día da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos do día 17 de decembro de 2012 e a apertura dunha negociación real dos asuntos.


Compostela, 17 de decembro de 2012

Presidente da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos

Outras novas recentes

Xoves, 19 Decembro 2024

A Xunta quere aprobar unha moi escasa Oferta de Emprego Público do 2024

Para seguir a tradición, a Administración achéganos na propia mesa (para que non dea tempo a reflexionar nin a alegar) catro follas cos anexos das prazas da OEP 2024. Limítanse a contarnos o que hai nas táboas. Polo tanto, ademais de que poidamos impugnar a propia OEP, estudaremos impugnar a falta de negociación. E ante a falta de datos ou de tempo para poder estudalos ou...
Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Mércores, 18 Decembro 2024

Consellarías de Educación e de Economía van adiante co traspaso forzoso e non negociado de persoal propio, laboral e funcionarial de GAIN

A última hora da xornada laboral do 16 de decembro, dende a dirección da Axencia Galega de Innovación (GAIN) remítesenos o texto oficial do 2º Acordo de traspaso: adscripción de postos con nivel orgánico inferior a sevizo e traspaso de créditos asignados aos servizos traspasado, entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería...