Novas por contido

Dª Ana María Díaz López, directora xeral de Colocación, foi condenada por despedimento improcedente a unha empregada do fogar. Sentenza do 15 de Maio de 2009. A noticia non é nova, mais diante das informacións vertidas aos medios por diversos membros do PP para ocultar, distorsionar e minorizar a realidade que os prexudica; queremos facervos sabedores da letra da sentenza na que esta señora foi condenada por despedimento improcedente.

Á luz da sentenza vemos claramente, no primeiro feito probado, que "a demandante prestou servizo como empregada do fogar no domicilio do Sr. Infante" e que "é despedida pola irmá do Sr. Infante, Da Ana María Díaz López". Tamén esclarece que, por un acaso, “na cociña de tal restaurante-cafetaría (da que é socio o Sr Infante) realizou actividade laboral como axudante de cociña 6 días á semana, 2 horas cada día." E isto, segundo o sexto fundamento de dereito, malia "non figurar alta na relación laboral común de axudante de cociña".

Xa que logo vemos que a demandante traballaba como empregada do fogar de Díaz López; ía xantar ao restaurante dos seus patróns e, unha vez que estaba alí, traballaba sen seguro na cociña do restaurante.

Esta relación laboral irregular finalizou por medio dun despedimento improcedente, levado a cabo pola actual directora xeral de Colocación. O fallo da sentenza sinala que "houbo despedimento improcedente na relación laboral como empregada do fogar" e "que houbo simultánea relación laboral como axudante de cociña e despedimento improcedente" e estabelece nos feitos probados que este despedimento estivo encarnado pola persoa de Ana María Díaz López (primeiro feito probado "é despedida pola irmá do Sr. Infante, Dª Ana María Díaz López").

Por se ficase algunha dúbida sobre a responsabilidade de Dª Ana María Díaz López neste lodo asunto, no quinto fundamento de dereito da sentenza puntualiza e destaca que a responsabilidade, de xeito solidario, correspóndelle "como titulares empresariais tamén a Dª Ana María Díaz López por selo, xunto con D. Infante da empregada do fogar". Quer dicir, que a empregada do fogar tiña como titulares empresariais (ou traballaba para) a Ana María López Díaz e ao seu irmán Infante. Esta é a letra da sentenza. Cómpre dicir tamén que a defensa da inocencia faise nos tribunais e, precisamente neles, quedou demostrada a culpabilidade da directora. Pode ser que haxa que sen considere por riba da Xustiza, quen a menosprece e quen se considere inmune ou impune diante das ilegalidades; talvez, ou non, teña relación con isto o feito de que Ana María Díaz López non acudise ao chamamento do xulgado para ir prestar testemuño.

Intentar eludir a responsabilidade, xudicialmente estabelecida, apelando a trécolas e supostas confusións, responde a unha actitude que se semella en todo ao que o xuíz sinala no primeiro fundamento de dereito cando di "canto máis se aproximen as partes á mala fe ou temeridade [...] máis difícil fan o chegarmos á verdade e, por contra, por mor dos seus obstáculos, convértense en xogadores máis que en colaboradores da Xustiza" e engade no quinto "crearon a confusión xurídica e material desas dúas relacións laborais sendo beneficiarios e organizadores de ambas". Sementar a dúbida e a confusión para eludir a responsabilidade e focalizar a atención en outros aspectos que a eles lles convén máis, isto é o que se aproxima á "mala fe ou temeridade"; agora esta actitude diante da xustiza está amplificada e amparada polo goberno do honorable sr. Feijóo.

O sr. Feijóo puxo a raposa a gardar das galiñas. Non queda máis que solicitarlle á esta señora a súa dimisión e ao Sr. Feijóo a súa inmediata substitución por outra persoa que, polo menos, non teña demostrado desprezo polos intereses dos traballadores.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...