Novas por contido

O recentemente constituído grupo de traballo da Xunta de Persoal para mellorar o desastroso funcionamento das Comisións de servizo vén de entregar por rexistro o primeiro documento e achegouse a continuación para falar co director xeral da Función Pública. Anuncian que van seguir todos os meses cribando as concesións das comisións de servizo e denunciando cada un dos incumprimentos co obxectivo final de mudar a normativa

A Xunta de Persoal transmitiulle ao director xeral de Función Pública a súa preocupación e indignación polo reiterado incumprimento da escasa normativa que regulamenta esta provisión temporal de postos. Fíxolle entrega de 6 exemplos recentes de renovacións de comisións de servizo que superan con moito o tempo máximo regulamentado para cubrir temporalmente eses postos con orixe ou destino nos servizos centrais da Xunta. Entre os ditos exemplos atópanse postos tanto de libre designación como de concurso ocupados preto de 5 anos de xeito consecutivo pola mesma persoa, como mostra das ducias e ducias de casos similares.

Sinala a Xunta de Persoal que na época actual de recortes nas condicións laborais e retributivas destaca aínda máis o dereito de todo o persoal funcionario a súa promoción profesional e real e libre concurrencia para ocupar estes postos. Este órgano de representación pon o énfase na necesaria transparencia e motivación das resolucións, na obxectivización da súa concesión e máis na necesaria rotatividade do persoal.

O director xeral da Función Pública comprometeuse a examinar cada un dos casos entregados e a solucionalos. Tamén comentou que en setembro se iniciaría a elaboración dunhas novas instrucións sobre a regulamentación das comisións de servizo. A colación disto comentou tamén que a recente modificación do Decreto de provisión, que só versa sobre o tempo para a toma de posesión, estase vendo atrasada polo informe da Asesoría Xurídica pero que contan tamén sacala para adiante en setembro.

Principais irregularidades

A Xunta de Persoal, ante os graves incumprimentos que se están dando na aplicación da normativa reguladora de provisión de postos de traballo vacantes en caso de urxente e inaprazable necesidade e, especialmente, na cobertura de prazas a través de comisións de servizo testemuñada nas irregularidades seguintes denuncia:

  • A duración de comisións de servizo por período superior a 6 meses en postos que se provén polo sistema de libre designación.
  • A duración de comisións de servizo por período superior a 2 anos en postos de concurso.
  • A subxectividade na elección de candidatos (sentenza 73/2013 do Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 de Ferrol anulando a concesión dunha comisión otorgada sen cumplir a lexislación actual.)
  • A alteración da normativa coas comisións de servizo cruzadas mediante simulacións en fraude de lei, sen un cambio efectivo do posto de traballo

Para a Xunta de Persoal este tema non vai quedar aquí e van seguir todos os meses cribando as concesións das comisións de servizo e denunciando cada un dos incumprimentos co obxectivo final de mudar a normativa. En calquera caso, en función da actitude da Administración, resérvanse o dereito da denuncia pública ou calquera outro tipo de acción, coma as xa emprendidas pola Xunta de Persoal de Lugo.

Propón como puntos a solucionar:

  • A solución inmediata das situacións fraudulentas que se manteñen na actualidade.
  • O establecemento dun procedemento de provisión obxectivo, que se diferencie significativamente no que se refire aos requisitos para a súa adxudicación dun sistema discrecional como o de libre designación e que garanta a igualdade ao acceso do persoal a ditos postos, a través do establecemento dun baremo no que se teña en conta a experiencia, antigüidade e formación.
  • A esixencia das responsabilidades que procedan pola concesión de comisións de servizo por período superior ao limitado pola normativa, tendo en conta que o dito incumprimento é unha práctica reiterada nesta Administración, tal e como se reflicte, a modo de exemplo, na relación achegada. Se ben tanto na lexislación aplicable como na páxina web de Función Pública, se fixan os límites temporais de 1 ano prorrogable por outro para os postos de concurso e de 6 meses para postos de libre designación, o incumprimento desta obriga por parte dos departamentos da Xunta de Galicia, fai preciso a adopción de medidas sancionadoras que poñan fin a ditas prácticas.
  • A regulamentación dun procedemento para a concesión das comisións de servizo que evite esta aplicación indebida da normativa, tendo en conta que o actual decreto, de marzo de 1991, está parcialmente derrogado, rexendo ao respecto resolucións administrativas que se están a incumprir de xeito reiterado

Outras novas recentes

Luns, 20 Xullo 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo de educación infantil e auxiliar coidadores

No DOG do 20/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos,...
Mércores, 15 Xullo 2026

Concurso Específico de persoal técnico de Medio Rural: a crónica dun concurso á carta

O martes 14 de xullo, discutimos con Medio Rural a súa proposta de Concurso Específico para os postos de xefaturas de distrito forestal. Constatouse unha máxima da moi rica e variada gastronomía galega: igual que temos caldo de repolo, de nabizas ou de grelos coas miles de variantes comarcais e incluso familiares, a Xunta pretende emulala nos concursos específicos.  O...
Xoves, 23 Xullo 2026

Zasca do Tribunal Supremo! á carreira profesional (ST 636/2026)

O que Xunta, CCOO e UGT che quitaron a CIG devólvecho nos xulgados Mentres a CIG gastaba tapas de zapato nos xulgados defendendo a dignidade do persoal laboral que obrigaban a funcionarizarse para cobrar a carreira profesional, os do "pacto da foto" (Xunta-CCOO-UGT) dicíannos de todo menos "bonitos/as" diante das traballadoras e dos traballadores. Axeonlláronse diante da...