Novas por contido

"Yo a los funcionarios no les voy a pedir más esfuerzos desde el punto de vista retributivo. Ya han hecho bastante". Isto era o que dicía o amigo Feijóo aló por agosto de 2012, nun clima preelectoral que é moi propicio para que estas cousas.

O ano pasado vendeu a rebaixa, logo da súa vitoria electoral, como se fose unha suba de soldo, dicindo que íamos “cobrar máis” ca o ano anterior. E agora que? Como vai vender isto, pois semella que este ano a táctica vai ser a ver se cola. Pois nós estamos desexosos de escoitar a argumentación deste ano, a ver que conta. Queremos explicacións de por que se nos van recortar as pagas extras do ano 2014, queremos saber por que se nos recorta a nós, aos traballadores da Xunta e non aos traballadores do Estado, sen ir máis lonxe, nisto si que somos pioneiros. E por segundo ano consecutivo.

Outro recorte máis, un tras outro, que se acumulan ao longo dos anos. Difícil de pórlle un número exacto, pero iso si... como cuantificar a mentira? a falacia? como se mide o xogo político no que os empregados e empregadas públicas non somos máis que unha peza?  Un recorte pode ter unha cuantificación económica moi clara, unha mentira non.

Lembremos tamén outra das súas grandes frases (encántalle escoitarse a si mesmo), xusto cando anunciou o recorte da paga extra naquel decembro do ano pasado: "A los contratados temporales y los funcionarios les hemos pedido un esfuerzo, pero su trabajo no corre ningún riesgo". Posteriormente, en maio deste ano, vimos desfilar a moitos dos nosos compañeiros da consellaría de Traballo e das unidades da Dependencia cara ás filas do paro.

Agora é un bo momento para lembrar o que é un Servizo Público, é un bo momento para lembrar que a todos eses bombeiros, persoal de emerxencias e sanitarios que traballaron horas a esgallo e en condicións fatais cando o fatídico accidente de Angrois, aqueles que lograron salvar tantas vidas, a todos eles, se lles vai recortar o salario o ano que vén.

Feijóo o austero, o íntegro, a voz inmaculada do Partido Popular, pero que está calado cando lle piden os expedientes de Marcial Dorado ou cando lle preguntan polo financiamento irregular do Partido Popular da Galiza. Para isto si que fala, como quen no quere a cousa, como se xa todo o mundo o tivéramos que saber, aínda que o diga doutro xeito: Volve recortar os salarios dos empregados e empregadas públicas. Pois ben, vainos ter enfronte.

O mais seguro é que nin se moleste en lernos, non nos importa; xa nos ten escoitado nas rúas e volverá a escoitarnos; xa lle teñen chegado as nosas denuncias no xulgado e volveranlle a chegar; xa nos ten visto marchando á porta da súa casa e volveranos a ver. A mentira tamén ten un custo e igual algún día acaba perdendo as eleccións e deixa de entrar pola porta grande da Presidencia en San Caetano, esa que só abren cando vén el.

Outras novas recentes

Luns, 06 Outubro 2025

A Xunta, cómplice de maltrato nas residencias

Dende a CIG apoiamos a loita do Comité de Empresa de Política Social fronte á posición de desleixo e inacción da Cosellaría, incapaz de aportar solución algunha ante o maltrato e as agresións que están a sufrir o persoal das residencias e as usuarias e usuarios.   Dende o Comité de Empresa de Política Social de Pontevedra convocouse o pasado venres 3 de outubro unha...
Mércores, 01 Outubro 2025

Concurso de traslados de enxeñarías, arquitectura e ciencias: apertura do prazo de toma de posesión

No DOG do 01/10/2025 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se modifica a Resolución do 9 de xullo de 2025 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma...
Xoves, 02 Outubro 2025

Persoal non docente de Educación mobilízase por unhas condicións de traballo dignas

Persoal non docente da administración e servizos dos centros de ensino concentrouse na tarde deste mércores, día 1 de outubro, diante das xefaturas territoriais de Educación para reclamar a negociación dun acordo de condicións de traballo que teña en conta as características específicas da prestación deste servizos, a creación dunha estrutura profesional nas cociñas, e...