Novas por contido

A central convoca unha manifestación nacional en Compostela, con saída ás 11:30h da estación intermodal.

Este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, a CIG ten convocada unha manifestación nacional que sairá ás 11:30 horas da estación intermodal de Compostela baixo o lema «Feministas e combativas. En loita pola nosa igualdade!». Cento dezaseis anos despois de celebrarse a Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, orixe da conmemoración, a central nacionalista fai un chamamento a debater sobre a situación social e política que atravesan as mulleres traballadoras galegas e a expoñer que medidas deben adoptar os gobernos e as patronais para rematar coa situación de discriminación e precariedade.

Se no ano 1910 as mulleres denunciaban a carestía dos alimentos, as duras condicións laborais, os baixos salarios e a fin dos conflitos bélicos, non será até o ano 1977 cando as Nacións Unidas proclamen o día para os dereitos das Mulleres e a Paz Internacional.

A CIG mantén a perspectiva de clase e a orixe que deu lugar á xornada de loita internacional denunciando que:

  • Pese a que as mozas galegas puideron acceder de maneira masiva a estudos superiores, seguen abocadas a emigrar se queren emanciparse e acceder a unha profesión acorde aos seus coñecementos e a unha vivenda digna.
  • Un posto de traballo nas distintas administracións públicas (sectores claramente feminizados) non garante hoxe en día un salario nin condicións dignas, como tampouco superar a fenda salarial. A falta de persoal precariza as condicións de traballo.
  • O recorte de persoal no ensino público, nomeadamente en atención á diversidade, así como a precarización do servizo e das condicións laborais nos sectores de infantil 0-3, centros de menores e de atención á discapacidade, afondan na desigualdade social.
  • O desmantelamento da atención primaria, as listas de agarda e a falta de camas nos hospitais, xunto cun enfoque da saúde que non ten en conta os procesos físicos e psicolóxicos que afrontan as mulleres, a falta de recoñecemento de doenzas relacionadas con enfermidades profesionais, e a inexistencia de coeficientes redutores de cara á xubilación en ocupacións feminizadas, dificultan unha vellez digna.
  • O modelo privatizador do PP non só afecta á sanidade. Os continuos recortes e a privatización dos servizos sociais, para a igualdade e atención á dependencia deterioran o servizo público, imposibilitando que as persoas maiores ou con doenzas incapacitantes poidan acceder aos coidados, precarizando o tipo de empregos que se crean para este fin e obrigando ás mulleres a que asuman ese rol coidador de balde.
  • As traballadoras galegas seguen ocupando maioritariamente traballos temporais e a tempo parcial. A fenda salarial acúrtase só por mor da suba do salario mínimo. Pero cada vez hai máis traballadoras pobres, o cal vai determinar as prestacións futuras (lembremos que as pensións da Galiza seguen a ser as máis baixas do Estado).
  • Os traballos feminizados seguen a ser minusvalorados económica e socialmente malia os intentos lexislativos para identificar e diminuír a fenda salarial. Cómpre o incremento salarial das profesións feminizadas e esixir que o réxime especial de persoas empregadas do fogar sexa regulado dentro do sistema ordinario da Seguridade Social, con retribucións acordes á importancia dese labor.
  • Os permisos e licenzas deben axustarse aos novos modelos familiares. Tanto a recuperación do parto como a situación de lactación natural debe garantirse até os 12 meses que recomenda a OMS por medio dunha prestación económica específica para amparar ambas as situacións. A incorporación ao traballo ten que ter lugar con todas as garantías, tamén en canto á protección de riscos laborais.
  • As denuncias de acoso e violencia no traballo deben ser investigadas con celeridade e concluír con sancións exemplarizantes no caso de comprobarse os feitos, e naquelas situacións que non fique acreditado por falta de probas, farase un seguimento dos riscos psicosociais, asegurando que non se produce máis dano. Os protocolos de prevención e actuación existentes deben revisarse e simplificarse para garantir a axilidade dos trámites. E debemos esixir, naquelas profesións cun alto risco de sufrir violencia no traballo, que se dispoña dun dispositivo de alerta xeolocalizado que permita facer unha chamada de emerxencia, alén dos protocolos e plans de prevencións correspondentes.

Fronte a esta situación, a Secretaría das Mulleres da CIG chama á mobilización e a rematar co silencio fronte aos ataques porque «só cunha acción combativa nos lugares de traballo, nas urnas, na negociación colectiva, nos fogares e nas rúas poderemos avanzar».

Aí están os exemplos das antergas nas manifestacións populares xurdidas contra o descontento coa situación económica e social da época loitando por obter produtos básicos a prezos xustos, denunciando os abusos no traballo (como a folga das cigarreiras en 1857, a das lavandeiras de 1907, as «revoltas da fame» e as «revoltas das pedradas» do ano 1918); ou en datas máis recentes, as loitas contra o peche de empresas e o ataque ao medio de vida, como o conflito da conserveira Odosa, na Illa de Arousa no 1989; a loita de Caramelo en 2009; das teleoperadoras contra a deslocalización en 2017; das dependentas de Inditex; das folgas de mulleres de 2018, 2019 e 2021; o conflito da limpeza de Lugo no ano 2024; as do SAF e residencias; ou do profesorado e da sanidade pública no ano 2025; entre outras.

Dende o feminismo galego e de clase comprometémonos a loitar contra as discriminacións, incorporando a perspectiva de xénero na nosa acción sindical, animando ás mulleres traballadoras de calquera sector a afiliarse á CIG, participar nas candidaturas ás eleccións sindicais, combatendo o capitalismo, o imperialismo, o colonialismo, o machismo, o racismo e o fascismo con rebeldía.

Outras novas recentes

Venres, 10 Xullo 2026

A conselleira de Política Social defende os intereses do empresariado do sector das escolas infantís e esquece a traballadoras e crianzas

Conselleira Fabiola: presente a dimisión xa! Gabinete de crise A conselleira de Política Social declara que se o goberno central aproba unhas novas ratios, coas cifras que se publicaron, acábase a gratuidade das escolas infantís. Cal gratuidade? A que, cos nosos impostos, lle pagamos ás empresas que prestan este servizo? Ás empresas que teñen as traballadoras co SMI ou por...
Mércores, 15 Xullo 2026

Concurso Específico de persoal técnico de Medio Rural: a crónica dun concurso á carta

O martes 14 de xullo, discutimos con Medio Rural a súa proposta de Concurso Específico para os postos de xefaturas de distrito forestal. Constatouse unha máxima da moi rica e variada gastronomía galega: igual que temos caldo de repolo, de nabizas ou de grelos coas miles de variantes comarcais e incluso familiares, a Xunta pretende emulala nos concursos específicos.  O...
Venres, 10 Xullo 2026

Modificacións das RPTs do Medio Rural e de Presidencia, Xustiza e Deportes (CP 10/07/2026)

Na modificación da RPT do Medio Rural os postos creados son insuficientes e non prevalece o sistema ordinario de provisión de postos, aínda que se incluíu o posto no acordo do SPIF. Canto á RPT de Presidencia, Xustiza e Deportes, non tiveron en conta o incremeto de media hora en todos os postos de persoal limpador, non aceptaron o aumento do complemento específico dun posto...